Anastasio I, Emperador

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Flavius Anastasius, Anastasio I.

Flavius Anastasius ou Anastasio I, nado cara o 430 e finado o 9 de xullo de 518, foi o emperador de Bizancio desde o 11 de abril de 491 ata a súa morte.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu en Dyrrhachium, non máis tarde do ano 430. Á morte de Zenón I, Anastasio, por entón un oficial palatino (silentiarius), foi elixido sucesor pola viúva do emperador falecido, Ariadna, coa que contraeu matrimonio pouco máis dun mes logo de ser coroado emperador. O matrimonio non tivo descendencia. Cando subiu ao trono, Anastasio contaba xa máis de sesenta anos.

Adxudícaselle o sobrenome de "Dicorus" ("dúas pupilas"), xa que tiña os ollos de dúas cores diferentes.

O seu reinado comezou baixo os mellores auspicios, aínda que posteriormente veuse alterado polas guerras e as disensións relixiosas. Obtivo o favor popular cando aboliu o imposto do chrysargiron e despregou grande enerxía na administración do Imperio. En 498 aboliu tamén a collatio lustralis, imposto que gravaba aos artesáns. Co tempo, con todo, o seu restritiva política económica fíxoo impopular e gañoulle fama de avaro, aínda que conseguiu acrecentar o tesouro imperial en 320.000 libras ouro. Prohibiu que se celebrasen combates de animais salvaxes e banquetes nocturnos na capital do Imperio.

Viuse envolvido en dúas grandes guerras: a Guerra Isáurica e a Guerra Persa. A primeira desenvolveuse entre 492 e 496 e orixinouse pola revolta dos seguidores do irmán de Zenón Lonxino, cando este foi desterrado polo emperador á Tebaida, en Exipto. Aínda que o exército principal de Lonxino foi derrotado na batalla de Cotyaeum, en Frixia, a resistencia dos seus seguidores resistiu nas montañas isaurias ata 496 ou 498. A guerra contra Persia tivo lugar entre 502 e 505, e nela as cidades de Teodosiópolis e Amida foron tomadas polo inimigo; con todo, tamén os persas sufriron perdas severas, e os romanos recuperaron Amida. En 506, ambos contendentes, exhaustos polo esforzo bélico, asinaron a paz, respectando o statu quo. Pouco despois Anastasio ordenou a construción da fortaleza de Daras, para poder vixiar Nisibis. Durante o seu reinado, as provincias dos Balcáns foron devastadas polas invasións dos eslavos e os búlgaros.

Para protexer Constantinopla e as súas proximidades construíu a Muralla de Anastasio, que se estendía desde a Propóntide ata o Mar Negro, e renovou as fortificacións do Danubio.

Recoñeceu a Teodorico como rei de Italia en 497.

Anastasio foi un monofisita convencido, pero a súa política relixiosa foi moderada. Esforzouse por manter o principio do Henotikon de Zenón e a paz da igrexa, para o que asinou, a instancias do patriarca Eufemio, unha declaración escrita de ortodoxia. En 512, con todo, por mor da presión do populacho -sobre todo do partido dos Verdes,- viuse arrastrado a adoptar a posición monofisita. Aínda que isto lle granxeou o apoio da poboación de Constantinopla, na parte europea do Imperio produciu bastante descontento, que foi aproveitado por Vitaliano, magister militum per Thracias, para organizar unha rebelión, na cal contou co auxilio dunha horda de hunos. A revolta, que se prolongou durante os anos 514 e 515, foi sufocada por unha vitoria naval do xeneral Marino.

Acerca da elección do seu sucesor, a lenda di que invitou a comer aos seus tres sobriños, e fíxolles preparar tres leitos para descansar despois do convite. Baixo a almofada dun deles colocara un pergamiño coa palabra latina REGNUM ("reino"); decidira que o que o atopase había ser o seu sucesor á fronte do Imperio. Con todo, dous dos sobriños, cuxo afecto mutuo parece ir algo máis alá dos lazos familiares, compartiron unha cama, e o que ocultaba o pergamiño quedou intacto. Tras este fracaso, Anastasio determinou que herdaría o Imperio o primeiro que entrase na súa habitación ao día seguinte. A sorte foille propicia a Xustino, comandante da súa garda.

É pouco probábel que esta historia sexa certa. O máis verosímil é que non fose Anastasio quen elixise a Xustino como sucesor, senón que este se alzase co poder unha vez falecido o emperador.

Notas[editar | editar a fonte]

  • Norwich, John Julius: Breve historia de Bizancio. Editorial Cátedra, 2000. ISBN 84-376-1819-3.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Anastasio I, Emperador

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Imperio Bizantino

Segue a:
Zenón
Anastasio I, Emperador
Precede a:
Xustino I
Dinastía de León