Antimentalismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O antimentalismo é unha das características da escola de Yale, cuxo representante máis coñecido é Leonard Bloomfield, e que representa en lingüística o aspecto extremo do positivismo.

Bloomfield formula dúas hipóteses sobre o sentido:

  1. Para poder definir o emprego que os falantes fan das palabras, sería precisa unha descrición "científica" completa dos seus referentes;
  2. Poderíase entón describir o sentido de todas as palabras nos mesmos termos. Isto constituiría un obxectivo afastado e fora do dominio da lingüística.

En consecuencia, a significación dunha forma lingüística é a situación na cal o falante a emprega e a resposta que ela provoca no ouvinte. Non depende, polo tanto, da subxectividade do falante (da súa maneira de coñecer o mundo), pois para el a palabra non é un efecto do pensamento.

Esta análise é chamada antimentalista e inspírase no behaviourismo. Bloomfield presentou a significación en termos de estímulo e resposta, segundo o coñecido esquema E.r.e.R: un estímulo externo (E) leva alguén a falar (r); esta resposta lingüística do falante constitúe para o ouvinte un estímulo lingüístico (e), que dá orixe a unha resposta práctica (R). E e R son datos extralingüísticos e e e r fan parte do acto lingüístico.

Os lingüistas desta escola preocúpanse só dos acontecementos accesíbeis a todos os observadores (concepción positivista), só con feitos que poidan ser definidos nun espazo e un tempo concretos e só con mecanismos que impliquen operacións reais e precisas. O obxectivo é unha descrición formalizábel, non psicolóxica, rigorosa e coherente, dos feitos gramaticais