Anastasio II, Emperador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Anastasio II mantivo o seu nome, Artemius, tamén nas moedas; este sólido leva a lenda APTEMIOS ANASTASIOS.

Anastasios II Artemios (Αναστάσιος Β' Αρτέμιος), en galego Anastasio II Artemio ou Anastasio II (morto en 721), foi un emperador bizantino que gobernou o imperio uns poucos anos a principios do século VIII (713-715).

O seu nome orixinal era Artemios e tomou o de Anastasio cando accedeu ao trono. Foi nomeado emperador polo Senado de Constantinopla e polo pobo en 713, despois de que unha revolta do thema (distrito militar) de Opsikion derrocará ao seu predecesor Filípico, ao que servira como secretario.

Naquel momento o imperio estaba seriamente ameazado polos sarracenos tanto por mar como por terra. Anastasio II foi un emperador activo e resolutivo que tomou numerosas medidas. Enviou un exército baixo o mando do futuro emperador León o Isáurico para defender Siria, adoptou medidas resolutivas e intelixentes para defender a súa capital; intentou reorganizar a disciplina do seu exército e equipou e enviou unha formidábel forza naval a Rodas para evitar a caída da illa en mans do inimigo.

As súas medidas disciplinarias fixeron que as resentidas tropas do thema de Opsikion se amotinasen de novo contra o emperador en 715 e proclamasen como novo emperador a Teodosio III, un escuro oficial fiscal de extracción humilde. Logo dun asedio que durou seis meses, Constantinopla foi tomada por Teodosio. Anastasio derrocado, fuxiu a Nicea, onde finalmente se rendeu en 716 e recoñeceu a Teodosio como novo emperador. Anastasio retirouse a un mosteiro en Salónica.

Anos despois, en 721, Anastasio volveu á vida pública encabezando unha revolta contra León III, o sucesor de Teodosio. Anastasio recibiu un considerábel apoio e puxo Constantinopla baixo asedio; pero o asedio fracasou e Anastasio, que caeu preso en mans de León foi finalmente executado.


Imperio Bizantino

Segue a:
Filípico
Anastasio II, Emperador
Precede a:
Teodosio III
sen dinastía