Alto de San Bieito

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O alto de San Bieito é a denominación do cumio maior da Serra do Candán, con 1015 metros de altura[1], o cal o converte nun dos puntos referenciais da denominada Dorsal Galega, xunto co alto do Faro e o Faro de Avión. Fica dentro da zona especial de conservación (ZEC) Serra do Candán[2].

Características[editar | editar a fonte]

De relevo dondo, nel nacen os regatos Grovas e Candán que alimentan o río Deza. É un punto de intersección dos termos municipais de Lalín, Silleda e Forcarei. A súa relativa proximidade á costa[Cómpre referencia] fai que reciba precipitacións superiores aos 2000 milímetros. Dende el albíscase unha ampla panorámica da comarca do Deza.

As súas condicións bioclimáticas son propias da rexión eurosiberiana, provincia atlántico europea. Nel aniñan aves rapaces como o bufo real, o falcón peregrino e a mesma aguia real tense avistado nos seus ceos. Grupos familiares de lobos transitan este cume e nas zonas máis soleadas pódese atopar a xigante cobra rateira e a víbora de Seoane. Moi castigado polos aeroxeradores dun parque eólico e polos continuos incendios, a súa capa vexetal é matogueira moi deteriorada pola acción dos lumes e a apertura indiscriminada de pistas forestais e de servizo para os aeroxeradores. Malia todo aínda agroman amarelles endémicos que noutrora inzaban as súas abas tinguíndoas de branco e amarelo. Nel existiron ata épocas recentes pasteiros naturais para rabaños de ovellas e neveiras para a produción de xeo.

O seu nome ten que ver coas posesións dos monxes bieitos do mosteiro de Aciveiro fundado en 1135 e hoxe hotel de natureza. A devoción a Bieito de Nursia está moi estendida por todo o país e a el se lle adican fitos xeográficos sobranceiros. De grande interese etnográfico é a abandonada aldea de Grobas coa súa carballeira derramada nas abas da montaña e o seu vello camiño empedrado. Historicamente foi lugar de acubillo de partidas carlistas e de guerrilleiros antifranquistas como Foucellas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Visor SIXPAC da Xunta de Galicia
  2. Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Xunta de Galicia. (eds.). "Serra do Careón".