Armando Salas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Armando Salas Martínez, nado en Ortigueira o 30 de xaneiro de 1946, é un debuxante e ilustrador galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Desde a súa infancia, Armando Salas amosou afección polo debuxo e a banda deseñada, cunha especial preferencia polas tiras cómicas e as viñetas de humor. Axiña empezou a enviar os seus debuxos a revistas e xornais, mentres tomaba algunha clase de debuxo, aínda que pode considerarse un absoluto autodidacta. Aos 19 anos comezou a traballar nun banco, cuxa especial xornada laboral lle permitiu dedicar as tardes ao debuxo, a súa verdadeira paixón.

Os contributos de Salas ao medio son moitos e variados: foi un dos primeiros, se non o primeiro, en introducir o erotismo nas publicacións españolas cos seus debuxos de mulleres semi espidas, un erotismo mesturado con ironía e sarcasmo, e isto durante os máis escuros anos da ditadura do xeneral Francisco Franco. En 1967 comezou a debuxar profesionalmente para o semanario Diez Minutos, e tamén para Comics Camp, Comics In, un fanzine dedicado ao estudo da arte secuencial. Para este fanzine creou a Saturday, unha irónica versión de Sunday, un popular personaxe do cómic creado por Víctor de la Fuente. Pouco despois contribuíu con cómics para o diario Pueblo, e tamén pasou ao equipo do diario El Correo Gallego e da revista Doblón en 1970. Nese mesmo ano principiou a súa colaboración no semanario Todo Televisión, creando unha serie, Don Teleneco, na que satirizaba aos couch potatoes antes de que este termo fora inventado. En 1972 comezou a súa colaboración no xornal Ferrol Diario e un ano despois debuxou viñetas de humor para El Heraldo Español, o xornal máis importante de Aragón.

Para a revista El Globo (Buru Lan) ideou a súa serie máis famosa, El Edén, rebautizada como Adán cando foi publicada en libros. Esta serie é unha versión satírica de Adán e Eva na que ela, unha loira con aspecto de Marilyn Monroe, aparecía en biquini. Sensual, provocativa e sexi, ninguén se explica como esta serie puido sobrevivir á censura. Quizais debeuse a que foi publicada nos xornais de Medios de Comunicación Social del Estado (antes Prensa del Movimiento) e a censura da ditadura franquista estaba máis preocupada por controlar os demais medios de comunicación que por vixiar a súa propia casa. Mentres traballaba en varios medios, creou tamén novas series: Don Nuño Matamoros e Flip. Outra exitosa serie naceu en 1981, Merlina, sobre unha bruxa e mais o seu fillo parvo nunha clara homenaxe ás historias de espada e bruxería, un xénero especialmente querido por Salas desde que leu –e confesa que aprendeu moito– as tiras cómicas de Wizard of Id, de Brant Parker.

Este artista, cuxo traballo reflicte o seu amor polos mellores artistas americanos e españois, publica tiras diarias en Diario de Ferrol, El Correo Gallego, El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Bergantiños. O seu personaxe Flip leva máis de 25 anos publicándose mensualmente na revista Aguiluchos.

En maio de 2005, Armando Salas recibiu o premio internacional Curuxa de Honra, outorgada polo Museo do Humor de Fene para recoñecer a traxectoria vital dun artista a prol do dibuxo de humor.

En xaneiro de 2007, a ONG Reporteiros sen Fronteiras elixe un dos seus debuxos para editar un poster e distribuílo por todo o mundo. Este traballo, un debuxo demoledor denunciando o asasinato da xornalista rusa Anna Politkovskaya, presidiu a homenaxe internacional celebrada na súa memoria en Notre Dame de París, que contou coa presenza do cineasta Romain Goupil, o filósofo Bernard-Henri Lévy, o escritor André Glucksmann, o alcalde do primeiro distrito de París, señor Legaret, o fundador e secretario xeral internacional de Reporteiros sen Fronteiras, Robert Menard, e o propio Salas.

O nome de Armando Salas aparece noutras cinco obras enciclopédicas: The World Encyclopedia of Cartoons, Atlas Español de la cultura popular, Lambiek Comiclopedia, Diccionario de uso de la historieta de España e na Enciclopedia Galega Universal. A súa obra está presente en catro museos: o Museo do Humor de Fene, o Ticonderoga Cartoon Museum (EUA), o Cartoon Art Museum (EUA) e o museo House of Humor and Satire de Gabrovo (Bulgaria).

É un devoto admirador dos artistas da Idade de Ouro Americana do Cómic, especialmente de Frank Robbins.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]