Altare della Patria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°53′41″N 12°28′59″L / 41.894599, 12.483092

Altare della Patria.

O Altare della Patria, tamén coñecido como Monumento Nazionale a Vittorio Emanuele II ou Il Vittoriano, é un monumento construído na honra de Vítor Manuel, o primeiro rei da Italia unificada. Atópase en Roma e ocupa a área entre a Piazza Venezia e o Capitolino.

Foi deseñado por Giuseppe Sacconi en 1885, e inaugurado en 1911, pero os traballos remataron moito despois, entre 1924 e 1927.

Características[editar | editar a fonte]

Tumba do soldado descoñecido.

O monumento está construído con mármore branco extraído das canteiras de Botticino (preto da cidade de Brescia), amosado por exemplo nas maxestosas escaleiras ou as columnas corintias. Tamén dispón de varias fontes e esculturas do propio rei Vítor Manuel e dúas estatuas da deusa Vitoria con sendas cuadrigas. A estrutura mide 135 metros de ancho e 70 metros de altura (incluíndo a cuadriga e as ás das deusas chega a 81 metros).

Na base do monumento atópase o museo da unificación de Italia.

O soldado descoñecido[editar | editar a fonte]

No monumento a Vítor Manuel II atópase tamén unha tumba ó soldado descoñecido cunha «chama eterna» construída trala primeira guerra mundial, segundo a idea do xeneral Giulio Douhet. O corpo do soldado descoñecido foi escollido por Maria Bergamas, na vila austrohúngaro de Gradisca d'Isonzo, dun mozo desertor do exército austrohúngaro que pasou ó Regio Esercito (exército italiano) e resultou desaparecido en combate. Foi elixido entre outros 11 corpos de soldados ou mariñeiros sen identificar das forzas armadas do Reino de Italia (1861-1946). O corpo foi transportado dende Aquileia (onde se realizou a cerimonia con Bergamas) até Roma, entre outubro e novembro de 1921.