Armas Järnefelt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Armas Järnefelt
Retrato de Armas Järnefelt coa súa filla Eva a principios do século XX.
Nacemento14 de agosto de 1869
 Viipuri,
Gran Ducado de Finlandia (Imperio Ruso)
Falecemento23 de xuño de 1958
 Estocolmo,
Suecia Suecia
Soterradocemiterio de Hietaniemi
NacionalidadeImperio Ruso, Suecia e Finlandia
PaiAugust Aleksander Järnefelt
NaiElisabeth Järnefelt
Parella/sMaikki Järnefelt e Liva Järnefelt
IrmánsAino Sibelius, Arvid Järnefelt, Eero. Järnefelt e Kasper Järnefelt
PremiosLitteris et Artibus, Ordem de Dannebrog, Grand Cross of the Order of the Lion of Finland, Commander of the Order of the White Rose of Finland, Commander of the Order of Leopold II, Knight Commander of the Order of Civil Merit, commander of the Order of the Crown of Italy‎, Knight of the Order of St. Olav‎, Cavaleiro da Ordem da Polónia Restituta, Comendador da Ordem de Vasa e Comendador da Ordem de Dannebrog
Na rede
IMDB: nm1305360 Spotify: 0DDOvrV9wGcN6EPZU2KeRK Musicbrainz: 95309762-51f2-4e36-9c49-2709e7cf250e Discogs: 928602 IMSLP: Category:Järnefelt,_Armas WikiTree: Järnefelt-7 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Edvard Armas Järnefelt, nado en Viipuri o 14 de agosto de 1869 e finado en Estocolmo o 23 de xuño de 1958, foi un compositor e director de orquestra finlandés. Armas Järnefelt foi un dos introdutores das óperas de Richard Wagner en Finlandia.[1] Desenvolveu a súa carreira como compositor e director de orquestra principalmente en Suecia, adoptando a cidadanía deste país en 1910.[1][2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Armas Järnefelt naceu o 14 de agosto de 1869 en Viipuri (daquela no Gran Ducado de Finlandia e actualmente denominada Vyborg en territorio ruso), fillo do xeneral August Aleksander Järnefelt e Elisabeth Järnefelt (nada Clodt von Jürgensburg).[3] A familia de Armas Järnefelt tivo un impacto especial na historia cultural finlandesa, especialmente a figura de súa nai, pertencente a unha familia nobre do Báltico, que apoiou a numerosos artistas finlandeses,[4] por outra banda os seus irmáns tamén estiveron ligados ao mundo cultural: seu irmán Eero foi pintor e seu irmán Arvid foi escritor, ademais de que súa irmá Aino casou co tamén compositor Jean Sibelius.[3][5]

Entre 1887 e 1890 estudou no Instituto de Música de Helsinqui con Martin Wegelius e Ferruccio Busoni, sendo un dos alumnos máis destacados da institución xunto con Jean Sibelius. En 1890 trasla a Alemaña para estudar con Albert Becker en Berlín, onde permaneceu ata 1893, ano no que se trasladou a París para estudar no conservatorio con Jules Massenet durante un ano.[3] En 1894 viaxou a Bayreuth con Sibelius, onde ambos se somerxeron na música de Wagner.[6] Froito da influencia wagneriana nacería a súa Fantasía Sinfónica, que na súa estrea en Helsinqui en 1895 non conseguiu éxito entre os críticos e non volveu soar en Finlandia ata 2008.[7]

De volta en Finlandia tras dirixir varias orquestras en Alemaña,[8] Armas Järnefelt dirixiu a Viipurin Musiikinystäväin Orkesterin na súa cidade natal entre 1898 e 1903. Ao ano seguinte de deixar o seu cargo en Viipuri dirixiu representacións de ópera no Suomen Kansallisteatteri (Tratro Nacional), dirixindo por primeira vez óperas de Wagner en Finlandia como Tannhäuser (1904) ou Die Walküre (1905), involucrando con frecuencia á súa primeira muller, a soprano Maikki Pakarinen.[3][6][9] Nese momento as producións wagnerianas de Järnefelt e Kajanus rivalizaban entre si e o entusiasmo da audiencia estaba garantido.[6] Ao mesmo tempo que dirixía o Instituto de Música de Helsinqui entre 1906 e 1907.[3]

En 1905 instalouse en Suecia ao ser nomeado director da ópera de Estocolmo no seu primeiro ciclo na tempada 1905-1906.[3][10] Frecuentemente En 1907 comezou a súa segunda etapa como director da ópera de Estocolmo, á vez que era nomeado director da corte sueca en 1911 e primeiro director da corte en 1923, permanecendo no cargo da ópera da capital sueca ata 1932, cando foi nomeado director principal e director artístico da Suomen Kansallisooppera (Ópera Nacional de Finlandia). Järnefelt ocupou o cargo á fronte da ópera nacional finlandesa ata 1936, continuando o entusiasmo do público finlandés pola música de Wagner con varias interpretacións de óperas do compositor alemán, entre elas a estrea de Parsifal, ou as representacións de Siegfried (1934) ou Götterdämmerung (1935).[3][6] Seis anos despois era nomeado director da Helsingin kaupunginorkesteri, sucedendo a Georg Schnéevoigt e converténdose no terceiro director da orquestra de Helsinqui durante unha tempada.[3]

Obra[editar | editar a fonte]

Armas Järnefelt.

Järnefelt compuxo varias obras poéticas para pequena orquestra, así como poemas sinfónicos, música para teatro, música de cámara, coros, cantatas, e pezas para piano.[8] Entre as súas principais obras destacan Korsholma, Forsfärden, a cantata Isänmaan kasvot, e as populares miniaturas Berceuse e Prelude.[3] Järnefelt foi un dos compositores de cantatas máis prolíficos na historia da música finlandesa, escribindo a última delas en 1940, despois da cal aínda escribiu algunhas pezas corais.[4]

Järnefelt comezou a escribir cancións en 1890, mais na súa carreira hai dous nomes que o marcaron especialmente tanto como compositor como director: Wagner e Sibelius. A música de Wagner provocou un grande impacto nel nos anos que permaneceu en Berlín e influíu nas súas composicións, ata o punto que declarou:[4]

Estaba posuído por unha incrible febre wagneriana, era insaciable como un adicto ás drogas... E este enfeitizamento durou moito tempo...

Järnefelt coñeceu a Sibelius na súa etapa de estudante en Helsinqui, onde ambos foron compañeiros no Instituto de Música da capital finlandesa, e os lazos familiares despois de que Sibelius casara coa súa irmá Aino os achegaron máis aínda. Os dous compositores xurdiron ao mesmo tempo e cando o xenio de Sibelius comezou a ser evidente, a creatividade de Järnefelt minguou, e dende aquel momento só escribiu unhas poucas cancións solistas. Järnefelt declarou sobre a frustración que o xenio de Sibelius provocou nos seus compañeiros:[4]

Sibelius foi para min a encarnación da música. A súa audaz, orixinal escritura foi unha inspiración, mais o xeito no que el procedeu sobre vías inauditas e inalcanzables foi perturbador, mesmo paralizante. Despois de escoitalo, non me sentía inclinado a escribir música, parecía inútil mesmo tentar sequera seguilo...

Posiblemente este feito propiciara que escribira todas as súas composicións máis ambiciosas nunha rápida sucesión na década de 1890, cando Sibelius comezou a destacar. A popularidade de Sibelius puido motivar tamén o cambio de rumbo na carreira de Järnefelt, cambiando a composición pola dirección orquestral.[5]

Se ben é nassúas miniaturas Berceuse e Prelude onde descansa a modesta fama internacional de Armas Järnefelt, a máis importante das súas obras temperás é o poema sinfónico Korsholma (1894), cuxas escenas dramáticas de batalla mesturan elementos wagnerianos con elementos nacionais finlandeses. As súas obras orquestrais son xeralmente máis líricas, como no caso da súa Ouverture lyrique, mentres que outras obras como Heimatklang teñen unha clara influencia wagneriana e mesmo strausiana.[4]

Música no cine[editar | editar a fonte]

Armas Järnefelt foi pioneiro da música para o cine en Finlandia ao compoñer en 1919 a música para o filme de Mauritz Stillerin Laulu tulipunaisesta kukasta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Encyclopædia Britannica (ed.). "Armas Järnefelt" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2021. Consultado o 30 de xaneiro de 2021. 
  2. Naxos (ed.). "ARMAS JARNEFELT (1869 - 1958)" (en inglés). Consultado o 27 de agosto de 2014. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 sibelius.fi (ed.). "Relatives alphabetically" (en inglés). Consultado o 2 de setembro de 2014. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Kimmo Korhonen (2000). musicfinland.fi, ed. "Armas Järnefelt in Profile" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28 de agosto de 2014. Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  5. 5,0 5,1 jpc.de (ed.). "Armas Järnefelt (1869-1958): Symphonische Fantasie" (en alemán). Consultado o 20 de setembro de 2014. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Finnland Institut in Deutschland (ed.). "Musik aus dem deutschsprachigen Raum in Finnland" (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 14 de setembro de 2014. Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  7. npr.org (ed.). "Classical Lost And Found: Armas Jarnefelt Emerges From The Shadow Of Sibelius" (en inglés). Consultado o 20 de setembro de 2014. 
  8. 8,0 8,1 Juan Carlos Díaz Lorenzo. Del país de Finlandia, ed. "Jean Sibelius" (en castelán). Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  9. Sibelius Gesellschaft Deutschland (ed.). "Die Anfänge" (en alemán). Arquivado dende o orixinal o 24 de setembro de 2015. Consultado o 14 de setembro de 2014. 
  10. lastfm (ed.). "Armas Järnefelt" (en castelán). Consultado o 3 de setembro de 2014. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Salmi, Hannu (toim.): Armas Järnefelt: Kahden maan mestari. Helsinqui: Suomalaisen Kirjallisuuden Seura, 2009. ISBN 978-952-222-057-8

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]