Apófise coronoide cubital

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Apófise coronoide

A apófise coronoide ou proceso coronoide é unha formación ósea pertencente ao cúbito. É unha apófise horizontal, situada de xeito perpendicular á apófise olecraniana. Ten forma de pirámide tumbada.

A base está soldada ao resto do óso, mentres que o vértice é libre en posición anatómica. En flexión máxima, a apófise coronoide é acollida pola fosa coronoide umeral.

A superficie superior é lisa e constitúe unha superficie articular para a articulación úmero-cubital do cóbado. A superficie inferior é irregular e serve para a inserción do músculo braquial anterior. No punto de unión ao resto do óso fórmase unha tuberosidade, denominada tuberosidade cubital, onde se insire parcialmente o músculo braquial anterior. No bordo lateral ou externo da tuberosidade é o lugar de implantación do ligamento oblícuo do cóbado. É posible atopar nesta superficie as febras de orixe do músculo flexor longo do polgar, aínda que é inconstante.

A superficie medial ou interna é o lugar de inserción do ligamento lateral interno do cóbado. Na parte máis anterior insírese o músculo flexor común fondo dos dedos da man e moi preto, sobre unha crista ósea, o músculo pronador redondo.

A superficie lateral posúe unha pequena faceta articular, a cavidade sigmoidea menor, para artellarse co radio, na articulación radio-cubital superior.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gray. Anatomy of the human body (en castelán). Edición de 1918 de dominio público.