Alicia no país das marabillas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ilustración de Alicia no país das marabillas.

Alicia no país das marabillas é unha obra literaria creada en 1865 polo matemático, crego e escritor británico Charles Lutwidge Dodgson, baixo o pseudónimo Lewis Carroll.

Índice

Características [editar]

Facsímil da obra, cunha ilustración do propio Lewis Carroll.

O conto vén ateigado de alusións satíricas aos amigos do propio Carroll, á educación inglesa e a temas políticos de xacando. O país das marabillas descrito na historia está fundamentalmente creado a través do emprego lúdico da lóxica. Tanto foi así que a obra acadou popularidade nos máis variados ambientes, xa fose o dos cativos xa o dos matemáticos ou os intelectuais. Moitas veces se fala desta obra e do seu autor como referentes do posterior surrealismo así como das vangardas históricas do século XX.

Nesta obra aparecen algúns dos personaxes de máis sona de Carroll, coma o Coello Branco, o Sombreireiro, o Gato de Cheshire ou a Raína de Corazóns, quen co tempo se farían coñecidos máis aló do mundo propiamente literario.

Consérvanse unicamente 23 copias da primera edición de 1865, das que 17 pertencen a distintas bibliotecas e as restantes fican en mans privadas. O libro ten unha segunda parte, moito menos coñecida, que leva por título Alicia do outro lado do espello (Through the looking-glass, and what Alice found there, de 1871).

A obra foi traducida a numerosas linguas, entre elas o galego: a tradución fixérona Teresa Barro e Fernando Pérez-Barreiro Nolla, e publicouna Edicións Xerais en 1984. En 1998, un exemplar da primeira edición foi vendido en poxa por 1 millón e medio de dólares, converténdose así no libro infantil máis caro até o momento[Cómpre referencia].

Adaptacións cinematográficas [editar]

A Alicia de Disney (1951).

A Alicia no País das Marabillas de Carroll ten inspirado filmes e adaptacións televisivas diversas. Nesta listaxe soamente se recollen as adaptacións directas da novela orixinal, non de traballos derivados desta. Aparecen co título orixinal.

  • Alice in Wonderland (1903, 1910, 1915) Filmes mudos.
  • Alice in Wonderland (1931, 1933, 1941)
  • Alice in Wonderland (1951) Debuxos da Disney
  • Alice in Wonderland (1966) Filme televisivo
  • Alice's Adventures in Wonderland (1972, 1976, 1981) Musical
  • Alisa v Zazerkale (1981) Debuxos animados
  • Alice in Wonderland (1983) Filme televisivo baseado no musical de Broadway
  • Fushigi no Kuni no Alice (1983) Anime
  • Alice in Wonderland (1999) Filme televisivo
  • Abby in Wonderland (2008), Especial para Sesame Street.
  • Alice in Wonderland (2010), Filme de Tim Burton.

Véxase tamén [editar]

Outros artigos [editar]