Angula

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A angula ou meixón é a cría da anguía, única cría permitida polas leis de pesca. Cando se atopa nos mercados de peixe adoita ter 1 gramo de peso, mide algo menos de 8 centímetros de lonxitude e ten entre dous ou tres anos de vida. As angulas comercializadas adoitan estar cocidas, en caso de estaren vivas son transparentes. Adoitan atoparse envasadas ao baleiro. Este peixe, debido ao seu elevado prezo no mercado, ten un sucedáneo de surimi máis barato, coñecido como "gula" (nome tomado dunha marca comercial).

Características[editar | editar a fonte]

As angulas realizan longas migracións para reproducirse. Os lugares para a desova están situados no Mar dos Sargazos, lugar elixido por esta especie desde fai 140 millóns de anos. Algúns exemplares realizan un percorrido de máis de 5.000 km ao longo de 2 ó 3 anos para chegar ata alí. No percorrido non necesitan alimentarse. Pode serpear por terra firme durante varios quilómetros respirando a través da pel.

Nas primeiras etapas do seu nacemento todas as larvas son femias, e co tempo algunhas cambian de sexo. Son incoloras (transparentes) e posúen un tamaño de 5 a 6 cm. As angulas que sobreviven nos ríos van cambiando de cor: a denominada "anguía amarela" ten o lombo de cor pardo, e ao pasar o tempo vira a verde (abdome amarelado) e finalmente a prateado.

En España cóllese principalmente na desembocadura do río Miño. Adoita facerse pola tarde cando hai pouca luz (case ás escuras) e en preamar xa que a angula emerxe á superficie. Tras a captura é transportada viva ata viveiros situados no norte para poder realizar desde alí a súa distribución e comercialización. Hoxe en día gran parte da produción emprégase no criado e engorde ata a fase adulta de anguía xa que a cociña asiática a demanda masivamente.

Usos culinarios[editar | editar a fonte]

En España era tradicional nas gastronomías de Biscaia e Guipúscoa pero a súa popularidade estendeuse a outras partes do territorio. O prato máis coñecido é Angulas á bilbaína servido nunha cazola de barro con algún allo e chile afumado. Coñécese no entanto tamén na cociña francesa das comarcas de Nantes, La Rochelle e Bordeos. E é frecuente en Alemaña na cociña de baixa Saxonia.

As angulas adóitanse comprar xa precociñadas, xeralmente envasadas ao baleiro, neste caso teñen unha cor branca ou lixeiramente negra. Depende fundamentalmente do tempo que pasaron no río; as negras pasaron máis tempo e son xeralmente menos valoradas. No caso de adquirírense vivas adóitanse matar con tabaco disolto en auga, logo lávanse (co obxecto principal de quitarlle a baba) e posteriormente cócense nunha salmoira onde adquiren a cor branca habitual.

Tamén pode atoparse elaboradas en ensaladas ou ben como acompañante de pratos de peixe ou marisco.

Sucedáneo da angula[editar | editar a fonte]

Os elevados prezos da angula nos mercados de peixe, unidos á escaseza da angula nos ríos, fixeron que se faga moi popular un sucedáneo dela elaborado con surimi a base de abadexo procedente de Alasca. É popularmente coñecido como "gula", nome que realmente corresponde a unha marca comercial concreta de devandito produto. Para elaborar un quilo de surimi son necesarios cinco quilos de peixe. A industria alimentaria foi mellorando aos poucos as calidades e as similitudes, e desde hai tempo son maioritarios os sucedáneos que imitan as cores grisáceas e ollos da angula orixinal.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]