Alsacia-Lorena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Alsacia-Lorena (en alemán: Reichsland Elsaß-Lothringen, xeralmente Elsass-Lothringen) foi unha entidade territorial creada polo Imperio alemán en 1871 trala anexión da maior parte de Alsacia e partes de Lorena na Guerra franco-prusiana. A parte de Alsacia estaba no val do Rin, na beira occidental, e ó leste da Cordilleira dos Vosgos. A sección de Lorena atopábase na parte alta do Val de Mosela, ó norte dos Montes Vosgos.

A rexión volveuse parte de Francia Oriental en 921 durante o reinado do Rei Luís o Xermánico, e máis tarde sería parte do Sacro Imperio Romano Xermánico. Foi gradualmente anexada polo Reino de Francia despois da Paz de Westfalia en 1648. Despois da Guerra Franco-prusiana, o Tratado de Frankfurt devolveu a área baixo o control xermánico como parte do recentemente creado Imperio alemán en 1871.

A curta independencia trala Primeira Guerra Mundial rematou coa chegada das tropas francesas en 1918 e polo Tratado de Versalles de 1919, polo que o territorio foi devolto a Francia. A área foi anexada pola Alemaña Nazi en 1940, pero volveu a control francés en 1945 coa fin da Segunda Guerra Mundial e permaneceu como parte de Francia dende entón.

O territorio estaba composto polo 93% de Alsacia (7% permaneceu francés) e o 26% de Lorena (74% permaneceu francés). Por razóns históricas, as disposicións legais específicas seguen a ser aplicadas neste territorio, propia e legalmente coñecido como Alsacia-Mosela.

Historia[editar | editar a fonte]

Historia antiga e medieval[editar | editar a fonte]

Sempre vencellada estreitamente co Río Rin que forma a súa fronteira oriental, Alsacia ten sido unha rexión fronteiriza en case toda a súa historia. Foi conquistada inicialmente por Xulio César no século I a. C. e mantívose como parte da provincia romana de Prima Germania polos seguintes seis séculos. A rexión foi conquistada polos alamáns, no século V da nosa era e máis tarde por Clodoveo I e os francos en 496. Baixo a influencia dos seus sucesores merovinxios, os habitantes foron cristianizados.

Lorena inclinada sobre o ombreiro de Alsacia (estatua en Place Maginot, Nancy, Francia).

No século IX, a rexión volveuse parte do centro do Imperio Carolinxio de Carlomagno. Cando os netos de Carlomagno dividiron o seu Imperio no Tratado de Verdún de 843, a rexión estaba na metade de Lorena (Lotarinxia), parte dunha estreita franxa central outorgada a Lothar con reinos falantes de alemán e francés a ámbolos dous lados. O novo reino non durou moito e a rexión que co tempo converteríase en Alsacia uniuse ó Sacro Imperio Romano Xermánico como parte do ducado de Suabia no Tratado de Meersen en 870. Arredor desta época a rexión enteira comezou a fragmentarse nun grande número de señoríos seculares e eclesiásticos, unha situación que perdurou ate o século XVII e foi un proceso común en Europa.

Unha das familias seculares máis poderosas de Suabia era a de Staufen ou Hohenstaufen. En 1152, esta familia colocou ó seu membro líder no trono alemán co nome de Federico I Barbavermella. Federico foi instrumental na recuperación da monarquía dende a súa disipación despois da Querela das Investiduras. Parte da razón era a súa política de acumular terras imperiais en apoio da monarquía e en 1212, Alsacia foi organizada por primeira vez para ser unha delas. Federico estableceu a Alsacia como unha provincia (malia que non se empregaban as provincias, senón os prucoratios) para seren gobernada por ministeriais, unha crase non nobre de serventes civís. A idea era que tal xente sería máis tratable e non distanciaría tanto o feudo da coroa fora do seu poder. A provincia tiña unha soa corte provincial (Landgericht) e unha administración central con sede en Haguenau.

Durante o seu reinado, o Emperador Federico II designou ó bispo de Estrasburgo para administrar a Alsacia, pero a autoridade do bispo foi cuestionada polo Conde Rodolfo de Estrasburgo, quen recibiu os seus dereitos do fillo de Federico, Konrad IV. Straßburg (Straße significa "rúa", e burg significa "fortificación"), que fora unha sé episcopal dende o século IV, comezou a medrar e converteuse na cidade máis poboada e máis importante comercialmente da rexión. En 1262, despois dunha prolongada disputa cos bispos gobernantes, os cidadáns obtiveron o status de cidade imperial libre. Sendo unha escala na ruta comercial de París-Viena-Oriente, ademais dun porto na ruta do Rin que unía o sur de Alemaña e Suíza cos Países Baixos, Inglaterra e Escandinavia, volveuse o centro político e económico da rexión. Cidades como Colmar e Haguenau tamén comezaron a medrar en importancia económica e obtiveron un tipo de autonomía semellante ó "Decápolo" ou "Dekapolis", unha federación de 10 cidades ou pobos libres.

Arredor desta época, o poder central de Alemaña diminuíu despois de anos de aventuras imperiais en terras italianas, o que cedeu a hexemonía en Europa a Francia, que tiña un poder centralizado dende fai tempo. Francia iniciou unha agresiva política de expansión cara ó leste, primeiro cara ós Ríos Ródano e Mosa, e cando esas fronteiras foron acadadas, cara ó Rin. En 1299 incluso propuxeron unha alianza matrimonial entre a irmá de Filipe IV de Francia e o fillo de Alberte I de Habsburgo, con Alsacia como dote; porén, o acordo nunca realizouse. En 1307, o pobo de Belfort foi fretado polos Condes de Montbéliard.

Durante o século seguinte, Francia sería esnaquizada militarmente debido á Guerra dos Cen Anos con Inglaterra o que preveu por un tempo tendencias futuras nesta dirección. Trala consumación da guerra, Francia foi libre de novo para buscar o seu desexo de acadar o Rin e en 1444 o exército francés apareceu en Lorena e Alsacia. Alí estableceron cuarteis de inverno, demandaron a submisión de Metz e Estrasburgo e lanzaron un ataque a Basilea.

Historia moderna[editar | editar a fonte]

En 1469, tralo Tratado de Saint Omer, a Alta Alsacia foi vendida polo Duque Sexismundo de Habsburgo a Carlos de Borgoña, quen tamén mandaba nos Países Baixos e Borgoña. Aínda que Carlos era o terratenente nominal, os impostos eran pagados ó emperador alemán. O emperador foi quen de empregar estes impostos e un matrimonio dinástico no seu beneficio para recobrar o control absoluto da Alta Alsacia (aparte dos pobos libres, pero incluíndo a Belfort) en 1477 cando volveuse parte do territorio particular da familia Habsburgo, quen tamén eran soberanos hereditarios do Imperio. Un pouco despois, en 1515, o pobo de Mulhouse uniuse á Confederación Helvética, onde permanecería até 1798.

Escudo de armas do ducado de Lotaringia.

Para a época da Reforma Protestante no século XVI, Estrasburgo era unha próspera comunidade, e os seus habitantes aceptaron o protestantismo rapidamente (1523). Martin Bucer foi un reformador protestante moi prominente na rexión. Os seus esforzos foron contrarrestados polos Habsburgos Romanos Católicos que tentaron erradicar a herexía na Alta Alsacia. Como resultado, Alsacia foi transformada nun mosaico de territorios católicos e protestantes. Por outro lado, Mömpelgard (Montbéliard), ó suroeste de Alsacia, pertencente ós Condes de Württemberg desde 1397, permaneceu como un enclave protestante en Francia até 1793.

Esta situación prevaleceu até 1639 cando a maior parte de Alsacia foi conquistada por Francia para previr que caera en mans dos Habsburgo de España que querían un camiño libre cara as súas valiosas e rebeldes posesións nos Países Baixos. Isto ocorreu no maior contexto da Guerra dos Trinta Anos. Así, en 1646, acosados polos inimigos e para gañar liberdade de movemento en Hungría, os Habsburgo venderon o seu territorio de Sundgau (parte da Alta Alsacia) a Francia, que o ocupara, pola suma de 1.2 millóns de táleros. Deste xeito, cando as hostilidades por fin cesaron en 1648 co Tratado de Westfalia, a maior parte de Alsacia foise a Francia, con algúns pobos permanecendo independentes. As estipulacións do tratado respecto a Alsacia foron extremadamente bizantinas e confusas; pénsase que isto foi intencionadamente para que nin o rei de Francia nin o emperador xermano puideran ter un forte control sobre a rexión, pero que un se enfrontara ó outro, deste xeito asegurándolle un pouco de autonomía a Alsacia. Os partidarios desta teoría sinalan que as estipulacións do tratado foron escritas polo plenipotenciario imperial Isaac Volmar, o antigo chanceler de Alsacia.

A Guerra dos Trinta Anos (1618-1648) foi un dos peores períodos na historia de Alsacia e outras partes do sur de Alemaña. Provocou a morte e fuxida dun grande número de poboadores (principalmente do campo), porque a terra foi sucesivamente invadida e devastada por moitos exércitos (Imperiais, suecos, franceses, etc). Despois de 1648 e até mediados do século XVIII, numerosos inmigrantes chegaron de Suíza, Alemaña, Austria, Lorena, Savoia e outras áreas. Entre 1671 e 1711 chegaron refuxiados anabaptistas de Suíza, en especial de Berna. Estrasburgo volveuse un centro importante dos inicios do movemento anabaptista.

Francia consolidou a súa posesión cos Tratados de Nimega de 1679 que puxeron ós poboados baixo o seu control. En 1681, ocupou Estrasburgo nunha acción non provocada. Estes cambios territoriais foron reforzados no Tratado de Ryswick de 1679 que rematou coa Guerra dos Nove Anos (tamén coñecida como Guerra da Grande Alianza ou Guerra da Liga de Augsburgo), aínda que o Sacro Imperio Romano non aceptou nin asinou o documento até 1697. Deste xeito Alsacia foi arrastrada dentro dos límites de Francia. Porén, Alsacia tiña unha posición un tanto extraordinaria no Reino. A lingua alemá seguía a ser empregada no goberno local; as escolas, a educación e a Universidade Alemá (Luterana) de Estrasburgo continuou a ser atendida por estudantes de Alemaña. O Edito de Fontainebleau que legalizou a brutal supresión do protestantismo francés non foi aplicado en Alsacia e en contraste ó resto de Francia había unha relativa tolerancia relixiosa (aínda que as autoridades francesas tentaron promover o catolicismo e a Catedral Luterana de Estrasburgo tivo que ser entregada ós católicos en 1681). Había unha fronteira histórica ó longo dos Montes Vosgos co resto de Francia mentres que non había tal fronteira con Alemaña. Por estas razóns Alsacia permaneceu influenciada pola cultura alemá e tamén orientada economicamente cara a Alemaña ata a Revolución Francesa.

O ano de 1789 trouxo a Revolución Francesa e con ela a primeira división de Alsacia nos departamentos de Alto e Baixo Rin. Moitos dos residentes de Sundgau fixeron "peregrinacións" a lugares como Mariastein, preto de Basilea, en Suíza, para realizar bautizos e vodas.

Durante a derradeira década do século XVIII, moitos alsacianos estaban en contra dos Xacobinos e en contraste amosábanse amables cara as forzas invasoras de Austria e Prusia que buscaban destruír á nacente república revolucionaria. Cando o Exército Revolucionario Francés do Rin resultou vitorioso, decenas de milleiros fuxiron cara ó leste. Cando máis tarde se lles permitiu volver (nalgúns casos non antes de 1799), era común atopar que as súas terras e lares foran confiscados. Estas condicións desfavorábeis conduciron a unha emigración de centos de familias cara a novas terras vacantes no Imperio Ruso en 1803-1804 e novamente en 1808.

En resposta á restauración de Napoleón, en 1814 e 1815, Alsacia foi ocupada por tropas estranxeiras, incluíndo máis de 280.000 soldados e 90.000 cabalos tan só no Baixo Rin. Isto tivo graves efectos no comercio e a economía da rexión xa que as antigas rutas comerciais terrestres foron desviadas cara ós novos portos marítimos do Mediterráneo e do Atlántico.

Ao mesmo tempo, a poboación estaba a medrar rapidamente, de 800.000 habitantes en 1814 a 914.000 en 1830 e a 1.067.000 en 1846. A combinación de factores traduciuse en fames, falla de vivendas e falla de empregos para a xente xove. Así as cousas, non é sorprendente que a xente emigrara, non só a Rusia, senón tamén para tomar vantaxe dunha nova oportunidade ofrecida polo Imperio Austrohúngaro. O Imperio conquistara recentemente terras no leste do Imperio Otomán e ofreceu xenerosos termos para os colonos co fin de consolidar o seu control sobre as terras. Moitos alsacianos tamén comezaron a embarcarse cara a América, onde despois de 1807 a importación de escravos fora prohibida e eran requiridos novos traballadores para traballar nos campos de algodón.

Despois da Guerra Franco-prusiana[editar | editar a fonte]

Provincia Imperial de Elsass-Lothringen (Alsacia-Lorena), parte do Imperio alemán.

Trala Guerra Franco-prusiana de 1870-1871, que fora declarada e perdida por Francia, a parte norte de Lorena foi entregada ó novo Imperio alemán xunto con Alsacia. Non resultou afectado por isto o pobo de Belfort e o área circundante a este (agora o département francés de Territorio de Belfort) porque os habitantes de alí eran predominantemente nativos franceses, a diferenza do resto de Alsacia. Tampouco estivo incluído o pobo e área de Montbéliard, ó sur de Belfort, a pesar do feito de que era un encrave protestante, ó pertencer a Wurtemberg de 1397 a 1806.

O área anexionada correspondía ós départements franceses de Baixo Rin (na súa totalidade), Alto Rin (agás a zona de Belfort e Montbéliard), e unha pequena área no nordeste do département dos Vosgos, tódolos cales conformaban Alsacia, e os départements de Mosela (catro quintos del) e o nordeste de Meurthe (un terzo de Meurthe), que se atopaban na parte leste de Lorena.

O resto do departamento de Meurthe foron unidos coa parte occidental de Mosela que escapara da anexión con Alemaña para forma-lo novo departamento de Meurthe e Mosela.

A nova fronteira entre Francia e Alemaña seguía basicamente a división xeolingüística entre os dialectos romance e xermánicos (alemánico), agás nuns poucos vales do lado alsaciano dos Montes Vosgos, a cidade de Metz e no área de Château-Salins (anteriormente no departamento de Meurthe), que foron anexionados por Alemaña malia o feito de que a xente de alí falaba francés. En 1900 o 11.6% da poboación de Alsacia-Lorena falaba francés como lingua materna (11.0% en 1905, 10.9% en 1910). O feito de que pequenas áreas francoparlantes resultaron afectadas foi empregado en Francia para denunciar á nova fronteira como hipocrisía, xa que Alemaña a xustificara polos dialectos xermánicos nativos e cultura dos habitantes, que estaban presentes na meirande parte de Alsacia-Lorena. Porén, a administración alemá foi tolerante (a diferenza da francesa ó longo da historia) ante o emprego da lingua francesa e o francés foi permitido como lingua oficial e lingua nas escolas en aquelas áreas onde era falado por unha maioría (esta política relativamente tolerante contrastou coa política das autoridades francesas contra o emprego do alemán trala Primeira Guerra Mundial).

O Tratado de Fráncfort deulle ós residentes da rexión até o 1 de outubro de 1872 para decidir entre emigrar a Francia ou permanecer na rexión e ter a súa nacionalidade legalmente trocada á alemá. Para 1876, preto de 100,000 (5%) dos residentes de Alsacia-Lorena emigraran a Francia.

Durante o Imperio alemán de 1871-1918, o territorio constituíu o Reichsland ou Provincia Imperial de Elsass-Lothringen. O área foi directamente administrada polo goberno imperial en Berlín, e foille outorgado certo grao de autonomía en 1911.

Despois da Primeira Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Co fin de evitarlles posíbeis confrontacións cos seus parentes en Francia, os soldados de Alsacia-Lorena foron enviados principalmente á fronte Leste ou á Kaiserliche Marine.

En outubro de 1918, a Mariña Imperial Alemá, que pasara a maior parte da Guerra dende a Batalla de Xutlandia en portos, foi mandada a combater, co fin de debilitar á Armada Real Británica para o tempo despois da Guerra. Porén, os mariñeiros negáronse a obedecer. Nese tempo, preto de 15,000 alsacianos e lorenenses foran incorporados á Kaiserliche Marine. Algúns deles uníronse á insurrección e á Revolución de Novembro, e decidiron provocar á súa terra natal para rebelarse contra a monarquía do Emperador.

República Independente de Alsacia-Lorena[editar | editar a fonte]

O 8 de novembro, a proclamación dunha República Soviética en Baviera foi dada a coñecer en Estrasburgo, a capital de Alsacia. ó vindeiro día, o 9 de novembro, milleiros de manifestantes reuníronse nunha cuadra de Estrasburgo, para aclamar ós primeiros soldados que regresaban das súas casas dende o norte de Alemaña. Un tren controlado por insurxentes foi bloqueado na ponte de Kehl, e un comandante real ordenou disparar dentro do tren. Un insurxente foi asasinado, pero os seus compañeiros tomaron o control da cidade de Kehl.

Bandeira do Consello Nacional e da República de Alsacia-Lorena.

O mesmo día, o Kaiser Guillerme II abdicou e Philipp Scheidemann declarou a Alemaña unha república nun discurso dende o Reichstag. Xa que Alsacia-Lorena fora administrada por Berlín e polo emperador e non tiña en estado de goberno nin un monarca como outros estados alemáns, a partida do Emperador deixou un baleiro de poder incluso maior.

De xeito similar a outras áreas de Alemaña, os antigos mariñeiros estableceron un Consello de Soldados de Estrasburgo, e tomaron o control da cidade. O consello de traballadores e soldados foi entón establecido e presidido polo líder da unión de traballadores cervexeiros. O seu lema era: "Nin Alemaña nin Francia nin neutrais".

O 11 de novembro, o Armisticio con Alemaña (Compiègne) foi firmado, rematando a guerra. O mesmo día, o Réxime de Estrasburgo proclamou a República Independente de Alsacia-Lorena. O Parlamento de Landtag proclamouse a si mesmo o "Consello Nacional de Alsacia-Lorena" e a única autoridade legal do estado. Ó vindeiro día, o Consello Nacional tomou o mando de tódalas funcións do Statthalter e da Secretaría do Estado, e proclamou a soberanía de Alsacia-Lorena. Eugen Ricklin e Jacques Peirotes estaban ó cargo.

Porén, a independencia foi moi curta xa que os franceses ocuparon Mülhausen o 17 de novembro. Tomaron Colmar e Metz nos días seguintes, e, o 21 de novembro, as tropas francesas chegaron a Estrasburgo.

Despois da República de Alsacia-Lorena[editar | editar a fonte]

Despois de once días de independencia, Alsacia-Lorena foi ocupada por e incorporada a Francia. A rexión perdeu a súa autonomía recentemente adquirida, foi regresada ó sistema centralizado francés e dividida nos departamentos do Alto Rin, Baixo Rin e Mosela (a mesma estrutura política que antes da anexión e como foi creada na Revolución Francesa, cos límites un pouco diferentes).

Porén, aínda hoxe en día o territorio goza de leis en certas zonas que son significantemente diferentes ás do resto de Francia — por exemplo, o estatuto de Alsacia-Mosela.

O departamento de Meurthe e Mosela fue mantido incluso despois de que Francia recuperara Alsacia-Lorena en 1919. O área de Belfort volveuse un área de status especial e non foi reintegrada ó Alto Rin en 1919 pero en lugar diso foi convertida nun departamento en 1922 co nome de Territorio de Belfort.[1]

O goberno francés inmediatamente iniciou unha campaña de "Francización" que incluía a deportación forzada de tódolos alemáns que se estableceran na zona despois de 1870. Por ese motivo, a poboación foi dividida en catro categorías, que ían da A á D. Os xornais alsacianos escritos en alemán tamén foron suprimidos.

Segunda Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

Despois de que Francia fora derrotada na primavera de 1940, o área foi administrada dende Berlín polos nazis até que foron derrotados en 1945. Durante a ocupación, tódolos habitantes de idade militar eran propensos a ser chamados a servizo militar obrigatorio no exército alemán, e nalgúns casos dentro dalgunha represión contra os cidadáns franceses durante a Segunda Guerra Mundial (por exemplo a Matanza de Oradour-sur-Glane).

Moitos mozos de Alsacia-Lorena foron recrutados ou ofrecéronse voluntariamente para servir na Wehrmacht ou nas Waffen-SS durante a Segunda Guerra Mundial. Isto levou a numerosos problemas e recriminacións trala guerra.

Historia contemporánea[editar | editar a fonte]

Cando Alsacia-Lorena regresou a Francia trala guerra, o feito de que moitos mozos da área serviran (en moitos casos pola forza) no Exército Alemán, e incluso nas Waffen-SS, resultou en tensións entre Alsacia-Lorena e outras partes de Francia.

O goberno francés levou a cabo, de acordo coa súa tradicional política lingüística, unha campaña para suprimir o emprego cotián do alemán. Tanto o idioma alemán como o dialecto local Elsässisch foron prohibidos por un tempo na vida pública (nomes de rúas e cidades, administracións oficiais, o sistema educativo, etc). En grande medida debido a esta política, Alsacia-Lorena é hoxe en día moi francesa en lingua e cultura. Poucos mozos falan alsaciano agora, malia que o alemánico que é moi semellante sobrevive na beira oposta do Rin, en Baden-Württemberg, e especialmente en Suíza.

En épocas recentes, iniciativas oficiais e privadas tentaron reverter este proceso para preservar a herdanza cultural Franco-Xermana do área que é única. Francia é un dos dous únicos estados europeos (Andorra é o outro) que se negan a asinar a Convención para a Protección das Minorías Nacionais [2], que inclúe garantías do dereito democrático á liberdade de lingua.

Datos históricos e xeográficos[editar | editar a fonte]

A zona de Alsacia-Lorena ten un área de 14,496 km².

A continuación preséntase unha táboa da evolución demográfica dende 1866 até a data.

Ano Poboación Causa do cambio
1866 1,596,000
1875 1,531,804 Trala incorporación ó Imperio alemán, de 100,000 a 130,000 persoas emigraron a Francia e Alxeria.
1910 1,874,014 Crecemento do 0.58% por ano de 1875 a 1910
1921 1,709,749 Morte de mozos no Exército Alemán
Deportación de alemáns recentemente chegados a Alemaña
1936 1,915,627 Crecemento do 0.76% por ano durante 1921-1936
1946 1,767,131 Morte de mozos no Exército Francés en 1939-1940
Morte de mozos no Exército Alemán en 1940-1945
Morte de civís e moita xente continúa refuxiada no resto de Francia
1999 2,757,592 Crecemento do 0.84% por ano de 1946 a 1999

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Porén no edificio da prefectura de Colmar, o nome de Belfort aparece como sub-prefactura.
  2. http://conventions.coe.int/Treaty/Commun/ChercheSig.asp?NT=157&CM=&DF=&CL=ENG

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Linda Herrick e Wendy Uncapher, Alsace-Lorraine Atlantic Bridge to Germany, Origins, Janesville, WI, 2003.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]