Arquitectura popular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Arquitectura vernácula»)
Pendello de feira de Agolada.
Casas rurais de pedra e arxila no Nepal.
Casa típica restaurada: black house en Trotternish, na Illa de Skye, Escocia.

Denomínase arquitectura vernácula, arquitectura tradicional ou arquitectura popular a todo tipo de arquitectura no que se empregan materiais e recursos da propia contorna na que a edificación é construída. Dese xeito, presenta carácter local ou rexional.

É a arquitectura das clases populares, sen arquitectos nin planos, realizada polos propios usuarios ou por artesáns con escasa instrución, que constrúen diversos tipos de edificios, basicamente as vivendas das áreas rurais, así coma diversos tipos de edificacións ou elementos auxiliares (muros, estradas, pontes, muíños, lavadoiros, fontes, hórreos, pozos, eiras, palleiras, pendellos etc.) Normalmente se relaciona co mundo rural agrícola.

Características[editar | editar a fonte]

Os materiais tradicionais son a pedra, a madeira, o barro (ladrillo) e materiais vexetais (coma colmo, vimbio, pólas de árbores etc).

As construcións e edificios da arquitectura vernácula son funcionais, adecuándose sempre á finalidade prevista e aos materiais dispoñíbeis en cada lugar. Caracterízanse por unha grande economía de medios, procurándose o aforro de traballo e materiais (aínda que ás veces se sobredimensione para asegurar cálculos). Empréganse técnicas sinxelas cuxa orixe se remonta a épocas anteriores que se teñen transmitido dunha a outra xeración mediante a tradición oral.

Arquitectura popular ou arquitectura vernácula, son termos que se aplican indistintamente ás construcións ou aos edificios que presentan trazas ou características tipolóxicas comúns en determinados ámbitos xeográficos de diversa extensión, por exemplo: o hórreo tipo tudense ou a casa do viño nnunha zona concreta de Galicia.

A historia da arquitectura, se vén ocupando tradicionalmente do estudo dos monumentos, da obra dos arquitectos, das correntes e estilos da «arquitectura culta» deixando de lado a «arquitectura sen arquitectos» que representa o 90% dos espazos onde a humanidade mora e traballa, fronte ao 10% que representan os edificios e espazos da «arquitectura culta»[Cómpre referencia].

É unha arquitectura preindustrial, complementaria da arquitectura culta, xa que ambas as dúas evolucionaron a partir dunha arquitectura primitiva. Por outra banda, en moitos casos a arquitectura popular reflicte os modelos da arquitectura culta, xa que as clases populares, historicamente sometidas, reflicten o comportamento e os modos das clases dominantes. Isto vese ben nos hórreos de pedra, claras copias dos enfeites das igrexas barrocas galegas.

A arquitectura popular está influída polas necesidades de acubillo dos habitantes de cada zona en función das características climáticas da mesma e condicionada polos materiais que na súa contorna podían atopar e empregar. Paisaxisticamente está perfectamente integrada fornecendo unha harmonía co contorno. Así pois hai unha distribución zonal da arquitectura popular, podéndose atopar construcións populares típicas nas diferentes zonas de Galicia.

Fóra de Galicia existen diferentes técnicas (tapiais) e materiais (adobe, bambú...) tradicionais.

Arquitectura popular en Galicia[editar | editar a fonte]

Hórreo de madeira en Allariz.

Galicia conta cunha riqueza enorme de construcións vernáculas, de feito é das zonas de Europa con máis representación [Cómpre referencia], en parte grazas á durabilidade e calidade do granito (a pedra máis estendida). O estilo vén marcado polas condicións climáticas, a historia e a dispoñibilidade de materiais.

Aínda que atopamos variantes locais, podemos dicir que hai unha compoñente común en toda a construción galega, con semellanzas á construción doutras zonas da Península Ibérica e de Europa, especialmente da Europa atlántica, xa que comparte clima, materiais e tipo de agricultura e polo tanto tipo de vida e necesidades. A casa galega sería, polo tanto, unha mestura entre a casa mediterránea e a atlántica ou británica.

É polo xeral unha arquitectura caracterizada por ser rexa, forte, sobredimensionada e funcional, porén moi enxeñosa, fermosa, e cun impresionante dominio da cantaría que se aprecia especialmente nos hórreos, cruceiros e petos de ánimas.

Materiais[editar | editar a fonte]

A pedra, principalmente granito (tamén chamado pedra de gra) é o material rei da construción galega na costa. Noutras zonas tamén atopamos xisto e lousa, especialmente no interior.

A pedra é o material principal para o enlousado de eiras, camiños, e para a construción de muros, piares, e en xeral, elementos verticais.

A madeira, principalmente de carballo, agás no caso de valados ou peiraos, emprégase nas trabes e estruturas horizontais e de cuberta interiores, separacións (tabiques) e cerramentos (hórreos de caixa de madeira, palleiras...).

O ladrillo non aparece en Galicia até ben entrado o século XX.

As cubertas, cunha pendente algo máis pronunciada que no mediterráneo pero menos que nas Illas Británicas, cóbrense con cerámica (tella), pedra (lousa) ou material vexetal (colmo), dando lugar a tellados, lousados e colmados respectivamente.

As diferentes construcións[editar | editar a fonte]

As casas[editar | editar a fonte]

Casa galega rehabilitada, con galería e lumieiras no tellado.
Fiestra nunha típica casa galega.

A casa popular é a casa agrícola ou mariñeira, que comporta non só a vivenda senón tamén as construcións auxiliares, que poden ser máis ou menos dependendo da zona (hórreo ou canastro, palleira, alpendre ou pendello, pozo, casa do forno, lagar etc.) e cerramentos.

Xeralmente a vivenda galega é pequena, ás veces terrea (por exemplo no caso de tipoloxías como as pallozas, e nos casos máis evoluídos cun segundo andar (sobrado). O faiado non adoita ser habitábel e a pendente da cuberta non é moi pronunciada.

Na planta terrea adoitan atoparse as cortes e a adega no caso das casas onde se produce viño (casa do viño). No sobrado, os cuartos e a sala de respecto. A cociña acostuma ir tamén no sobrado, aínda que nalgunhas tipoloxías de casas, especialmente nas provincias da Coruña e Lugo, vai na planta terrea. Salienta na cociña o talle das lareiras onde se prendía o lume, moitas veces con grandes cambotas, especialmente nas casas podentes.

Os muros son sempre grosos, de cachotaría de granito (nalgún caso perpiaño), reforzando ocos e cantos (bufardas, fiestras e portas) con cantaría de granito.

Nas zonas de xisto e lousa arranxan os linteis con pezas de granito, e na súa ausencia con madeiros (zonas interiores de Lugo e Ourense). Accédese ao sobrado grazas a unha escada exterior de chanzos de pedra e que remata formando un sinxelo patín, un corredor pechado en madeira ou unha complexa soleira, especie de terraza con varanda feita integramente en cantaría de granito, normalmente orientada ao sur. Os balcóns e soleiras poden sosterse con piares de pedra e moitas veces canzorros (ménsulas de cantaría de granito).

A casa común adoita ser cadrada ou rectangular (con excepción da planta circular das pallozas). Nas provincias da Coruña e Pontevedra acostuman ser rectangulares, con muros piñóns (pincho) e tellado a dúas augas con capias ou tornaventos rematando os muros piñóns (triangulares). No interior, as casas adoitan ser máis grandes e illadas, especialmente en Lugo, de planta cadrada e cuberta (lousado) a catro augas. As vivendas mariñeiras adoitan ser máis cativas e estreitas, modestas, normalmente acaroadas, con pinchos, e son comúns as soleiras, corredores e arcadas e soportais.

A cuberta galega, a diferenza doutras zonas peninsulares e ao igual ca británica, carece no beirado de voado sobre o muro, máximo unha tella que sobresae, permitindo que a auga da choiva escorregue polos muros. A respecto da estrutura da cuberta, o cumio ou cumieira adoita sosterse grazas ao uso de tesoiras. Do cumio á soleira acostuma disporse cangos (ás veces terzos) cubertos con ripas de madeira, e onde finalmente pousan as tellas, a lousa ou o colmo.

As fiestras son polo xeral pequenas, rectangulares e verticais, achegadas ao beiril da cuberta, con dous panos (normalmente con seis vidros) aliñados co muro, que abren cara ao exterior e contando con contras de madeira tamén de dúas batentes polo interior da casa. No soto ou planta terrea é raro que haxa xanelas, polo que muros contan con pequenas bufardas para o gado. Moitas veces as fiestras posúen tornachoivas (o lintel sobresae do muro para evitar que a choiva entre na casa).

Casa grande de Lentille, Cenlle

A casa grande, moitas veces a reitoría da vila, é semellante á casa agrícola pero máis grande. Constrúese con mellor material (cantaría), e acostuma contar con balcóns ou soleiras traballadas, fiestras máis amplas, enfeites etc. As lareiras son máis grandes, con cambotas de pedra que rematan nunha gran cheminea, da que adoitan carecer as vivendas humildes onde o fume adoitaba saír entre ripas e cangos. Tamén son comúns as fiestras con parladoiros.

O pazo está a metade de camiño entre a arquitectura culta e popular. Normalmente segue o estilo da vivenda agrícola humilde, porén máis ostentosa. Moitas veces a orixe era unha torre medieval ameada, polo que pode contar con elementos semellantes a castelos. Acostuman ter grandes lareiras e chemineas, soleiras amplas e escudos nos muros. Ademais é común que o lugar teña un bo xardín, alpendres, un gran hórreo, unha capela e un pombal. Existen tamén no norte de Portugal (paços).

As outras construcións[editar | editar a fonte]

Son as tamén chamadas construcións auxiliares, moitas delas forman parte da casa xunto á vivenda.

  • Almacenaxe:

Forman parte da casa.

    • Hórreos, edificios para a seca e almacenaxe principalmente de millo, cereais e hortalizas. Son un verdadeiro símbolo de Galicia, aínda que tamén existen en Asturias e Cantabria principalmente. Os galegos son polo xeral rectangulares, cunha caixa ventilada de madeira ou pedra sostida en piares normalmente de granito rematados con tornarratos para illar a colleita da humidade do chan e dos ratos.
    • Alpendres, pendellos, cubertos. Edificios para a almacenaxe de diferentes trebellos, o carro, ás veces tamén parte da colleita. Tamén serven coma obradoiro.
    • Palleiras, onde se gardaba a palla. Típicas de Lugo. Moitas veces o alpendre fai de palleira. Non confundir con palleiro.
  • Animais:
    • Cortes, cortellos, poleiros, capoeiros ou galiñeiros.
    • Pombais, en Galicia normalmente en casas grandes. Adoitan posuír volume cilíndrico, paredes de cachotaría e cuberta cónica.
  • Transformación:
    • Adegas e lagares. Nas casas do viño, cando esta non se atopa na planta terrea pode formar un edificio independente.
    • Muíños, os máis comúns en Galicia son os de auga. Tamén existen os de vento e os de maré (na costa).
    • Mazos e ferrarías. Aproveitaban a enerxía hidráulica para mover un gran mazo que usaban os ferreiros.
    • Fornos exteriores e comunais. Nalgunhas zonas de Galicia, como en Ourense posuían unha casa do forno para toda a vila.
    • Eiras, normalmente empedradas con laxes e lousas para mallar o cereal.
  • Caza, gandaría e recolección.
Muíño de auga en Caldas de Reis.
Peto de ánimas en Aguasantas.
  • Vías.
    • Pontes
    • Pontellas e pontillóns
    • Camiños empedrados
  • Comercio
  • Cerramentos.
    • Muros e valados, de diferentes formas e materiais. Normalmente son de fábrica de cachotaría e ás veces en perpiaño para o cerramento de eidos, leiras, estremas etc. Nalgunhas zonas as coutadas chóense con lousas fincadas no chan. En Lugo adoitan ser de lousa e se lles chama chantos. En Pontevedra adoitan ser máis esveltas e de granito, chamadas pastas, semellantes ás empregadas para a suxeición de parras a xeito de piares.
  • Espiritualidade e crenzas.
    • Cruceiros, petos de ánimas, símbolos de Galicia aínda que tamén aparecen noutras zonas da Europa atlántica, están a medio camiño entre a arquitectura ou escultura popular e culta.
    • Capelas de construción popular.

Conservación[editar | editar a fonte]

Algunhas construcións contan con algunha figura de protección histórico artístico, como hórreos, cruceiros ou petos.

O chamado feísmo introduciu materiais e tipoloxías de construción alleas ás tradicionais.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Encyclopedia of Vernacular Architecture of the World, onde se detalla a arquitectura vernácula seguindo un esquema por rexións. Publicado en 1997, baixo a dirección de Paul Oliver do Oxford Institute for Sustainable Development e a Oxford Brookes University.
  • Cambridge University Press Encyclopedia of Vernacular Architecture of the World.
  • Rapoport, Amos. «House Form and Culture» (Morfoloxía de Vivenda e Cultura). Englewood Cliffs, N.J.: Prentice-Hall, 1969.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]