Alexandre de Hesse-Darmstadt

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Alexandre de Hesse")
Alexandre de Hesse-Darmstadt

Alexandre de Hesse-Darmstadt. Naceu en Darmstadt o 15 de xullo de 1823 e finou tamén en Darmstadt o 15 de decembro de 1888. Foi o terceiro dos catro fillos de Luís II de Hesse e do Rin, e de Guillermina de Baden.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O príncipe Alexandre mantivo a tradición marcial da súa familia e serviu no Exército Ruso, onde foi un distinguido soldado cunha brillante carreira por diante. Mandaba un rexemento de lanceiros e foi premiado coa Cruz de San Xurxo. O feito de que súa irmá María fose a zarevna (princesa herdeira) de Rusia (esposa do futuro tsar Alexandre II de Rusia) non era unha desvantaxe para os seus propósitos.

Esta prometedora carreira foi destruída por un escándalo, pois Alexandre namorouse da condesa Xulia de Hauke, unha camareira de súa irmá María Alexandrovna. A condesa era unha orfa de orixe xermana-polaca, protexida do tsar, e filla do antigo ministro de guerra do tsar. Co tempo, o tsar Nicolás I considerou a Alexandre coma un posíbel marido para súa sobriña, mais informado do romance prohibiu a maridaxe; era inconcebíbel que unha persoa próxima á familia imperial casase cunha simple condesa. O Almanaque de Gotha, léxico e guía das clases tituladas europeas, era moi claro en asuntos de índole matrimonial.

Alexandre marchou a Inglaterra para cavilar no tocante ao seu futuro, pero acabou regresando a Rusia para fuxir xunta con Xulia até Breslau (hoxe Wroclaw, en Polonia), onde casaron en outubro de 1851.

Voltaron a Hesse, onde o irmán maior do noivo, o Gran Duque Luís III de Hesse-Darmstadt estaba desgustado polo inferior status dinástico da muller de seu irmán. Nomeouse a Xulia condesa de Battenberg (nome dunha pequena cidade no norte de Hesse onde eles viviron apartados nun primeiro momento), pero os seus fillos ficaron definitivamente excluídos da liña de sucesión. Por fin a condesa foi elevada ao rango de princesa, e a parella puido así volver a Darmstadt.

Ao perderen as súas prerrogativas dinásticas, o príncipe Alexandre e a súa morganática esposa viviron unha vida tranquila. A súa familia vivía principalmente no castelo de Heiligenberg, xunta a Jugenheim, no sur de Hesse.

Descendencia[editar | editar a fonte]

Alexandre de Hesse e Xulia de Battenberg tiveron cinco fillos, que herdaron o título e o apelido de súa nai. Os fillos foron:

Malia todos os escándalos, a famila de Battenberg conseguiu ser aceptada pola nobreza europea. Entre os seus descendentes destacan: