Alicia do Reino Unido
Alicia Maud María de Saxonia-Coburgo-Gotha nada no palacio de Buckingham en Londres o 25 de abril de 1843 e finada en 1878. Foi unha princesa inglesa e máis tarde Gran Duquesa consorte de Hesse. Entre os seus descendentes atópase a emperatriz Alexandra Fiodorovna.
Biografía [editar]
Alicia foi a terceira dos nove fillos da raíña Vitoria I do Reino Unido e do seu esposo o príncipe Alberte de Saxonia. Foi bautizada na capela privada do palacio de Buckingham o 2 de xuño de 1843 por Guillerme Howley, arcebispo de Canterbury, sendo os seus padriños o seu tío avó o rei Ernesto Augusto I de Hannover, o seu tío Ernesto II, a súa tía a princesa Feodora de Leiningen e a princesa Sofía de Gloucester (sobriña do rei Xurxo III e tía segunda da raíña Vitoria). Alicia foi educada xunto a súa irmá Vitoria, e estivo moi unida ó seu irmán o Príncipe de Gales (futuro Eduardo VII. Cando a princesa Vitoria abandonou o país para casar co príncipe Federico Guillerme de Prusia, a raíña Vitoria buscou o apoio e a compañía de Alicia. Con dezaoito anos foi a enfermeira do seu pai, durante a súa fatal enfermidade de decembro de 1861.
Matrimonio [editar]
Alicia casou co príncipe Luís de Hesse e do Rin, o 1 de xullo de 1862, en Osborne House, na Illa de Wight. O día da súa voda, a raíña Vitoria outorgoulle ó seu xenro o título de Alteza Real no Reino Unido. A preocupación da princesa Alicia polas pobres condicións nas que eran atendidos os soldados feridos durante a Guerra Austro-Prusiana de 1866, fixo que fundara o Alice-Frauenverein (coñecido como a Unión de Mulleres) para adestrar enfermeiras capacitadas e traballadores auxiliares. O 13 de xuño de 1877 morre sen fillos o Gran Duque Luís III de Hesse e do Rin, sendo sucedido polo seu sobriño o Gran Duque Luís IV de Hesse e do Rin, o que converte a Alicia en Gran Duquesa. Porén, en novembro de 1878, o Gran Duque e todos os seus fillos enfermaron de difteria causa da cal morre a súa filla María de só catro anos. Alicia oculta esta morte o resto dos seus fillo pero ante as constantes preguntas do seu fillo maior Ernesto Luís, deulle a mala nova cun bico na fronte causa do cal contaxiouse da difteria. Exhausta por coidalos a todos, Alicia sucumbe pola enfermidade e fina no Neues Palais, en Darmstadt, o 14 de decembro de 1878, ós 35 anos de idade e no aniversario da morte do seu pai. Foi sepultada no mausoleo de Grandes Duques de Hesse en Rosenhöhe.
Descendentes [editar]
- Vitoria 1863-1950 casada co príncipe Luís de Battenberg
- Isabel, "Ella" de Hesse 1864-1918, casada co Gran duque Serxio Alexandrovich de Rusia, ambos finados na revolución rusa.
- Irene de Hesse 1866-1953, casada co seu primo Alberte de Prusia, fillo do emperador Federico III de Prusia. Esta princesa transmitiu a hemofilia a dous dos seus tres fillos: Waldemar de Prusia e Henrique de Prusia.
- Ernesto Luís, Gran duque de Hesse e do Rhin 1868-1937, sucesor do seu pai, abdicou en 1918.
- Federico 1870-1873, padeceu de hemofilia e finou con só dous anos tras caer dunha fiestra.
- Alexandra, "Alix" de Hesse 1872-1918, casada co tsar Nicolao II de Rusia. O seu único fillo varón, o tsarévich Alexei, naceu hemofílico.
- María de Hesse 1874-1878, finou de difteria ós catro anos.