Lingua nórdica antiga

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Antigo Nórdico»)
Nórdico antigo
dǫnsk tunga, dansk tunga ('lingua danesa'), norrœnt mál ('lingua nórdica')
Falado en:
Extinción: século XIV
Familia: Linguas indoeuropeas
Lingua xermánica
Linguas xernánicas do norte
Nórdico antigo
Escrita: Runas
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: non
ISO 639-3: non
Mapa
Status

Antigo nórdico ou noruegués antigo foi a lingua xermánica falada polos habitantes da Escandinavia e das súas colonias de ultramar dende os comezos da época viquinga ata o ano 1300 aproximadamente. O antigo nórdico xurdiu do protonórdico durante o século VIII e, ao evolucionar, acabou dando lugar a tódalas linguas escandinavas.

Debido a que a maioría dos textos que sobreviviron proveñen do islandés medieval, a variante estándar de facto desta lingua é o dialecto occidental, é dicir, o noruegués e o islandés antigos. Este feito fai que, ás veces, no canto de falar de antigo nórdico se fale do islandés antigo ou noruegués antigo.

Porén, tamén existía a variante oriental desa lingua, a cal se falaba nos asentamentos viquingos das actuais Suecia e Dinamarca. Non había unha separación xeográfica demasiado clara entre os dous dialectos. De feito, pódense atopar restos do antigo nórdico oriental ao leste de Noruega e trazas do antigo nórdico occidental ao oeste de Suecia. Ademais, tamén había un dialecto denominado gútnico antigo, incluído dentro do nórdico antigo oriental, xa que é o menos coñecido dos tres dialectos.

Os falantes destes tres dialectos consideraban que todos falaban unha mesma lingua, e denominárona dansk tunga (ANOr) ou dönsk tunga (ANOc) ata o século XIII.

O antigo nórdico era intelixible polos antigos falantes do inglés antigo, do antigo saxón e do baixo alemán, falado ao norte da actual Alemaña. Esta lingua foi evolucionando ata dividirse, dando lugar ao noruegués, islandés, sueco e dinamarqués actual.

O islandés moderno é a lingua que menos evolucionou a partir do antigo nórdico. O feroés tamén conserva moitas semellanzas, aínda que á influencia dinamarquesa fixo que xa non sexa tan conservador. A pesar disto, as outras linguas que evolucionaron máis, como son o sueco, o noruegués e o dinamarqués seguen a ser intelixibles entre si, grazas a herdanza deixada polo antigo nórdico.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Dominio aproximado do antigo nórdico cara o ano 900.      Dialecto occidental      Dialecto oriental      Gótico de Crimea      Antigo gútnico      Outras linguas xermánicas
Runa escrita en antigo nórdico nunha das pedras de Jelling

O islandés antigo, case idéntico ao noruegués antigo, formaba xunto a esta lingua o dialecto occidental do antigo nórdico. Este dialecto era falado nos territorios da actual Islandia e Noruega. O dialecto oriental falábase en Suecia e Dinamarca e nos asentamentos viquingos de Rusia, Inglaterra e Normandía. O antigo gútnico falábase na illa de Gotland e nalgúns asentamentos ao leste do mar Báltico. No século XI, o antigo nórdico era a lingua máis falada en Europa. Estendíase dende Vinland ata o Volga. O lugar de Rusia onde sobreviviu durante máis tempo foi en Novgorod, de onde desapareceu no século XIII.

Descendentes actuais[editar | editar a fonte]

Os descendentes do antigo nórdico occidental son o islandés, o noruegués nynorsk, o feroés e a extinguida lingua norn, falada nas Orcadas e nas Shetland. Do antigo nórdico oriental descenden as linguas sueca, dinamarquesa e norueguesa bokmål. O noruegués bokmål nun principio pertencía ao dialecto occidental, aínda a grande influencia recibida polo dialecto oriental fixo que se inclúa dentro deste.

Entre estas linguas, o islandés e en parte o feroés padeceron cambios mínimos durante moitos séculos, aínda que a pertenza a Dinamarca das Illas Feroe fixo que o feroés padecese unha grande influencia do dinamarqués. O antigo nórdico influenciou algúns dos dialectos do inglés, especialmente o scots, o cal ten un gran número de préstamos do antigo nórdico. Tamén foi unha lingua decisiva no desenvolvemento do normando.

Textos e dialectos[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Ortografía de antigo nórdico.

As primeiras inscricións en antigo nórdico que se conservan son en rúnico do século VIII (aínda cando hai unhas 200 inscricións rúnicas en proto-nórdico, a máis antiga das cales é do século II). As runas seguíronse empregando moitos séculos despois, ata trala morte da lingua. Porén, os textos literarios máis importantes están escritos en alfabeto latino, como as sagas ou as eddas da Islandia medieval.

O proto-nórdico evolucionou ata o antigo nórdico no século VIII, co que o efecto das umlaut variaba segundo a rexión. As umlaut típicas (ex. fylla de *fullian) eran máis marcadas nas áreas onde se falaba o dialecto occidental, mentres que na área do dialecto oriental estas evolucionaron cara a unha diérese (ex. hiarta de herto). Esta diferenza foi a razón principal da dialectalización da lingua durante os séculos IX e século X.

Outra diferenza entre os distintos dialectos foi que os ditongos do dialecto occidental evolucionaron a monotongos no dialecto oriental. Así temos que en dialecto occidental chámase steinn (rocha), mentres que no oriental, primeiro díxose stain pero logo pasou a sten. Nos dialectos occidental e gútnico consérvase o ditongo au de auga mentres o oriental evoluciónao e convérteo en ø, como na palabra øgha. Aínda así, o dialecto occidental ten o ditongo ey de palabras como heyra mentres o oriental convérteo en ø, como en høra, e en gútnico antigo é oy, como en hoyra.

Galego Inglés Alemán Nor. a. occidental Antigo gútnico Nor. a. oriental
ollo eye Auge auga auga øgha
pedra stone Stein stein stain sten
oír hear hören heyra hoyra høra

Unha terceira diferenza é que o dialecto occidental perdeu algunhas combinacións de consoantes. As combinacións -mp-, -nt- e -nk- asimiláronse no dialecto occidental con -pp-, -tt- e -kk-. Este fenómeno foi limitado no dialecto oriental.

Galego Inglés Alemán Nor. a. occidental Nor. a. oriental
cogomelo (mushroom) (Pilz) sopp svamp
precipicio (precipice) (Felshang) bratt brant
viúva (widow) (Wittwe) ekkia ænkia

No entanto, estas diferenzas eran unha excepción. Os dialectos asemellábanse moito e, de feito, os falantes dos tres dialectos consideraban que falaban só unha lingua, unha lingua que eles denominaban lingua danesa (dansk tunga) por exemplo

Móðir Dyggva var Drótt, dóttir Danps konungs, soar Rígs er fyrstr var konungr kallaðr á danska tungu (Snorri Sturluson, Saga dos Ynglings).
Tradución: A nai de Dyggve era Drott, filla do rei Danp, fillo de Rig, o cal foi o primeiro en ser denominado rei en lingua danesa.

Aquí hai unha comparación entre os dialectos oriental e occidental. É unha transcrición dunha das inscricións rúnicas sobre pedra de Funbo (Ou990) que significa: Vénðr e Thane e Gunnar levantaron esta pedra logo de Harusa, o seu pai. Deus axude á súa alma:

Veðr ok Þegn ok Gunnarr reistu stein þenna at Haursa, föður sinn. Guð hjalpi önd hans. (ANOc)
Vaiðr ok Þegn ok Gunnarr ræistu stæin þenna at Haursa, faður sinn. Guð hialpi and hans. (ANOr)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]