Antoine Gizenga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Antoine Gizenga, (nado en Mushiko, o 5 de outubro de 1925) é o actual primeiro ministro da República Democrática do Congo e un veterano político dese país.

Gizenga foi primeiro ministro en 1960, e en 1961-62 baixo a presidencia do histórico líder Patrice Lumumba. Logo do asasinato deste en 1961 continuou como primeiro ministro, pero en rebeldía. O seu goberno, con sede en Stanleyville (actual Kisangani) foi recoñecido por 21 países de África, Asia, e Europa do Leste en febreiro de 1961. Estivo no cárcere entre xaneiro de 1962 e xullo de 1964 e outra vez entre octubro de 1964 e novembro de 1965. Viviu no exilio entre 1965 e 1992.

En 2006 regresou á política presentándose ás primeiras eleccións presidenciais democráticas do país á fronte do Partido Lumumbista Unificado. Neses comicios obtivo un 13,06% dos votos e a terceira posición tras Joseph Kabila e Jean-Pierre Bemba. Na segunda volta, Gizenga apoiou a Kabila, e este ao vencer nomeouno primeiro ministro (30 de decembro de 2006).

O seu primeiro goberno estivo formado por seis ministros de estado e 54 ministros e viceministros máis, entre os que se atopou Nzanga Mobutu, fillo de Mobutu Sese Seko na carteira de agricultura e nunha teórica vicepresidencia. Tamén estivo entre eles Mbusa Nyamwisi, ministro de exteriores e antigo líder rebelde, pero non Azarias Ruberwa, o líder rebelde máis importante na actualidade e cabeza da Asemblea Congolesa a prol da Democracia (RCD).