Alcrique

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alcrique (Scomberesox saurus)

O alcrique, xendarme (chandarme) ou alpabarda (Scomberesox saurus Walbaum 1792) é un peixe mariño da familia dos Scomberesocidae, de corpo longo e estreito e cunhas mandíbulas aguzadas. Pode confundirse coa agulla (Belone belone), moi similar pero máis grande.

Ríos Panisse (1977) recolleu para esta especie os nomes comúns de alcrique (e alcrico) en 13 dos 56 portos galegos nos que fixo a enquisa, alpabarda en 11 portos, e chandarme (ou chindarme, xandarme e xendarme) en 15 portos; tamén recolleu outros nomes máis localizados, como crisna, croque, pataghillón/pataghullón e mais sardiña de pico. Para os exemplares pequenos, corcito, nome que comparte coa agulla cando é pequena.

Descrición[editar | editar a fonte]

É un peixe de corpo longo e delgado, comprimido, de cor gris azulada polo lombo e branca verdosa polo lombo. O tamaño medio ronda os 30-35 cm, pero se capturaron exemplares de 50 cm. As aletas dorsal e anal, únicas, están moi retrasadas, coma na agulla, pero cunha serie de 5-7 pínnulas entre elas e a aleta caudal, das que carece a agulla.

As mandíbulas son aguzadas, sendo a inferior maior cá superior.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Vive en augas pouco profundas, con máximos de 30 metros, e é de distribución subtropical, entre os 66º N e 22 ºS, nas costas europea e americana do océano Atlántico, incluído tamén o Mediterráneo. É unha especie altamente migratioria e gregaria.

Aliméntase de zooplancto e larvas de peixes, ocasionalmente peixes pequenos. É predado por atúns, bacallaus, abadexos e golfiños ou toniñas.

Aproveitamento[editar | editar a fonte]

Captúrase con artes de cerco, a finais de verán e principios do outono. Ten pouco aprecio para o consumo en fresco, polo que o seu destino principal é a conserva.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • DIRECCIÓN XERAL DE FORMACIÓN PESQUEIRA: Guía do consumidor de peixe fresco. Xunta de Galicia 1999.
  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 de Verba, 1977.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alcrique