Allegro ma non troppo (libro)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Allegro ma non troppo
Autor/aCarlo Maria Cipolla
OrixeItalia
Linguaitaliano
Xénero(s)sátira e ensaio
EditorialIl Mulino
Data de pub.1988
editar datos en Wikidata ]

Allegro ma non troppo é un libro do historiador e economista italiano Carlo Maria Cipolla, publicado en 1988 pola editorial boloñesa Il Mulino. Componse de dous ensaios humorísticos distintos, que parodian as técnicas metodolóxicas da análise humanística e da historiografía.

Contido[editar | editar a fonte]

A primeira parte titúlase Il ruolo delle spezie (e del pepe in particolare) nello sviluppo economico del Medioevo ("O papel das especies, e da pementa en particular, no desenvolvemento económico da Idade Media"). Nel Cipolla traza unha historia fantástica da importancia económica da pementa na Idade Media europea en base ás súas propiedades afrodisíacas, ás que atribúe tanto a creación do movemento das cruzadas coma o desenvolvemento da economía inglesa na Idade Moderna.

Na segunda parte, Le leggi fondamentali della stupidità umana ("As leis fundamentais da estupidez humana"), clasifica a poboación humana en catro grandes grupos: as persoas inxenuas, as intelixentes, as malvadas e as estúpidas. Ademais, enuncia as cinco leis da estupidez, que definen o comportamento da estupidez na humanidade:

  1. Sempre e inevitabelmente, cada un de nós subestima o número de individuos estúpidos que hai no mundo.
  2. A probabilidade de que unha persoa determinada sexa estúpida é independente de calquera outra característica da mesma.
  3. Unha persoa é estúpida se lle causa un dano a outra ou a un grupo sen obter ningún beneficio para si, ou mesmo sufrindo un prexuízo.
  4. As persoas non estúpidas infravaloran sempre o potencial nocivo das persoas estúpidas; esquecen constantemente que en calquera momento e lugar, e en calquera circunstancia, tratar ou asociarse con individuos estúpidos constitúe infaliblemente un custoso erro.
  5. A persoa estúpida é o tipo de persoa máis perigoso que existe.

Edicións[editar | editar a fonte]

Os dous escritos foron publicados por separado en 1973 e 1976 en edición limitada en lingua inglesa, reservada para as persoas achegadas ao autor. Porén, tiveron tanto éxito que comezaron a circular fotocopias, e o autor decidiu publicar os dous textos. A primeira edición de 1988 foi unha tradución ao italiano de Anna Parish.

A segunda parte do libro foi traducida ao galego por Moisés Barcia e publicada por Rinoceronte Editora en 2016 como As leis fundamentais da estupidez humana[1]

Foi traducido ao castelán por María Pons (Ed. Crítica, 1991), ao francés (Ed. Balland) e ao portugués (Ed. Celta).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. As leis fundamentais da estupidez humana, ficha na web da editorial.