Aprendizaxe cooperativa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A aprendizaxe cooperativa no contexto escolar é unha metodoloxía didáctica que consiste na realización de actividades na aula, na procura de experiencias interpersoais de aprendizaxe escolar e social. Os alumnos xúntanse en grupos heteroxéneos nos que deben levar a cabo actividades colectivamente, para acadaren certos obxectivos académicos. O ensinante pasa a ser un deseñador, asesor ou director das tarefas que realizan os grupos de alumnos, sendo así un facilitador da aprendizaxe.

Non se trata de facer un “traballo en equipo” (no que frecuentemente algún membro do grupo fai o traballo por todos), senón de aprender en grupo mediante interaccións coa finalidade de que todos os membros do grupo acaden os obxectivos de aprendizaxe. De feito, a avaliación de dita aprendizaxe sae da valoración do grupo como suma das valoracións dos individuos do mesmo. Deste xeito acádase unha interdependencia positiva, porque a todos os membros do grupo lles interesa e importa que os seus compañeiros aprendan os contidos propostos polo profesor.

A diferenza da aprendizaxe individualista, de natureza competitiva, os alumnos que estudan cooperativamente aprovéitanse dos recursos e habilidades que teñen todos eles (fanse preguntas do que non saben, valoran as ideas dos demais, controlan as tarefas que fan entre eles, etc).

Historia[editar | editar a fonte]

Nos anos 30 do século pasado os investigadores sociais May e Doob descubriron que as persoas que colaboraban e traballaban xuntas para acadaren obxectivos comúns, obtiñan mellores resultados que os que procuraban os mesmos obxectivos individualmente. John Dewey e Kurt Lewin tamén influíron na teoría da aprendizaxe cooperativa. Dewey pensaba que era moi importante que os estudantes desenvolvesen o coñecemento e as habilidades sociais para empregalas logo fóra das aulas e na mesma sociedade democrática. Este xeito de aprendizaxe converte os alumnos en receptores activos do coñecemento ao discutiren os contidos e as propostas en grupos en vez de seren aprendices pasivos (o profesor fala e os estudantes escoitan). David e Roger Johnson en 1975 comprobaron que a aprendizaxe cooperativa promovía nos estudantes empatía, unha mellor comunicación, apoio e aceptación mutua; amosando tamén un incremento na variedade de estratexias de pensamento entre os individuos do grupo. No 1994 Johnson&Johnson fixeron públicos os cinco elementos esenciais para unha aprendizaxe do grupo efectiva: interdependencia positiva, resultados individuais, interacción cara a cara, habilidades sociais e avaliación do grupo.

Tipoloxía[editar | editar a fonte]

A aprendizaxe cooperativa formal está artellada, facilitada e controlada polo profesor en todo momento e úsase para acadar obxectivos no grupo nas tarefas escolares (por exemplo; nunha unidade didáctica). Calquera materia ou contido poden adaptarse a este tipo de aprendizaxe e os grupos de alumnos poden ser variables: habitualmente de 2 a 6 membros.

Algúns métodos[editar | editar a fonte]

  1. Equipos-xogos-concurso (teams-games-tournament). Grupos heteroxéneos de 4 alumnos. Xuntos estudan e aprenden determinados contidos. Cada membro pertence a un determinado nivel. No concurso compiten os de cada nivel.
  2. Equipos cooperativos e divisións por rendemento (Student Teams Achievement Divisions). Semellante ao anterior, pero en lugar de concurso hai exames individuais para os alumnos, os exames son específicos para cada nivel. Logo volven a estudar en grupos e volven a examinarse individualmente. A cualificación do equipo vai depender da mellora da aprendizaxe de todos os membros.
  3. Crebacabezas. (Jigsaw). Fórmanse grupos heteroxéneos de 6 alumnos. O material de estudo divídese en tantas partes como alumnos ten o equipo. Cada alumno estuda reunido no “grupo de expertos” de outros equipos que teñen que estudar o mesmo material. Logo retornan ao grupo orixinal e comparten os seus coñecementos cos compañeiros de equipo. Finalmente os alumnos son avaliados individualmente.
  4. Aprendendo xuntos (Learning together). Grupos de 2 a 5 membros que abordan unha tarefa coa misión de aprenderen todos xuntos. O exame é individual e o resultado ponderase tendo en conta os resultados do grupo: resultado individual + nota media do grupo, por exemplo.
  5. Grupos de investigación. Neste caso os alumnos crean grupos de entre 2 e 6 membros. Escollen un tema. Investigan. Usan diferentes materiais e fontes de información. Preparan un informe que logo presentan diante de toda a clase. Finalmente, realízase a avaliación do grupo e dos seus membros.

As investigacións sobre a aprendizaxe cooperativa[editar | editar a fonte]

As investigacións indican que os resultados acadados por esta metodoloxía son claramente positivos. Os alumnos acadan logros académicos, melloran nas relacións interraciais e acadan un desenvolvemento persoal e social superior ao conseguido coa aprendizaxe individualista.

Robert Slavin atopou que:

  • O alumnado acada os obxectivos académicos.
  • Esta metodoloxía é igualmente efectiva para os alumnos de diferentes níveis.
  • Tamén é eficaz con todos os grupos étnicos.
  • A percepción persoal entre os alumnos mellora cando se lles dá a oportunidade de traballar xuntos.
  • A aprendizaxe cooperativa mellora a autoestima e o autoconcepto.
  • As barreiras cos alumnos de minorías étnicas e con discapacidade física e/ou mental desaparecen permitindo que se dean relacións positivas e mesmo amizade entre os alumnos.

Johnson and Johnson (1989) afirman que os resultados da aprendizaxe cooperativa son:

  • Elevado razoamento.
  • Incremento na xeración de novas ideas e solucións.
  • Maior “transfer” da aprendizaxe entre distintas situacións.

Limitacións[editar | editar a fonte]

Esta metodoloxía pode presentar certos atrancos a ter en conta. Pode darse o caso de certa resistencia e hostilidade por parte de alumnos ao pensaren que saen prexudicados polos alumnos máis lentos dos grupos ou sentir que están a ser ignorados polo grupo. Por outra banda, cando os membros do grupo se avalían entre si pode que distorsionen as súas valoracións para quedaren ben cos compañeiros. Neste caso cómpre facer a avaliación de xeito confidencial.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • JOHNSON, D, JOHNSON, R. Y HULEBEC, E.J. (1994) El aprendizaje cooperativo. Barcelona: Paidós, 1999 (en castelán).
  • OVEJERO, A. (1990) El aprendizaje cooperativo. Una alternativa a la enseñanza tradicional. Barcelona:

PPU (en castelán).

  • SHARAN, S. (1994) Handbook of cooperative learning methods. Londres: Praeger (en inglés).
  • SLAVIN, R. (...) Aprendizaje cooperativo. Buenos Aires: AIQUE (en castelán).