Ameixa fina
A ameixa fina (Ruditapes decussatus, Linnaeus 1758) [1] é a variedade máis aprezada entre as distintas especies de ameixas e, con diferenza, a de maior valor comercial.
Índice |
Sinonimia [editar]
A denominación comercial en Galicia é almeixa fina (Ruditapes decussatus) [2], pero tamén recibe en Galicia os seguintes nomes vernáculos:
- Ameixa fina, ameixa boa, ameixa branca, ameixa de caste, ameixa de exportación, ameixa de lei, ameixa femia, ameixa galega, ameixa lexítima, ameixa natural, ameixa sá.
Comercialmente tamén é coñecida como ameixa de Carril (pola sona que ten a pescada nesa parroquia de Vilagarcía).
Noutras linguas chámase:
- Castela: Almeja Fina
- Cataluña: Cloïsa, Cloïsa fina
- Baleares: Copinya, Escopinya llisa
- País Vasco: Txirla Handia
- Cantabria: Amayuela
- Inglés: Grooved Carpet Shell
- Francés: Palourde Commune
- Alemán: Teppichmuschel
- Italiano: Vongola vera
Morfoloxía e anatomía [editar]
A cuncha, relativamente fina en comparación con outras especies, caracterízase por ter ben marcadas as estrías radiais e as lonxitudinais, que debuxan un cuadriculado patente, sobre todo na parte posterior, ó que lle debe o nome específico (decussatus = entrecruzado). Este debuxo axuda máis a identifica-la especie cá cor da cuncha.
A cor é moi variable, dependendo do tipo e composición do sustrato no que se cría, entre gris clara e castaño escura, con predominio dos tonos pardos claro ou grises. Pode presentar manchas máis escuras, irregularmente repartidas. As dúas valvas presentan a mesma cor.
Presenta dous sifóns longos, grazas ós que pode sobrevivir enterrada a profundidades de ata 15-30 cm na area e soportar sen problemas as fases de baixamar. Os sifóns están separados un do outro en toda a súa lonxitude, feito que tamén permite recoñecela fronte a outras especies.
| Ameixa fina | Ameixa xaponesa | Ameixa babosa |
| Estrías finas e regulares, ben marcadas as radiais e as lonxitudinais. | Estrías radiais máis marcadas, e as lonxitudinais non son apreciables na rexión media. | Estrías lonxitudinais máis marcadas; pouco apreciables as radiais. |
| Marca de inserción do ligamento só apreciable na valva dereita. | Marcas apreciables nas dúas valvas. | Pouco diferenciadas. |
| Cara interna da cuncha branca ou cun lixeiro ton laranxa. | Marrón, violácea ou amarela. | Branca, rosada ou alaranxada. |
| Sifóns separados en toda a súa lonxitude. | Soldados na maior parte. | Soldados en toda a súa lonxitude. |
| Dobre fila de tentáculos no bordo do sifón inhalante. | Tres filas de tentáculos. | Dúas filas. |
Hábitat [editar]
Está presente en todo o litoral atlántico europeo e no canal da Mancha, e resulta escasa no Mediterráneo. Nas costas africanas chega a Senegal.
Medra normalmente en fondos de area limpa e firme ou cascallo, desde o espazo intermareal ata zonas de poucos metros de profundidade.
O desenvolvemento varía moito segundo as temperaturas da auga e a riqueza en plancto, alcanzando o tamaño comercial, de 3-5 centímetros de lonxitude, ó cabo de 3 ou 4 anos. Pode chegar a medir 6-8 cm.
A talla mínima é de 40 mm no seu eixo maior.
Pesca [editar]
O método de pesca adoita ser a pé, cun sacho, durante a seca, guiándose polos buratos que deixan os sifóns na area, pero tamén se utiliza o rastro desde as barcas.
As capturas totais durante o ano 2010 ascenderon a 807.060 kg, segundo datos de vendas nas lonxas galegas [1].
Aspectos sanitarios [editar]
Os perigos sanitarios derivados dunha posible contaminación bacteriana procedente de vertidos fecais son semellantes ós descritos para o resto dos moluscos bivalvos, artigo ó que remitimos ó lector.
Cómpre destacar que a ameixa fina resiste fóra da auga moito tempo, máis cás outras especies de ameixa.
Gastronomía [editar]
O máis habitual é consumilas en cru, cunhas pingas de limón, pero poden utilizarse noutras preparacións culinarias (caldeiradas, á prancha, á mariñeira, en guisos de fabas, etc.).
Observacións [editar]
Nalgúns textos ou páxinas web pode lerse que se pode saber se son de orixe galega ou non lendo a etiqueta de depuración, por ser obrigatorio indicar na etiquetaxe a orixe. A realidade é que ese dato non achega esa información, pois o establecemento depurador pode ser galego pero non selo o molusco. A indicación da zona de orixe, a non ser que a especifiquen con exactitude, adoita ser simplemente “Atlántico noreste- Zona FAO 27”, que pouco di da procedencia da ameixa.
Aínda así, cómpre recoñecer que a gran maioría da ameixa fina comercializada en Galicia é de orixe galega, pero tamén a hai importada de Túnez.
Notas [editar]
- ↑ Outras formas coas que pode aparecer nomeada son Tapes decussatus, Venerupis decussatus, Ruditapes decussata, Venerupis decussata, Venus truncata ou Paphia decussata.
- ↑ segundo a Resolución de 24 de marzo de 2010, da Secretaría General del Mar, pola que se establece e se publica a listaxe de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España (BOE nº 82, de 5.04.2010).