Amador Rodríguez Guerra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Amador Rodríguez Guerra
Nacemento1894
Lugar de nacementoO Canedo
Falecemento19 de agosto de 1936
Lugar de falecementoEirexalba
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

Amador Rodríguez Guerra, nado no Canedo (Monfero) en 1894 e finado Eirexalba (O Incio) o 19 de agosto de 1936, foi un agrarista e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nado no seo dunha familia de propietarios rurais, era fillo de Juan Rodríguez Luna, de Irixoa, e de Francisca Guerra Couto, de Monfero. Instalouse na Coruña, probablemente baixo a protección de Rodrigo Sanz, e iniciouse no oficio periodístico. Colaborou en El Ideal Gallego e Ecos del Eume. En 1917 publicou unha obra sobre o imperialismo estadounidense La fragua de Vulcano. Historia de la política del imperialismo Yanke en Hispano América, editada en Buenos Aires.

En 1918, con motivo das eleccións xerais asinou varios artigos en Ecos del Eume apoiando a candidatura de Rodrigo Sanz e denunciando as prácticas caciquís de Julio Wais Sanmartín, apoiado polo conservador Augusto González Besada.

Baixo a súa iniciativa constituíuse a Sociedad Agrícola de Defensa Vecinal de Val Xestoso (Monfero) a mediados de 1918. A sociedade foi patrocinada pola Irmandade Rexionalista, en especial polo seu xefe Rodrigo Sanz, que foi nomeado presidente honorario xunto ao líder da Lliga Regionalista, Francesc Cambó. Tamén estivo presente na constitución da nova sociedade agraria de Monfero, en xuño de 1918, tralo enfrontamento dun grupo de socios coa directiva.

En 1919 coñeceu a mestra Eduvigis Díaz Gallego, coa que casou ese mesmo ano. Cara 1920, e tras solicitar Eduvigis unha excedencia, a parella estableceuse en Ferrol. Entre 1920 e 1922 traballou na empresa Viuda de Pedro Fernández e na Sociedad Española de Construcciones Navales. Traballos que alternou con outras ocupacións, como o arranxo de motores e todo tipo de aparellos eléctricos. Ingresou na Armada en 1922, e solicitou a excedencia, que lle foi concedida en 1928. Foi correspondente de El Pueblo Gallego en Ferrol.

Na II República[editar | editar a fonte]

Durante o período republicano creou o Partido Agrario Radical Gallego (PARG) a principios de 1931. No outono de 1932 interveu en actos a prol do Estatuto. En novembro pronunciou unha conferencia no Centro Cultural Herculino co título "Exposición y crítica del pensamiento y la actitud de los campesinos ante el Estatuto de Galicia" na que atacou duramente o caciquismo, expresando tamén as súas críticas contra o réxime republicano que, na súa opinión “no ha hecho nada por atraer a la gran masa campesina, rechazándose por los gobernantes y por sus delegados la colaboración de elementos sanos y de rancio republicanismo para instaurar en cambio, aceptando a otros elementos contaminados, un caciquismo “frigio” tan deplorable como el anterior”. Reclamou a participación do “elemento campesino en la obra de forjar la futura autonomía gallega” e censurou a adscrición aos partidos estatais daqueles que integran os partidos galegos, por entender que no seu programa “quedarán diluídas las organizacións gallegas”.

A campaña tivo continuidade en 1933 coa convocatoria de novos mitins. Un deles tivo lugar en xaneiro en Campolongo, promovido pola Sociedad Agraria Republicana de Castro, Leiro y Carantoña e pola Federación Agrícola Comarcal de Pontedeume, recentemente constituída. Interviron José Antonio Cabana Rodríguez, presidente desta última entidade, o mestre Nicandro Golán Pereiro e o deputado Ramón Suárez Picallo, do Grupo Galeguista de Sada.[1]

Ao longo dos anos 1932 e 1933 despregou unha grande actividade: dirixiu o periódico La Voz del Agro e iniciou unha campaña por terras de Lugo. Ademais da campaña para lograr a mellora das comunicacións comarcais, orquestrada desde os comités locais do PRAG, cun amplo seguimento na prensa, fundouse a sección xuvenil do partido e celebráronse os acostumados mitins coa participación de Amador Rodríguez e dirixentes locais do partido. En marzo de 1933 tiveron lugar os mitins de Samos e O Incio.

A necesidade de articular dentro do agrarismo un discurso común que unificase as preocupacións máis técnicas con obxectivos políticos levou a Amador Rodríguez, como secretario xeral do partido, a convocar, a principios de novembro de 1932, un Congreso Agrario ao que foron invitados concellos, sociedades e sindicatos agrarios. Porén, o Congreso non se chegou a reunir.

As eleccións de 1933 e o declive do PADG[editar | editar a fonte]

Amador Rodríguez foi detido e procesado xunto a coñecidos republicanos coruñeses, como César Alvajar, Joaquín Pereiro, Gregorio Caño e Luis Tato, que foron acusados dun delito de provocación, indución e excitación para cometer rebelión militar. Os feitos aconteceron o 6 de outubro cando, con motivo da proclamación do estado de guerra por unha compañía de infantaría no Cantón de Porlier na Coruña, un grupo de persoas proferiu berros desde o edificio do Casino Republicano, sendo a continuación detidas unha trintena delas e clausurado o Casino. Amador Rodríguez e os outros inculpados permaneceron presos no cárcere. Durante o Consello de Guerra, celebrado en marzo de 1935 no cuartel de Atocha, o fiscal pediu para os inculpados a pena de seis anos e un día de cadea; a defensa, que correu a cargo de José Miñones Bernárdez, achegou as testemuñas do exalcalde Suárez Ferrín, o presidente local do Partido Galeguista, Plácido R. Castro, e o deputado José García Ramos. O fallo foi exculpatorio e os acusados foron postos en liberdade provisional.

Desde mediados de 1935, a consecuencia do avance de forzas como o Partido Agrario Español, da defección dalgunhas sociedades ata entón vinculadas ao PARG e das secuelas derivadas da súa estadía no cárcere, debeu producirse un certo afastamento da actividade política. De feito o PARG nin sequera concorreu ás eleccións de febreiro de 1936.

O asasinato[editar | editar a fonte]

Nos días previos ao golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 atopábase na Pobra de Brollón. Participou na requisa de armas organizada polas autoridades republicanas, e permaneceu na zona de Ferreiros ata o 19 de agosto, cando foi capturado pola Escuadra Negra de Eiraxalba das milicias de Falanxe do Incio. Foi asasinado preto do encoro de Vilasouto, en Eirexalba. Un veciño acudiu ata o lugar nun carro para recoller o cadáver. A súa morte quedou rexistrada o 18 de setembro de 1936. Despois da morte do seu home, Eduvigis regresou cos fillos a Pobra de Brollón. En 1938 coñeceu a resolución favorábel da comisión de depuración de mestres, e obtivo tempo despois destino en Barcelona, onde se xubilou.

Obras[editar | editar a fonte]

  • La fragua de Vulcano. Historia de la política del imperialismo Yanke en Hispano América, 1917.
  • La radiotelefonía práctica, 1924.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. El Pueblo Gallego, 18-1-1933, p. 8.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]