Anna Lindh
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Anna Lindh (19 de xuño de 1957 — 11 de setembro de 2003) foi unha destacada política socialdemócrata en Suecia, onde chegou a ocupar o cargo de Ministro ata a súa tráxica morte no outono de 2003.
Lindh naceu en Enskede (Estocolmo, Suecia). Ós 20 anos ingresou ó Partido Socialdemócrata de Suecia onde desenvolveu unha brillante carreira. Foi Ministra de Medio Ambiente en 1994 e dende 1998 ocupou o Ministerio de Relacións Exteriores. De tendencia proeuropea, Lindh promoveu a adopción do Euro como moeda oficial no seu país. En plena campaña, o 10 de setembro de 2003, foi apuñalada nos almacéns NK en Estocolmo, e como consecuencia disto faleceu na madrugada do 11 de setembro.
Por respecto á súa memoria, tódolos partidos do país acordaron suspender temporalmente a campaña do referéndum que finalmente tivo lugar días máis tarde e deu a victoria ó campo do non. A súa morte conmoveu ó país e trouxo recordos do asasinato de Olof Palme, o primeiro ministro sueco asasinado en 1986 e quen tamén se opoñía a ser escoltado por gardacostas.

