Xanthos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Arinna")
Este artigo fai referencia á cidade antiga de Xanthos, para outros Xanthos ver aquí Xanthos (homónimos)

Xanthos (latín Xanthus) foi a capital de Licia e estaba situada próxima á desembocadura do río Xanthos. Os edificios principais eran o templo de Sarpedón e o de Apolo de Licia. Non demasiado lonxe estaba o santuario de Leto, á beira do río. O seu nome licio era Arñna, e os hititas coñecérona como Arinna.

A cidade foi atacada polo xeneral persa Harpago, ao servizo de Ciro II o grande. Os habitantes defendéronse heroicamente e finalmente queimaron a cidade antes de caeren en mans dos persas (sobre o -544 - -543). Máis tarde foi reconstruída e uns vinte anos despois emitíronse moedas na cidade. Foi incluída na primeira satrapía de Dario I de Persia, onde se coñece o imposto asignado. A arqueoloxía demostra que foi destruída outra vez durante as loitas entre persas e gregos sobre o -475 - -470, por uns ou outros ou por causas naturais, e unha vez máis foi reconstruída. Antes do -400 Xanthos incorporou Telmessos.

É mencionada como cidade de Licia por escritores gregos e romanos. Alexandre o Grande ocupou a cidade pero non está claro se pola forza (como di Apiano) ou voluntariamente (como di Arriano). Despois da morte de Alexandre pertenceu a Antígono do que pasou a Ptolomeo I Sóter, e do que máis tarde pasou aos seléucidas, o -272 e o -188 foi incluída no reino de Pérgamo pola paz de Apamea. O -133 o reino de Pérgamo pasou a Roma por legado, e así Xanthos vai converterse en cidade romana.

Despois do asasinato de Xulio César a cidade foi atacada polo exército de Bruto, pero os habitantes resistiron e foi ocupada ao asalto, continuando a loita nas rúas e morrendo a maior parte antes de rendérense e quedando destruída a cidade polos incendios (sobre -42). Desta segunda destrución xa non se recuperou. Apiano di que foi reconstruída por Marco Antonio, pero en todo caso xa foi un lugar sen importancia.

As súas ruínas serían descubertas por Sir C. Fellows. Están próximas a Kinik e conteñen templos, tumbas, arcos triunfais, murallas, e teatro como elementos principais. Unha parte dos obxectos atopados serían levados a Inglaterra en 1842 e 1843 e están no Museo Británico.