Ara Pacis

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°54′23″N 12°28′32″L / 41.90639, -12.47556

Ara Pacis Augustae, o "Altar da Paz Augusta".
Ara pacis. Detalle das esculturas.

A Ara Pacis é un monumento conmemorativo construído entre o 13 e o 9 a. C. por decisión do Senado Romano, en acción de grazas polo regreso do emperador Augusto tralas súas vitoriosas campañas en Hispania e na Galia e pola paz que este impuxo. Está dedicado á deusa da Paz e erguido, no Campo de Marte, onde cada ano debíanse sacrificar un carneiro e dous bois. O material utilizado é mármore de Carrara. Ten unha planta rectangular cunhas dimensións de 11 x 10 x 4’60 metros e non está cuberto. Presenta dúas portas: unha frontal para o sacerdote oficiante, precedida dunha escalinata, e outra posterior para as vítimas; estas portas estaban orixinalmente orientadas ó leste e ó oeste. No seu interior o centro está ocupado pola ara, propiamenta dita, que se asenta sobre un pedestal escalonado.

O máis destacado é a decoración escultórica que recobre o edificio. No interior o friso esta ocupado por grilandas e bucráneos. No interior os zócolos recóbrense de follas de acanto. Os frisos exteriores teñen distinta decoración segundo a súa localización: flanqueando as portas catro alegorías, e nos muros laterais dúas procesións. As alegorías están relacionadas coa mítica fundación de Roma. Dos catro orixinais só dous conserváronse case completos; un destes representa a Eneas e o outro (o mellor conservado) á Terra, como unha muller con dous nenos, flanqueada polos xenios fertilizantes do Aire sobre un cisne e da Auga sobre un monstro mariño; todo iso acompañado de froitos e animais que fan alusión á prosperidade proporcionada pola Paz de Augusto.

A procesión dos frisos laterais representa a Augusto, a súa familia, amigos, maxistrados e senadores, compoñendo un magnífico conxunto de retratos que, non obstante, deixa entrever unha forte influencia das Panateneas do Partenón, se ben os personaxes desfilan en dúas ringleiras con máis orde e disciplina que no templo ático. Combínanse altorrelevos con medio e baixorelevos, que contribúen a crear sensación de profundidade.

Encontrámonos ante unha obra que combina os elementos de orixe grega e helenística (a influencia de Fidias, as alegorías e elementos decorativos helenísticos) co realismo e a sobriedade características da tradición romana do retrato, e representando pola súa calidade o punto máis alto xamais alcanzado na arte dos relevos.

Os seus restos foron reutilizados no cimento do palacio de Humberto I. En 1903 realizáronse as primeiras escavacións sistemáticas completadas entre 1937 e 1938, coa reconstrución do edificio.

O altar estaba localizado orixinalmente no Campo de Marte. Benito Mussolini construíulle un edificio protector coa intención de crear un parque dedicado a Roma como exemplo do Fascismo Italiano.

Richard Meier, arquitecto americano modernista, deseñou hai uns meses un novo edificio que substitúe ó de Mussolini. Esta nova construción provocou unha gran polémica e foi moi criticada.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]