Alexander Berkman

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Emma Goldman e Alexander Berkman.

Alexander Berkman, nado en Vilnius o 21 de novembro de 1870 e finado en Nice (Francia) o 28 de xuño de 1936, foi un escritor anarquista lituano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Era fillo dun adiñeirado home de negocios xudeu. Quedou orfo antes dos 18 anos e decidiu emigrar aos Estados Unidos, onde coñeceu á que sería a súa compañeira e amante Emma Goldman, unha inmigrante rusa que entón traballaba como empregada nunha fábrica téxtil.

Moi influídos polas obras de Johann Most, Berkman e Goldman convertéronse en activistas ao implicarse na campaña a favor da liberación dos homes que foron apresados no bombardeo de Haymarket de 1886. A partir de entón quedaron estreitamente vinculados ao movemento anarquista.

Cando en 1892 Henry Clay Frick, empresario potentado e propietario dunha planta de aceiro en Homestead, decidiu acabar cos intentos de folga dos seus traballadores, ocasionando un violento enfrontamento dun día de duración e cuxo resultado foron 60 feridos e o asasinato de 10 obreiros, Berkman decidiu facerse eco das doutrinas anarquistas que defendían as accións violentas ou Attentats como medio para lograr un cambio revolucionario. Dese modo, entrou nas oficinas do magnate e con dous disparos intentou matar a Frick, quen con todo salvouse, e Berkman foi apresado e condenado a 22 anos en prisión, dos que finalmente cumpriu 14.

Liberado en 1906, Berkman e Goldman encabezaron o movemento anarquista nos Estados Unidos, publicando clandestinamente semanarios radicais como Mother Earth ou Blast, e libros como Anarchism and Other Essays (1910) de Goldman ou Memorias dun anarquista en prisión (1912) de Berkman, este último publicado en castelán pola editorial Melusina. Tras varios incidentes e acusacións, foron deportados á Unión Soviética durante o Medo Vermello de 1917, pero tras a represión en Kronstadt mudáronse a Suecia, Alemaña e finalmente Francia, sen deixar de denunciar ao goberno soviético cos seus libros The Bolshevik Myth (1925), Letters from Russian Prisons (1925) ou O ABC do comunismo libertario (1929).

A saúde e economía de Berkman nese momento eran bastante precarias, e decidiu suicidarse en xuño de 1936.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]