Antonio Soto Canalejo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Antonio Soto en 1920.

Antonio Soto Canalejo, coñecido como El gallego Soto ou Líder da Patagonia rebelde[Cómpre referencia], nado no Ferrol o 8 de outubro de 1897 e finado en Punta Arenas, Chile, o 11 de maio de 1963, foi un dos principais dirixentes anarcosindicalistas nas folgas rurais na Patagonia arxentina en 1921.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Antonio Soto e Concepción Canalejo. Chegou a Bos Aires cando tiña 13 anos. Orfo de pai comezou xunto co seu irmán Francisco unha vida de miserias e privacións na Arxentina. Antonio puido asistir moi pouco á escola primaria. Fixo dos máis diversos oficios sufrindo privacións, explotación e castigos. Desde raparigo foi atraído polas ideas anarquistas na súa vertente sindicalista. En 1914 xa con 17 anos Soto negase a ingresar na milicia española para ir combater a Marrocos.En 1919 embarcouse coa compañía teatral Serrano-Mendoza, que facía o percorrido dos portos patagónicos arxentinos e continuaba o seu periplo por Punta Arenas, Puerto Natales, Puerto Montt, etcétera.

En xaneiro de 1920 desátase unha verdadeira rebelión popular na cidade de Trelew, Chubut. Todo comeza cunha folga de empregados de comercio á que se adhire case toda a poboación[Cómpre referencia], en contra do gobernador, a policía e os grandes comerciantes. Antonio Soto, aparece arengando á xente e apoiando aos traballadores en folga. Esa actitude valeulle a súa detención e expulsión do territorio chubutense.

Pouco despois chegará a Río Gallegos. O clima obreiro que reina na capital santacruceña atráeo. Antes e logo das funcións teatrais concorre ao local da Sociedade Obreira. Alí escoitará ao asesor, doutor José María Borrero. Borrero aléntao a quedar e integrar o sindicato; el deuse conta de que Soto é un home de loita, con preparación ideolóxica e que sabe expresarse ben nas asembleas. Soto abandona a compañía teatral e radícase na Patagonia. Inscríbese como estibador para traballar no porto (“traballador de praia”).

O 24 de maio de 1920 é elixido secretario xeral da Sociedade Obreira de Gallegos. En xullo dese ano a Sociedade Obreira, de acordo con todos os sindicatos das outras cidades santacruceñas, declara a folga do persoal de hoteis de todo o territorio e do persoal de praia dos portos. Piden melloras salariais. No sector de praia pérdese a folga; en cambio, o gremio de mozos, peóns e cociñeiros de hoteis, continúan.

Actuación na primeira folga patagónica[editar | editar a fonte]

A situación ao comezar o ano 1921, era a seguinte: o paro en Río Gallegos e Puerto Deseado era total, ademais declarouse o boicot a tres comercios. O 16 de xaneiro o mariño Malerba, baixo as ordes do gobernador Edelmiro Correa Falcón inicia a represión dos folguistas. É detido o asesor da Sociedade Obreira, José María Borrero, e outros integrantes da organización, pero Antonio Soto non puido ser apresado.

Antonio Soto viaxa clandestinamente a Bos Aires, saíndo no vapor “Asturiano” oculto polos obreiros de máquinas, para presentar a situación no congreso sindicalista. O xornal Organización Obrera, órgano da FORA sindicalista, no seu número do 29 de xaneiro, dá conta da súa chegada. Soto participará no congreso nacional como delegado dos afiliados da Sociedade Obreira de Río Gallegos. Soto aproveita o congreso para buscar apoio e solidariedade para o conflito de Santa Cruz. O congreso obreiro, con representacións de todo o país, realizouse na Plata desde o 29 de xaneiro ata o 5 de febreiro de 1921. Soto intervén no congreso facendo unha profunda crítica pola falta de solidariedade do consello federal co movemento obreiro na Patagonia.

O goberno radical de Hipólito Yrigoyen, aliado dos estancieros, envía ao exército cara á Patagonia ao mando do tenente coronel Héctor Benigno Varela para avaliar a situación que se estaba vivindo. Este ao chegar e avaliar antecedentes, finaliza informando que os responsables de todo eran os estancieros, pola explotación á que sometían aos traballadores rurais e que a patronal debía humanizar o trato, obrigando a ambas as partes a depor as armas e aos estancieros a cumprir coas demandas. Ao culminar a súa xestión, Varela regresa a Bos Aires.

Actuación na segunda folga patagónica[editar | editar a fonte]

Os estancieros negáronse á cumprir co convenio, continuando cos despedimentos, retendo os soldos atrasados e sen mellorar as condicións laborables. Antonio Soto lidera á Sociedade obreira á folga por tempo indeterminado. O 25 de marzo de 1921 prodúcese un paro xeral no frigorífico. As xestións dos estancieros e o gobernador saínte Correa Falcón fronte ao goberno radical, dan por resultado o retorno do tenente coronel Varela a Santa Cruz, que iniciará unha cruel represión fusilando no acto aos folguistas.

Soto coa súa filla Isabel

O 15 de setembro Soto e os seus compañeiros parten rumbo ás estancias da cordilleira nun longo periplo con automóbiles e cabalos. O 31 de outubro, Soto incorporara ao movemento aos obreiros rurais das estancias “Buitreras”, “Alquinta”, “Rincón de los Morros”, “Glencross”, “La Esperanza” e “Bella Vista”, logrando sublevar á rexión do suroeste do territorio santacruceño. O movemento era completamente pacífico, requisando as armas e tomando os alimentos para a campaña, sobre os que outorgaban vales para a posterior devolución, e ocasionalmente tomando como reféns aos propietarios ou administradores. O 5 de novembro todas as estancias do sur de Santa Cruz están paralizadas. Os obreiros dominan os camiños, desprazándose en columnas de 60, 100 e 200 homes que marchan coa bandeira vermella e negra. Soto atópase en Punta Alta cos militantes Graña, Sambucetti e Mongilnitzky. Alí resolven que mentres Soto continúe dirixindo o movemento no campo, os tres restantes deben intentar entrar en Río Gallegos para substituír aos dirixentes presos e ter un punto de apoio na cidade. Os tres anarquistas ao arribar a Río Gallegos son golpeados e apresados pola policía.

Mentres tanto as columnas obreiras de Pintos, Ramón Outerello e Albino Argüelles foran atacadas polas tropas do tenente coronel Hugo Varela, ocasionándolles decenas de baixas. O movemento quedara dividido en dous: a columna Antonio Soto e a columna José Font, máis coñecido como “Facón Grande”. Ata principios de decembro Soto dominaba toda a zona sur do Lago Argentino e do Lago Viedma, e o seu continxente chegou a ser o máis numeroso alcanzando preto de 600 obreiros, tomando como base de operacións a estancia “La Anita”.

O exército estaba nas proximidades no 7 de decembro e o dirixente decide chamar a unha asemblea. O obreiro chileno Juan Farina propón a rendición e a gran maioría dos peóns rurais apoian a súa moción. Soto argumenta que era necesario continuar coa folga, pero finalmente acorda enviar a dous homes con bandeira branca a parlamentar coas tropas do exército para pedir condicións e garantías, ademais do cumprimento das cláusulas do convenio do ano pasado. Os militares fusilan aos dous enviados de inmediato.

Os militares chegan ata a estancia “La Anita” e esixen a rendición incondicional a todos os folguistas. Os dirixentes piden prazo dunha hora e reúnense en asemblea. Soto dá un dramático discurso que será desoído pola maioría dos folguistas, que deciden entregarse e terminar coa folga. As tropas de Varela fusilarán a un bo número destes folguistas. Soto e doce homes foxen dacabalo cara a Chile atravesando a cordilleira dos Andes. Nunca será atrapado polas autoridades.

Vida en Chile[editar | editar a fonte]

Soto foi perseguido polos militares arxentinos e os carabineros chilenos durante cinco días, pero logrou refuxiarse en Puerto Natales e embarcarse nunha goleta que o levará a Punta Arenas, sendo refuxiado pola Federación Obreira Magallánica. Fronte á posibilidade de ser denunciado, foxe oculto en barco a Valparaíso, seguindo rumbo a Iquique no norte chileno, onde traballou como obreiro nas salitreiras. As duras condicións do traballo afectáronlle a saúde e regresou a Valparaíso.

En 1933 viaxa de incógnito a Río Gallegos para explicar a súa actuación na folga de 1921, e toma contacto con antigos compañeiros, preparando un acto que resultará un fracaso en concorrencia. Soto foi expulsado de inmediato polo gobernador Gregores. Soto abandonou a militancia activa sen renegar dos seus ideais anarquistas.

Instalouse en Punta Arenas e rexentou un pequeno hotel, punto de reunión de libertarios, intelectuais e librepensadores. Soto fundou en Punta Arenas o Centro Republicano Español, o Centro Galego e a filial da Cruz Vermella. En Puerto Natales inaugurou un cine ao que chamou "Libertad". O 11 de maio de 1963 morreu en Punta Arenas aos 65 anos de idade. Os seus restos foron acompañados por un nutrido cortexo fúnebre, integrado por libertarios, republicanos e unha columna de estudantes (Soto inspirara a primeira folga estudantil en Punta Arenas polo aumento do salario dos docentes). No seu lugar de nacemento, no Ferrol, unha rúa leva o seu nome.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]