Appendix Probi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Appendix Probi é un texto atribuído a un tal Probus que data do século III da nosa era e que recompila os erros frecuentes na fala opóndoos ás formas correctas do latín clásico (se ben, ás veces, o autor confúndese e considera incorrecta a forma clásica, ou mesmo recomenda grafías anómalas, como en amfora non ampora, en que dá por válido o -f- en lugar do clásico -ph-).

Para comprender que exista un texto como o Appendix Probi é preciso entender que os romanos vivían en situación de diglosia: a lingua de cada día non era o latín clásico, o latín dos textos literarios ou sermo urbanus (o 'discurso urbano', é dicir, refinado) atopábase estancado pola gramática (como xa o estaba o sánscrito na mesma época na India), senón unha forma distinta aínda que próxima, nun proceso de desenvolvemento máis libre, o sermo plebeius ('discurso plebeo'). Parece que o latín clásico era falado polas clases sociais elevadas, mentres que o sermo plebeius era a lingua do pobo plano, os comerciantes e os soldados. Sen posibilidade de acceder ao status de lingua literaria, o latín vulgar é por nós coñecido sobre todo grazas ós estudos de fonética histórica, ás citas e críticas pronunciadas polos falantes dun latín literario, así como por mor das numerosas inscricións, rexistros, contas e outros textos correntes. Doutra banda, o Satyricon de Petronio, unha especie de «novela» escrita probablemente no primeiro século da nosa era, é un testemuño importante desta diglosia: segundo a súa categoría social, os personaxes exprésanse nunha lingua máis ou menos próxima á arquetipo clásico.

Velaquí algúns exemplos de «faltas» citadas por Probus (segundo o modelo A non B, '[diga] A, non B'), clasificadas aquí segundo o tipo de evolución fonética e acompañadas de comentarios que permiten sinalar as principais diferenzas entre o latín clásico e o latín vulgar. Non é posible ser exhaustivo na materia e incluír referencias a todas as diferenzas entre o latín clásico e o vulgar, pero o Appéndix Probi pode constituír unha introdución pertinente sobre o asunto:

1. cálida non calda, másculus non masclus, tábula non tabla, óculus non oclus, etc.
Estes exemplos mostran que as vogais postónicas ou as pretónicas desaparecían. Nas palabras latinas cálida, másculus, tábula e óculus a vogal seguinte á tónica era breve. Este enmudecemento proba tamén que o acento tonal do latín clásico se volveu acento de intensidade en latín vulgar (pois un acento tonal non tería influencia ningunha sobre as vogais átonas da contorna). Recoñécense nesta lista o devir de caldo, macho, táboa e ollo, notándose a evolución xa descrita.
2. vínea non vinia, sólea non solia, láncea non lancia, etc.
Vese nesta pasaxe que en latín vulgar /e/ breve ante vogal vólvese semiconsoante /j/; o fenómeno é denominado consonantización e consiste, tras consoante, na palatalización; estas consoantes palatalizadas (que poden provir doutras fontes), son importantes na evolución das linguas románicas a causa do déficit que o latín tiña en canto a sons palatais, desequilibrio que ao cabo orixinou a transformación de gran parte das consoantes primitivas do latín, por obra deste elemento palatal denominado xenericamente iode. Esta transformación explica por que se obtén, por exemplo, viña (con /nj/ ante /a/, sinalada nas linguas románicas por distintas grafías: o dígrafo gn en francés e en italiano, ny en catalán, ñ en castelán e en galego, nh en portugués e occitano, etc.).
3. auris non oricla.
Obsérvase, en primeiro lugar, a monotongación ou redución de antigos ditongos: /au/ monotonga en /ou/, e en latín vulgar /ae/ faino en /e/ aberto, do mesmo xeito que /oe/ pasa a /e/ pechado. Despois, o uso dun sufixo diminutivo -culus agregado á raíz auris ('orella'), dá lugar a auricula, 'pequena orella'. O emprego de diminutivos en latín vulgar é frecuente. Por outra banda, bótase de ver a caída do /ou/ breve tras vogal acentuada, e o encontro entre /k/ e /l/ dá lugar ao grupo /k'l/ e á aparición dun novo fonema consonántico.
4. auctor non autor.
Destácase aquí unha simplificación ou redución de grupos consonánticos; así, /kt/ pasa a /t/, dando autor en castelán e catalán, e auteur en francés; polo mesmo, /pt/ pasa a /t/ (septem, scriptum, ruptum), que evolucionaron en sete, escrito e roto.
5. rivus non rius, sibilus non sifilus.
O son /w/ do latín ou wau evolucionou de xeitos diversos, sexa enxordecéndose ata a desaparición entre vogais (ri(v)us, que dá río, pa(v)or que dá peur en francés ou paura en italiano), ou en espirante bilabial sonora despois reforzada en /v/ (na maioría das linguas románicas); /p/ e /b/ en posición intervocálica coñeceron a mesma sorte.
6. pridem non pride.
Este último exemplo mostra que o /m/ final de palabra non se pronuncia xa. Este enmudecemento é a orixe da desaparición do mecanismo das flexións; as linguas románicas non utilizan, en efecto, xa as declinacións latinas e optan por utilizaren preposicións que naceron como un sistema auxiliar e aos poucos foron substituíndo á flexión.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Galifontes
A Galifontes posúe escritos orixinais acerca de: Appendix Probi