Alma Gallega (Montevideo)
- Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Alma Gallega.
Alma Gallega foi unha publicación editada pola Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai) entre 1919 e 1967 con carácter mensual -teoricamente- ata 1938 e como números extraordinarios, de periodicidade variable, ata a súa desaparición. En total, editáronse 24 números ordinarios e 17 extraordinarios.
Trátase da revista societaria de maior duración das publicadas polos emigrantes galegos de Uruguai. Editouse principalmente en castelán, aínda que algunhas narracións e textos poéticos utilizaban o galego.
Índice |
[editar] Historia da publicación
Alma Gallega viviu tres etapas diferenciadas, caracterizadas en todo caso pola irregularidade na súa publicación [1].
Na primeira época, desde agosto de 1919 ata 1927, publicáronse 18 números máis 2 extraordinarios.
Na segunda época, entre 1934 e 1938, publicáronse 6 números ordinarios e 4 extraordinarios. Nos anos seguintes xa só estes últimos, e nin sequera tódolos anos.
Nos 27 anos que comprende a terceira época, de 1941 a 1967, só se publicaron 11 números, todos de carácter extraordinario. O derradeiro número apareceu en outubro de 1967.
Ó longo dos anos, o número de páxinas variou desde as 24 ás 44, nos números ordinarios, e desde as 48 ás 112, nos extraordinarios. Os contidos da revista dirixíanse, basicamente, a recolle-las actividades normais da Casa de Galicia, complementándose con textos literarios, culturais e históricos referidos a Galicia. As ilustracións corresponden a esta dobre liña editorial, con numerosas fotografías das instalacións da Casa de Galicia, por unha banda, e outras fotografías de cidades galegas, paisaxes e persoeiros ilustres, por outra. Contén tamén numeros cadros e debuxos de diferentes artistas galegos, como Sotomayor, Asorey, Bonome, Castelao, Colmeiro, Luís Seoane etc.
Entre os colaboradores habituais ou esporádicos da revista pódense citar case tódalas personalidades políticas e literarias galegas e españolas da época (Cabanillas, Carré Aldao, Castelao, Pondal, Otero Pedrayo, Rosalía, Valle Inclán, Pardo Bazán etc.).
[editar] Edición facsimilar
En 2006, o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades publicou a edición completa dos 41 números que se publicaron. Esta edición facsimilar consta dos números extraordinarios correspondentes ós anos 1922, 1927 e 1941, en papel, e dos 38 números restantes en formato electrónico, nun CD que se adxunta ó libro.
A edición facsimilar estivo dirixida por Luís Alonso Girgado e María Vilariño Suárez e realizouse principalmente a partir dos exemplares conservados na Biblioteca Nacional de Montevideo, completados coas coleccións da Fundación Penzol e da Real Academia Galega.
[editar] Notas
- ↑ A modo de exemplo, en 1919 saíron dous números, cinco en 1920, dous en 1921, ningún en 1922, un en 1923 etc.
[editar] Véxase tamén
[editar] Bibliografía
- Alma Gallega. Órgano Oficial de la Sociedad Casa de Galicia, Montevideo 1919-1967. Edición facsimilar dirixida por Luís Alonso Girgado, do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidadeas, Santiago 2006.