América do Norte

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "America do Norte")
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
América do Norte
Location North America.svg
Área 24,709,000 km2
Poboación 528,720,588 h.
Densidade poboacional 22.9 h. km2
Xentilicio Norteamericano, americano
Países
Dependencias
linguas Inglés, castelán, francés, danés, náhuatl...
Fusos horarios De UTC-10 en Alasca a
UTC 0 en Groenlandia
Cidades máis grandes 1. Cidade de México
2. Nova York
3. Os Ánxeles
4. Chicago
5. Toronto

América do Norte ou Norteamérica é un subcontinente de América, que se estende, xeopoliticamente, desde Alasca e Groenlandia ao norte, ata a fronteira de México con Guatemala e Belize ao sur. Limita ao norte co océano Glacial Ártico, ao leste co océano Atlántico, ao sureste co mar Caribe e ao sur e ao oeste co océano Pacífico. Está conectado con América do Sur pola estreita ponte territorial que representa América Central. Cobre un área de aproximadamente 24,709,000 km², o que representa ao redor dun 4,8 % da superficie total do planeta e un 16,5 % das terras emerxidas.

En 2009 a súa poboación estimada era de máis de 528 millóns de habitantes. En 2013 o IDH promedio de todos os países do subcontinente norteamericano foi de 0,895.

América boreal é un sinónimo, pero este concepto a miúdo só inclúe os Estados Unidos e Canadá, excluíndo a zona de México a que ás veces se considera dentro de América Central.[1]

Etimoloxia[editar | editar a fonte]

Antigo mapa de América do Norte
Imaxe por satélite de América do Norte.

Está aceptado amplamente que os nomes de América do Norte e de América do Sur denomináronse así por Amerigo Vespucci, e que foi o cartógrafo alemán Martin Waldseemüller quen lles puxo ese nome. Vespucio foi o primeiro europeo en suxerir que América non eran as Indias Orientais senón un novo mundo descoñecido para os europeos.[2]

A segunda teoría, con menos aceptación que a anterior, é que os seus nomes proveñen dun comerciante inglés chamado Richard Amerike, de Bristol, que se cre que financiou a viaxe de John Cabot de Inglaterra a Terranova en 1497.[3] Outra teoría é que o nome provén dunha lingua amerindia.[4]

Delimitación[editar | editar a fonte]

Considérase a Norteamérica como un subcontinente (ata México), noutros casos como un continente (os 3 tons de verde) ou unha subrexión da ONU (en verde claro).

Non hai un só criterio para definir este termo. Nos países hispanofalantes, o uso normalmente define a Norteamérica como o subcontinente conformado por Canadá, Estados Unidos (incluíndo Alasca), México, o Istmo de Tehuantepec, Groenlandia e illas adxacentes. En cambio nos países angloparlantes e outros, adóitase considerar a Norteamérica como un continente que está conformado polos territorios antes mencionado ademais de Centroamérica e as Antillas, presentando un límite natural con Suramérica máis ou menos á fronteira actual de Panamá/Colombia. Doutra banda, o xeoesquema da ONU usa "América do Norte" como descrición cultural angloamericana, conformando unha subrexión conformada por Estados Unidos e Canadá (excluíndo a México).

Historia[editar | editar a fonte]

De acordo coas probas arqueolóxicas, a ocupación humana de América do Norte comezou durante o Plistoceno, no periodo cuaternario, fai uns 50.000 anos. Probablemente, pobos mongoloides chegaron ao norte de América desde Asia en torno á última gran glaciación, a través dunha lingua de terra que atravesaba a zona que actualmente ocupa o Estreito de Bering, creando unha ponte terrestre, desde onde se empezaron a estender cara ao sur e o leste.[5]

Os primeiros habitantes eran pobos do Paleolítico que vivían da caza e da recolección, e empregaban ferramentas non moi diferentes das coñecidas en Siberia. Máis tarde foron desprazados por outros grupos que posuían ferramentas máis evolucionadas. Crese que estes pobos son os primeiros antepasados dos pobos amerindios, os cales desenvolveron culturas complexas e habitaban o continente na época en que chegaron por primeira vez os europeos. [6]

Groenlandia foi a primeira rexión do continente á que chegaron os europeos. De acordo coas sagas islandesas, Erik o Roxo explorou e colonizó a illa por primeira vez. O primeiro europeo que divisou unha parte da terra firme continental foi probablemente Bjarni Herjólfsson, un comerciante islandés que viu a liña de costa ao redor do ano 986.[7] Despois, Leif Eriksson, o fillo de Erik o Roxo, realizou unha viaxe a unha terra que chamou Vinland ou terra do Viño, e que, talvez, era algún lugar entre Labrador e Nova Inglaterra . [8] Este relato foi verificado en parte grazas ao descubrimento en 1963 dun emprazamento de tipo viquingo en L'Anse aux Meadows (actual parque nacional histórico declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1978), preto da punta meridional de Terra Nova. Determinouse que as ruínas databan do ano 1000 aproximadamente. [9]

Era precolombina[editar | editar a fonte]

Os antropólogos teñen diversas teorías achega da orixe das primeiras poboacións que se estableceron en América do Norte. Os pobos indíxenas teñen toda unha serie de mitos cos que intentan explicar que xa estaban establecidos nesta terra desde que se creou. O consenso é que os indíxenas norteamericanos chegaron por primeira vez desde Asia durante a última Idade de xeo, moi probablemente a través da ponte terrestre de Bering, e posiblemente tamén, con barcos primitivos.

Antes do contacto cos europeos, os pobos indíxenas de América do Norte dividíanse en múltiples entidades políticas, desde pequenos grupos dunhas poucas familias a grandes imperios. Vivían en varias áreas culturais que se correspondían en grandes liñas coas distintas zonas xeográficas e biolóxicas que ocupaban e que dan unha boa idea dos distintos usos e costumes da xente que vivian alí (por exemplo, os cazadores de bisontes das Grandes Chairas, ou os agricultores de Mesoamérica). A estes grupos indíxenas tamén se lles pode clasificar pola súa familia de linguas (por exemplo, a atapascana ou a uto-azteca), aínda que é importante ter en conta que as persoas con linguas da mesma familia non sempre compartían a mesma cultura material, nin sequera foron sempre aliados.

Os antropólogos creen que os inuit do Ártico chegaron a América do Norte moito máis tarde que outros grupos indíxenas, como o demostra a desaparición das ferramentas da cultura Dorset, segundo os rexistros arqueolóxicos, e a súa substitución polas do pobo Thule. É posible que en Norteamérica houbese varios pobos entre os seus primeiros poboadores.[10] A evidencia máis coñecida que apoia esta teoría é o achado do Home de Kennewick.[11]

A era das exploracións[editar | editar a fonte]

As exploracións europeas en América do Norte comezaron coa viaxe realizada en 1492 por Cristovo Colón ao servizo da Coroa de Castela.[12] Máis tarde, en 1497, un navegante italiano ao servizo de Inglaterra, Giovanni Caboto ou Xoán Caboto (en galego, desembarcó na illa de Cabo Bretón, e en 1498 percorreu as costas do Labrador, Terra Nova e Nova Inglaterra e, posiblemente, chegou á baía de Delaware.[13] O navegante portugués Gaspar Corte-Real realizou unha viaxe o ano 1500 pola costa de Labrador e o sueste de Terra Nova.[14]

Conquistas castelás[editar | editar a fonte]

O éxito da conquista castelá na zona meridional de América do Norte foi debido, en gran parte, ás loitas que enfrontaban aos diferentes pobos indíxenas da rexión. A desorde interna era especialmente grave no Imperio Azteca, civilización que caeu ante Cortés en 1521. Os aztecas eran odiados por gran parte das súas tribos vasalas especialmente polos tlaxcaltecas, os cales convertéronse en aliados de Hernán Cortés. Debido a esta circunstancia e a superioridade das armas europeas, a vitoria castelá foi rápida.[15]

Os maias, outro pobo indíxena que poboaba a Península de Iucatán, non foron capaces de ofrecer unha resistencia efectiva aos casteláns. Aínda que un elevado número de amerindios de México e da América Central foron exterminados durante a conquista e o dominio castelán ou se mesturaron cos conquistadores, o feito é que os maias e outros pobos indíxenas puideron sobrevivir ata os nosos días. Os descendentes deste mestizaxe constitúen a maioría da poboación actual desta parte do subcontinente.[16] Hernán Cortés chegou á Baixa California en 1536[17] as expedicións máis importantes durante a primeira parte do século XVI foron as de Pánfilo de Narváez e Álvar Núñez Cabeza de Vaca, os cales exploraron parte de Florida, as costas septentrionais e orientais do Golfo de México, e parte do norte de México entre 1528 e 1536.[18][19] Hernando de Soto chegou o río Mississippi en 1541,[20] i Francisco Vázquez de Coronado explorou extensas áreas do sueste dos Estados Unidos entre 1540 e 1542.[21] o asentamento permanente europeo máis antigo en Estados Unidos é San Agustín (Florida), o cal foi fundado en 1565 polo asturiano Pedro Menéndez de Avilés.[22]

Antes de 1600, os casteláns dominaran os pobos amerindios das illas máis grandes das Antillas, de Florida e do sur de México. Por motivos administrativos, as colonias creadas pola Coroa de Castela na área de México agrupáronse no vicerreinado de Nova España. Logo de consolidar o seu control sobre Nova España, as autoridades castelás avanzarón gradualmente cara ao norte, completaron a conquista de México e ocuparon grandes zonas do sur do que hoxe en día son os Estados Unidos de América. A audiencia de Guadalajara comprendía os estados do norte de México e os actuais Texas e Novo México nos Estados Unidos.[23]

A colonización francesa e inglesa[editar | editar a fonte]

Mentres Castela consolidaba a súa posición na América do Norte meridional, Francia e Inglaterra exploraron e colonizaron o subcontinente desde o Canadá cara ao sur. En xeral, Inglaterra e Castela eran aliados en política internacional durante a primeira metade do século XVI, polo que os ingleses non intentaron competir con Castela en Norteamérica. Francia (o principal rival de Castela pola hexemonía en Europa) entrou na carreira colonial con algún atraso, con todo, as súas adquisicións no Novo Mundo foron importantes. Así, en 1524, o navegante florentino Giovanni da Verrazzano, ao servizo de Francia, percorreu a costa norteamericana desde o cabo Fear, ao norte, ata o punto no que normalmente se identifica como Illa de Cabo Bretón. No curso desta viaxe explorou as baías de Narragansett e Nova York.[24] Pola súa banda, o francés Jacques Cartier realizou tres viaxes entre 1534 e 1542, e explorou a costa que hai entre o Golfo de San Lourenzo, o río San Lourenzo e un asentamento de pobos amerindios onde máis tarde se situaria Montreal.[25][26] Francia reivindicou a parte setentrional de América do Norte a partir de todas estas expedicións pero, debido á crise provocada en Francia pola Reforma Protestante, os franceses víronse obrigados a suspender a actividade colonial durante máis de medio século. Con todo, desde 1599, estableceu postos de comercio de peles ao longo do río San Lourenzo e, posteriormente, numerosos sacerdotes xesuitas franceses chegaron a estas rexións. Entre os máis destacados destes exploradores atópase Samuel de Champlain (o cal fundou Quebec en 1608 e explorou o territorio onde hoxe se atopa Nova York),[27] o misionero xesuita Jacques Marquette e o navegante Louis Jolliet, os cales percorreron xuntos a parte superior do río Mississippi e baixaron cara ao sur ata a rexión que hoxe en día ocupa Arcansas.[28][29] O 1682, un dos máis destacados pioneiros de Norteamérica Robert Cavalier e o seu socio, o italiano Henri de Tonty, percorreron o Mississippi dende a súa unión co río Ohio ata o Golfo de México, e reclamaron todos os territorios bañados por aquel río para Luís XIV de Francia.[30][31] É na súa honra que bautizaron estas terras co nome de Luisiana.[32]

A coroa inglesa reclamou os seus dereitos sobre Norteamérica baseándose na viaxe de Giovanni Caboto entre 1497 e 1498, pero durante case un século non fixo ningún intento de colonización. A primeira colonia inglesa en América do Norte foi fundada en 1583 preto da actual cidade de Saint John's (Terra Nova) polo navegante e soldado Humphrey Gilbert,[33] pero os colonizadores volveron a Inglaterra ese mesmo ano. Noutras dúas ocasións (nos anos 1585 e 1587) Walter Raleigh intentou establecer unha colonia na illa de Roanake (Carolina do Sur) pero, cando os exploradores ingleses visitaron Roanoke en 1591 non encontraron rastro dos colonos.[34] Non foi ata o ano 1607 en que se fundou a primeira colonia inglesa permanente en América do Norte, a de Jamestown, Virxinia.[35] Máis tarde foi creada en 1620 a colonia de Plymouth, ás beiras da baía do Cabo Cod,[36] e a colonia da baía de Massachusetts estableceuse entre os anos 1628 e 1630.[37] Despois de 1630, os ingleses colonizaron sistematicamente todo o litoral atlántico entre Acadia (unha antiga colonia francesa) e Florida. O 1664 anexionáronse a colonia holandesa de Nova Ámsterdan (fundada en 1624) e que rebautizaron como Nova York,[38] e os asentos xunto ao río Delaware que os holandeses arrebataran aos colonos suecos en 1655.[39]

Xeografía física[editar | editar a fonte]

Placas tectónicas da Terra (a de América do Norte é de cor marrón).

América do Norte sitúase na rexión superior do continente americano, conectado co subcontinente sudamericano por medio da rexión centroamericana, máis específicamente, polo istmo de Panamá. América do Norte comeza, segundo a maioría das autoridades académicas, no istmo de Tehuantepec (no sueste de México), e esténdese cara ao norte ata a rexión ártica canadense e de Alasca. Todo o subcontinente pertence á placa norteamericana (incluíndo o istmo de Tehuantepec, pero, excluíndo algunhas rexións de California e Baixa California que pertencen á placa do Pacífico e outras rexións da Baixa California Sur e do leste de México que pertencen á placa de Cocos.[40] Atópanse numerosas illas, principalmente as illas do arquipélago Ártico, o arquipélago Alexander, e as illas Aleutianas. Groenlandia, a illa danesa autónoma, é localizada sobre a placa tectónica norteamericana, e xa que logo, considérase, xeograficamente, como parte do subcontinente norteamericano. As Bermudas, pola contra, non se atopan sobre esta placa, senón que son illas oceánicas sobre a dorsal Atlántica.

A vexetación e o clima en América do Norte son moi variados. Ao norte atópase a tundra ártica (por exemplo, en Groenlandia, ou Yukón), pero tamén hai unha gran variedade de bosque (por exemplo, as montañas Rochosas, os Apalaches, Serra Nai Occidental, Serra Nai Oriental, Serra Nai do Sur, Serra Nai de Chiapas), desertos (Pinacate, Zona do Silencio), chairas (as Grandes Chairas dos Estados Unidos, Comarca Lagunera), mangleirais (por exemplo, en Luisiana e Tabasco), etcétera. Xeralmente, a vexetación asociada a eles é a típica da ecozona holártica, ao norte, e da ecozona neotropical, no sur. A fronteira entre ambas sitúase en torno aos 40 ° N.

Países independentes[editar | editar a fonte]

Como resultado da evolución histórica, a estrutura norteamericana conta actualmente por tres estados independentes e tres dependencias europeas:

Países
Area
(km²)
Poboación
(Asta xaneiro 2009)
Densidade de poboación
(por km²)
Capital
Flag of Canada.svg Canadá 9,985,700 33,311,389 3.0 Otava
Estados Unidos de América Estados Unidos 9,630,100 306,050,595 25.0 Washington DC
Flag of Mexico.svg México 2,100,380 109,955,400 20.0 Cidade de México
Dependencias
Flag of Bermuda.svg Bermuda 55 60,000 1,233.33 Hamilton
Groenlandia Groenlandia 2,380,100 50,000 0.026 Nuuk
San Pedro e Miguelón San Pedro e Miguelón 245 7,000 29 San Pedro e Miguelón

Poboación[editar | editar a fonte]

Dona esquimó de Alasca (circa 1907)
Amerindio norteamericano (circa 1890)

América do Norte tivo unha poboación dispersa ata épocas relativamente recentes. Coa importante excepción dos habitantes da zona central de México (as mesetas e os vals que rodean o actual Cidade de México), os pobos indíxenas do subcontinente vivían diseminados xeograficamente e posuían unha gran diversidade cultural. Os asentamentos europeos no subcontinente iniciaron un cambio case total na súa xeografía humana, xa que os europeos minguarón e desprazaron aos pobos indíxenas, a forma de vida destes sufriu grandes alteracións. A maioría da poboación actual de América do Norte é de ascendencia europea, pero tamén engloba outros grupos significativos tales como mestizos e negros asi como existen importantes minorías de amerindios e de persoas provintes de Asia.

Nel sitúase a segunda illa meirande do mundo (Groenlandia), e tamén medran as árbores máis altas do mundo (sequoias) que chegan ata os 83 metros de altura con diámetros de ata 9 metros. É o subcontinente con maior consumo enerxético e a rede de transportes e comunicacións máis densa do mundo. Inclúe a maior vía acuática de comunicación (Golfo de México -> río Mississippi -> Grandes Lagos -> Canle de San Lourenzo -> Atlántico Norte).

Medidas[editar | editar a fonte]

  • Área: 23.477.000 km²
  • Anchura máxima: 6.437,3 km
  • Lonxitude de costa: 154.497 km
  • Punto máis alto: Mt. McKinley (Alasca), 6.194 m
  • Punto máis baixo: Val da Morte (Death Valley, EUA), -86 m

Xeoloxía[editar | editar a fonte]

A masa está asentada sobre a Placa de Norteamérica. Comprendendo o Escudo Canadense. A masa desprendeuse de Europa e de África do norte a finais da era precámbrica, hai 570 millóns de anos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Capítulo 34. América del Norte (excepto a México)" (en castelán) (PDF). Evaluación de los recursos forestales mundiales 2000. FAO forestal. ISBN ISSN 1014-2886. http://www.fao.org/DOCREP/005/Y1997S/y1997s15.htm. Consultado o 3/07/2014.
  2. The Naming of America: Fragments We've Shored Against Ourselves (en inglés)
  3. The Naming of America (en inglés)
  4. El nom d'Amèrica
  5. Prehistoric Beringia - A Beginner's Guide to the Homeland of the Peoples of the Americas (en inglés)
  6. Linguists demonstrate Siberian-North American link (en inglés)
  7. The Canadian Encyclopedia (en inglés)
  8. Leif Ericson - Columbus 'Predecesor by Nearly 500 Years (en inglés)
  9. UNESCO (en inglés)
  10. "Anthropology: Kennewick Man's Contemporaries" (en inglés). Science. abril 1998. http://www.sciencemag.org/cgi/content/summary/280/5361/191. Consultado o 19/07/2014.
  11. "Kennewick Man Skeletal Find May Revolutionalize Continent's History" (en inglés). Science Daily. abril 2006. http://www.sciencedaily.com/releases/2006/04/060425183740.htm. Consultado o 19/07/2014.
  12. John McIntosh: The discovery of America by Christopher Columbus: and the origin of the North American Indians. Editado por W. J. Coates. Orixinal do ano 1836 da Universidade de Míchigan. Dixitalizado o 1 de xullo de 2005. 152 páxinas.
  13. Samuel Eliot Morison: The European Discovery of America. The Northern Voyages A.D. 500-1600. Nova York: Oxford University Press (1971).
  14. Gaspar Corte Real: Explorer (en anglès)
  15. Laura Matthew i Michel R. Oudijk: Indian conquistadors: indigenous allies in the conquest of Mesoamerica. Editado pola Universidade de Oklahoma Press, 2007. ISBN 0-8061-3854-8.
  16. David E. Stannard: American holocaust: the conquest of the New World. Editat per Oxford University Press US, 1993. ISBN 0-19-508557-4
  17. Biografía de Hernán Cortés (en castellà)
  18. Panfilo de Narvaez: Explorer (en anglès)
  19. Álvar Núñez Cabeza de Vaca: Explorer (en anglès)
  20. Hernando De Soto: Explorer (en anglès)
  21. Francisco Vasquez de Coronado: Explorer and Conquistador (en anglès)
  22. www.enchantedlearning.com (en anglès)
  23. Gerhard, Peter. 2000: Geografía histórica de la Nueva España, 1519 - 1821. Ciutat de Mèxic: Universidad Nacional Autónoma de México.
  24. Richard E. Bohlander (editor): World Explorers and Discoverers. Nova York et al.: Macmillan publishing co. (1992).
  25. Simon Dresner: Rivers of Destiny. Aldus Books Limited, Londres, 1971.
  26. Richard E. Bohlander (editor): World Explorers and Discoverers. Macmillan publishing company, Nova York et al., 1992.
  27. www.blupete.com (en anglès)
  28. www.library.thinkquest.org (en anglès)
  29. ThinkQuest (en inglés)
  30. René-Robert Cavelier, Sieur de La Salle: North American Explorer (en inglés)
  31. The Canadian Encyclopedia (en inglés)
  32. BabyNames (en inglés)
  33. Sir Humphrey Gilbert: Explorer (en inglés)
  34. First English Settlement in the New World (en inglés)
  35. Jamestown Settlement (en inglés)
  36. Timeline of Plymouth Colony 1620 - 1692 (en inglés)
  37. Massachusetts Colony (en inglés)
  38. The Capture of New Amsterdam (en inglés)
  39. State of Delaware (A brief history) (en inglés)
  40. Cox, Allan i Robert Brian Hart: Plate tectonics: How it works. Editat per Wiley-Blackwell, 1986. ISBN 0-86542-313-X.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]


Países do mundo | América do Norte
Flag of Canada.svg Canadá - Flag of the United States.svg Estados Unidos de América - Flag of Mexico.svg México
Países con parte do seu territorio en América do Norte

Flag of Denmark.svg Dinamarca (Groenlandia) | Flag of France.svg Francia (San Pedro e Miquelón) | Flag of the United Kingdom.svg Reino Unido (Bermuda)