Alfabeto vietnamita

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O (chữ) quốc ngữ («escritura da lingua nacional») é unha romanización da lingua vietnamita que goza do estatuto de ortografía oficial. É un alfabeto latino aumentado con numerosos diacríticos que serven para notar tanto o valor fonético dalgunhas letras como os tons da lingua.

Orixes[editar | editar a fonte]

O quốc ngữ non é a máis antiga escritura do Vietnam. En efecto, esta desprazou antigas escrituras locais, como o chữ nôm, sistema de ideo-fonogramas formados a partir dos sinogramas e empregado entre o século – II e o século XX, así como o chữ Hán, «escritura chinesa», (ou chữ nho, «escritura culta»), que é simplemente chinés clásico; a lingua chinesa, en efecto, foi a lingua da administración e do poder durante a dominación chinesa (de -111 a 939 e durante a dinastía dos Nguyên que subiu ao poder en 1804, tras o golpe de estado liderado polo que ía converterse no emperador Gia Long, e foi abandonada oficialmente en 1954, data da abdicación de Bao Dai).

Desde 1527, xesuítas portugueses en misión e evanxelización no Vietnam empezaron a utilizar o alfabeto latino (de feito principalmente na súa versión portuguesa) para escribir a lingua local. É o xesuíta nado en Aviñón, Alexandre de Rhodes (1591-1660), o que compilou, mellorou e sistematizou os sistemas de transcrición dos seus predecesores misioneiros, especialmente Francisco de Pina, entre 1624 e 1644. A súa primeira obra imprimida na escritura latinizada actual é un dicionario vietnamita-portugués-latín aparecido en 1651, continuación dun dicionario portugués-vietnamita de Gaspar Do Amaral e António Barbosa.

Esta transcrición, que se volveu moi popular, conseguiu o estatuto de ortografía oficial da lingua en 1918 no sistema escolar francés destinado aos indíxenas (en competencia ata entón coas dúas outras escrituras) baixo a presión dos colonos franceses que desexaban:

  • cortar de raíz os movementos independentistas ligados á intelligentsia que escribía en caracteres chineses;
  • obter rapidamente intérpretes, relevo da acción dos colonizadores.

O quốc ngữ foi unha ferramenta de democratización da educación, xa que é máis doado de aprender que a escritura vietnamita tradicional que reclama unha aprendizaxe previa do chinés. É a escritura oficial das administracións vietnamitas desde 1954. O chinés foi conservado no seu estatuto de lingua oficial da 'administración imperial polos colonizadores.

Orde alfabética[editar | editar a fonte]

Cóntanse 37 grafemas (29 letras e 8 dígrafos)

A/a, Ă/ă, Â/â, B/b, C/c, Ch/ch, D/d, Đ/đ, E/e, Ê/ê, G/g, Gi/gi, H/h, I/i, K/k, Kh/kh, L/l, M/m, N/n, Ng/ng, Nh/nh, O/o, Ô/ô, Ơ/ơ, P/p, Ph/ph, Q/q, R/r, S/s, T/t, Th/th, Tr/tr, U/u, Ư/ư, V/v, X/x, Y/y

Estrutura[editar | editar a fonte]

O quốc ngữ segue os mesmos principios có pinyin: a transcrición é fonolóxica e non fonética; a notación alfabética dunha lingua illante como o vietnamita disimula algúns feitos inherentes á estrutura silábica da lingua: os fonemas, en efecto, non están en distribución libre; cada elemento da sílaba, ataque, núcleo e coda, só pode ser ocupado por certos fonemas. A presentación do quốc ngữ de maneira alfabética precisa, pois, indicar que posición pode representar cada fonema. Para máis detalles, consultar o artigo «pronunciación do vietnamita».

Letras[editar | editar a fonte]

Cando un dígrafo se escribe sobre a mesma liña que unha letra simple, só se trata dun alógrafo contextual, que non ten o estatuto de carácter independente (á maneira do dígrafo do francés ge en geôle, que só representa «g suave» ante a, o e u). Os valores fonéticos indícanse en API. Cando se dan dous valores, o primeiro é o do vietnamita do norte, o segundo o do sur; como hai numerosas variacións dialectais, estes valores son os que se admiten máis comunmente.

Letra Valor Posición silábica Letra Valor Posición silábica
ataque núcleo coda ataque núcleo coda
a ɑ   X   ng, ngh ŋ X   X
ă a   X   nh ɲ X   X
â ɐ   X   o ɔ   X  
b ɓ       ô o   X  
c k X   X ơ ɤ   X  
ch c X   X p p X   X
d z, j X     ph f X    
đ ɗ̺ X     q(u) k(w), g(w) X    
e ε   X   r z, ʒ X    
ê e   X   s s, ʃ X    
g, gh ɣ X   X t t X   X
gi z, j       th X    
h ɦ, h       tr c, ʈ X    
i i   X   u u   X  
k k X     ư ɯ   X  
kh x X     v v ou j X    
l l X     x s X    
m m X   X y i   X  

Diacríticos[editar | editar a fonte]

Fundamentos[editar | editar a fonte]

Os diacríticos utilizados, á parte da barra inscrita do đ (letra que non hai que confundir cun edh ð xermánico), atinxen principalmente ás vogais:

  • o circunflexo sobre â, ê e ô marca o carácter semipechado. É unha influencia directa da ortografía portuguesa;
  • o corno sobre ơ e ư o carácter non redondeado;
  • a breve só se atopa sobre ă.

Diacríticos para os tons[editar | editar a fonte]

O vietnamita estándar posúe seis tons, que se notan na escritura por medio de cinco diacríticos (non se representa o ton medio plano), o acento grave, o gancho inverso, o til, o acento agudo e o punto subscrito. Estes diacríticos engádense aos que levan, no seu caso, as vogais.

Os tons do vietnamita son descritos en detalle no artigo Pronunciación do vietnamita.

Nome Tipo (rexistro: modulación) Exemplo Senso
ngang medio: traînant gai espiña
huyền baixo: traînant trà
hỏi medio: descendente-ascendente hưởng apreciar
ngã alto: ascendente glotalizado mỹ beleza
sắc alto: ascendente ter
nặng baixo: descendente glotalizado lại vir

Ortografía[editar | editar a fonte]

Os costumes das linguas románicas, particularmente os do portugués, atópanse na ortografía (os traballos de Alexandre de Rhodes, en efecto, retomaban os dos misioneiros portugueses):

  • [k] escríbese q ante u para formar o dígrafo qu [kw], k ante as vogais anteriores e, ê e i, c doutro xeito;
  • [ɣ] escríbese g ante as vogais posteriores, pero gh ante as anteriores;
  • [ŋ] segue os mesmos principios: ng / ngh ;
  • [ɲ] escríbese á portuguesa, nh.

A influencia portuguesa (e non «hispánica») na ortografía constátase facilmente:

  • nh para [ɲ] (contra ñ hispánico);
  • a utilización do til sobre vogais (que porén non notan a nasalización), procedemento que non coñecen as ortografías hispánicas;
  • a utilización de x e s para [s] e [ʃ] (no sur), fonemas que remontan, segundo Nguyễn Ðình-Hoà (artigo «Vietnamese» da sección 59, «Adaptations of the Roman Alphabet», de The World's Writing Systems de Peter Daniels e William Bright), a [s̻] (/s/ laminal, que se parece a un [ʃ]) e [s] antigos, que os misioneiros notaron simplemente á portuguesa por x e s. A evolución fonética, con todo, fai que a ortografía sexa agora inversa con relación ao portugués;
  • a utilización do acento circunflexo para marcar o carácter semi-pechado das vogais. Lembremos que en portugués â = ['ɐ], ê ['e] e ô ['o], exactamente como en quốc ngữ, e que as linguas hispánicas ignoran o acento circunflexo.

Representación informática[editar | editar a fonte]

O VISCII (Vietnamese Standard Code for Information Interchange), e nunha menor medida o CP1258, son páxinas de código concibidas para representar os caracteres do quôc ngu.

Cando só se dispón de caracteres ASCII, utilízase a convención Vietnamese Quoted-Readable (VIQR).

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]