Arabismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alferga

Un arabismo é un vocábulo procedente da lingua árabe presente noutra lingua. En galego os arabismos proceden sobre todo da época da dominación musulmá da Península Ibérica.

Arabismos en galego[editar | editar a fonte]

Toponimia[editar | editar a fonte]

Podemos encontrar topónimos árabes en Galicia, pero o seu tipo é tan monótono que se pode deducir facilmente que proceden da lingua común. Entre os exemplos cómpre destacar:

Etimoloxía do léxico común[editar | editar a fonte]

Debido á superioridade cultural, científica e técnica dos árabes, moitos empréstimos entraron no léxico común, pero loxicamente menos na zona norte onde houbo menor influencia (por exemplo onde se usa a verba soro) ca no sur da Península Ibérica onde os árabes estiveron presentes e influíndo máis tempo (onde soro se substitúe por almece).

Xa que logo, é difícil saber se un arabismo chegou por contacto directo ou a través doutras linguas hispánicas: unha proba disto é que case non existen arabismos exclusivos do galego, que non aparezan noutras linguas da península. A única excepción parece ser alferga ("dedal"), que só perviviu en galego e no norte de África.

Nos arabismos pode distinguirse a época de entrada comparando os étimos coas evolucións postuladas pola historia da lingua do galego, portugués e castelán:

  • Acea é un caso singular debido a ser un arabismo de entrada directa, pois non corresponde ás evolucións do castelán (aceña) ou portugués (azenha);
  • Outros arabismos son de incorporación temperá, polo proceso de evolución propio do galego e non do castelán (argola, laranxa, maquía, tafona);
  • O resto, a maioría, non son claramente empréstimos directos ou indirectos, aínda que o termo e a época de uso poden orientar para a identificación;

Semántica[editar | editar a fonte]

A maior parte do léxico árabe correspóndese a algún destes campos semánticos en concreto:

  • Dignidades e cargos: alcalde, alguacil, alférez;
  • Vida militar: adaíl, arraial, atalaia, tambor, xinete;
  • Administración: aldea, alfándega, alfoz, arrabalde;
  • Flores e froitos: alcacén, algodón, arroz, azucena, azucre, cenoria, laranxa, limón, alelí, alfalfa;
  • Nomes de animais: alacrán, atún, xabaril;
  • Produtos agrícolas e industriais: aceite, alcatrán, alcohol;
  • Oficios: albeite, alfaiate, almuédano ou almuecín;
  • Unidades de medida: fanega, arroba, quintal;
  • Enxoval doméstico ou artigos de luxo: alcaiata, alfaia, alfinete, alfombra, alicate(s), almofada, marfil,almofada;
  • Terminoloxía do xadrez: alfil, xadrez, xeque-mate;
  • Termos de arquitectura: alxibe, azotea, chafariz;
  • Léxico das ciencias exactas: algarismo, álxebra, cifra;


É moi variada a temática desta clasificación, debido ao enorme poder cultural dos seguidores do Corán, pero máis ben se debe nas nosas terras galegas máis a un clima que a un contacto directo. Inda así, e alén destes empréstimos substantivos, chegaron a deixar no galego un adxectivo coma azul, unha preposición de alto rendemento coma ata e unha interxección coma oxalá (procedente de wa sa al-lah, "e queira Deus"). Mesmo unha palabra chegou a un refrán ben asentado na lingua: Non está o alcacén para gaitas. Outro exemplo pode ser algarabía ou algarada, que procede do propio nome que os cristiáns lle daban ás xuntanzas de musulmáns, debido a que non entendían o que falaban, utilizando o propio nome da lingua árabe en árabe: al–garabii


Fonética[editar | editar a fonte]

Normalmente os termos incorporábanse aglutinando o artigo al- debido á súa pouca transparencia semántica e creando construcións pleonásticas ao longo do tempo. Algunhas destas unións do artigo co substantivo formaron amálgamas debido á propia fonética árabe que por sandhi une o final do artigo co principio do substantivo (xeminando este) cando comeza por certas consoantes (chamadas lunares en árabe):

  • tras /θ/: aceite, azucena, azucre, aceite, azotea, acea;
  • tras /d/: adaíl;
  • tras /t/: atalaia, atún;
  • tras /r/: arraial, arrabalde, arroba, arroz, argola;