Programa informático

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Aplicación informática")

Un programa informático ou aplicación é un conxunto de instrucións que se lle dan a un sistema informático para realizar un conxunto de tarefas determinado.

Un programa de ordenador é unha lista de instrucións escritas nunha linguaxe de programación. Todas as linguaxes de programación consisten en palabras reservadas (parecidas a substantivos e verbos) en inglés, un conxunto de operadores (equivalentes a operadores matemáticos como “máis”, “menos” etc.) e un conxunto de funcións e procedementos que realizan tarefas específicas tais como imprimir, ler un ficheiro, calcular a raiz cadrada dun número etc.

Estes elementos combínanse en instrucións dacordo coas regras desa linguaxe. Os programas escritos nalgunhas linguaxes de programación son doadas de ler, xa que as instrucións parécense ao inglés, mentres que outras usan moitos símbolos, o que dificulta a lectura. Por esta razón, un programa de ordenador chámase código fonte ou simplemente código, no que cada instrución mándalle realizar unha tarefa determinada ao computador .

Para que un computador responda a esas instrucións, hai que transformar o código fonte en código lexíbel por máquina mediante un compilador, que é tamén específico desa linguaxe. O compilador converte o ficheiro co código fonte no que se chama un ficheiro binario (un ficheiro que non contén texto). O ficheiro binario chámase ás veces un executábel. Outras denominacións son programa e aplicación. Cada vez que se lle manda ao ordenador que siga as instrucións que se lle mandan no programa dicimos que o executamos ou que está a correr. Un sistema operativo é un programa que está a correr continuamente e que xestiona todas as demais aplicacións que se executan no computador.