Alcipreste común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alcipreste común
Árbore autóctona, Chipre
Árbore autóctona, Chipre
Estado de conservación
Risco baixo (NT)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Pinophyta
Clase: Pinopsida
Orde: Pinales
Familia: Cupressaceae
Xénero: Cupressus
Especie: C. sempervirens
Nome binomial
Cupressus sempervirens
L.
Variedades

Véxase no texto

O alcipreste común (Cupressus sempervirens), é unha especie arbórea de folla perenne da familia das Cupresáceas. Ten gran lonxevidade, existindo exemplares con máis de 1.000 anos. Recibe tamén os nomes de alcipreste italiano (non é orixinario de Italia), alcipreste do Mediterráneo, cedro bastardo, ciprés ou simplemente alcipreste. En Galiza non aparece de xeito espontáneo, atopándoo coma especie de xardinaxe, coma ocorre co teixo, moi ligada aos cemiterios . Tamén se plantaba en pazos e mosteiros. O alcipreste da Capela do Salvador é un alcipreste común monumental da variedade fastigiata (Cupressus sempervirens var. fastigiata) que se atopa en Samos (Lugo). Aparece no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

É unha árbore bastante grande, que acada os 25, 30 metros de altura; excepcionalmente poden chegar até os 35 metros. O talo é un toro recto, podendo acadar até 1 metro de diámetro, aínda que excepcionalmente se teñen atopado exemplares de até 3 metros na base. A casca é magra, lisa, cinsenta nas árbores novas, torándose a parda escura e gretada lonxitudinalmente coa idade. As raíces áchanse ben desenvolvidas, as secundarias son horizontais, superficiais e alongadas, o que lle permite se ancorar firmemente ao chan. As follas son perennes, presentadas en ramiñas con forma de escama entre entre 2 e 5 milímetros de lonxitude. Forman unha follaxe mesta de cor verde escura. As pólas son magras, máis ou menos cilíndricas ou tetragonais de cor verde escura mate. As flores masculinas son cilíndricas de ton amarelento entre 3 e 5 milímetros de longo e guindan o pole entre febreiro e marzo. As femininas forman conxuntos de piñas miúdas ou conos de cor cinsenta verdosa de 2 a 3 cm de diámetro, con 8 a 14 escamas, que ao maduraren adquiren un aspecto lígneo. A floración prodúcese en primavera e a maduración se produce polo outono do ano seguinte da polinización, arredor de 20 meses despois. A semente atópase nos conos e posúe unha propiedade xerminativa moi duradeira. A madeira é de cor parda clara, nodosa , resistente e bastante lixeira. Non é resinosa, mais bota un recendo que lembra a madeira do cedro. É de moi longa duración, considerada imputrescíbel e moi resistente ao ataque de insectos.

Detalle das follas e os conos.
Toro.
Variedade 'stricta'.
Variedade 'horizontal'.

Atópase baixo dúas formas naturais:

  • Horizontal (Cupressus sempervirens f. sempervirens; sinónimo C. sempervirens f. horizontalis): con ramificación estendida e aspecto de cedro ou de piñeiro.
  • Piramidal (Cupressus sempervirens f. pyramidalis; sinónimo C. sempervirens f. stricta): con porte en columna; é a forma máis estendida en cultivo.

Hábitat e cultivo[editar | editar a fonte]

É orixinaria das rexións do leste do Mediterráneo, existindo zonas importantes no norte de Libia, sur de Grecia (Creta e Rodas), sur de Turquía, Chipre, oeste de Siria, Líbano, oeste de Xordania e certas zonas do Irán.Crese que hai uns dous mil ou tres mil anos formaba grandes masas forestais no norte de África, ficando hoxe en día soamente poucos exemplares. Non forma parte da vexetación natural de Galiza. Tense cultivado extensamente coma árbore ornamental durante milenios lonxe do seu lugar de orixe, principalmente na rexión mediterránea central e occidental e noutras áreas similares con veráns quentes e secos, e invernos macíos e chuviosos, coma España, California, o suroeste de Suráfrica ou a zona meridional de Australia). Pode, porén, prosperar tamén con éxito en áreas máis frías, con veráns máis húmidos, como é o caso de Galiza, as Illas Británicas, Nova Zelandia e o oeste de Oregón. Dada a súa simboloxía funeraria, os cemiterios soen ter os mellores exemplares, aínda que pola estética do seu porte, é tamén empregado en decoración de parques e xardíns. Medra axiña durante os sesenta ou oitenta primeiros anos, nos que pode acadar os 20 ou 30 metros de altura. Atura tanto os solos acedos coma os básicos. Tamé atura os terreos áridos ou compactos e rexeita os solos moi húmidos ou areentos. É unha árbore que gusta do sol, aoportando moi ben a calor e a seca, mais non os grandes fríos (temperaturas inferiores a -10 °C)

A meirande parte do seu cultivo realízase mediante o método cultivar a partir da selección dun esgallo dunha copa ‘fastigiata’, de pólas ergueitas que a miúdo non é máis cá décima parte da altura total da árbore. Tamén se reproduce de xeito doado por semente sen requirimentos especiais, aínda que vai mais amodo. O transplante é sumamente delicado a partir dos catro ou cinco anos de idade.

Actualmente hai alciprestes con cancrose, unha doenza por mor do fungo Seridium cardinale que pode chegar a matar a planta.

Historia[editar | editar a fonte]

Alcipreste da Capela do Salvador, en Samos, catalogada coma árbore senlleira de Galiza.

O alcipreste común foi moi cultivado no mundo greco-romano, converténdose nun elemento común da xardinaxe mediterránea. Os gregos considerábano coma símbolo da beleza feminina ademais de signo funerario.

O alcipreste coma símbolo funerario era no mediterráneo era a equivalencia do teixo nas culturas atlánticas (Galiza, Asturias, Illas Británicas, Bretaña). Non está clara a procedencia da súa simboloxía funeraria. Seica, dado que é unha árbore sempre verde e maxestosamente apunta ao ceo, pensasen que axudaba ás almas dos mortos a se elevar nesa dirección. Segundo Teofrasto o alcipreste común estaba consagrado a Hades, o deus da morte, xa que as súas raíces nunca botan novos rebentos unha vez tallada a árbore. Horacio indica que os antigos soterraban os mortos cunha póla de alcipreste e envolvían o corpo coas súas follas. Pola súa banda, Plinio o Vello comenta que unha póla de alcipreste pendurada na porta da casa era un sinal fúnebre.

Noutras zonas o alcipreste foi considerado coma un símbolo de hospitalidade. Na antigüidade plantábase na porta das vivendas para indicaren aos viaxeiros que a hospitalidade da casa ofrecía xantar e leito por uns días.

Na Biblia aparece varias veces o alcipreste. No Templo de Salomón utilizouse a súa madeira xunto coa do cedro. Disque incluso a arca de Noé foi construída con este pau.

O mosteiro de Santo Toribio de Liébana, en Cantabria é principalmente coñecido por albergar o Lignum Crucis, un anaco que se di pertenceu á Cruz de Cristo. A Igrexa admíteo coma auténtico e certos estudos científicos deron coma resultado que a madeira é de alcipreste e que a súa antigüidade podería ser duns 2.000 anos

Ao longo da historia aparece a madeira de alcipreste na construción naval. Alexandre Magno empregou alcipreste de Chipre e Fenicia para construír a flota de Eúfrates. Durante o Imperio otomán destruíronse gran parte dos bosques de alciprestes da Anatolia e do norte de África polo uso masivo da súa madeira na construción e renovación de las flotas.

Respecto da característica de durabilidade da madeira de alcipreste, adóitase citar que unha das portas de Constantinopla, que foi colocada polo reinado de Constantino o Grande, achábase en perfectas condicións mil anos despois. Por outra banda, as portas da Basílica de San Pedro no Vaticano son deste pau e transcorridos mil douscento anos, seguen sen amosaren signos visíbeis de deterioro.

Dise que algúns dos alciprestes que se poden atopar no xardín dos baños termais do emperador Diocleciano en Roma, foron plantados polo propio Miguel Anxo.

Actualmente, o porte destas árbores é unha firma característica das paisaxes mediterráneas de vilas e cidades.

Etnoloxía[editar | editar a fonte]

Crese que en culturas atlánticas, como a galega, o alcipreste latino foi substituíndo ao teixo celta coma símbolo da morte, por iso ambas as dúas árbores abundan á beira de cemiterios e capelas de todo o país. En Galiza tamén é unha árbore aristocrática por excelencia, por iso aparece nas hortas e xardíns de pazos, casas grandes e mosteiros.

Rosalía de Castro fala dos alciprestes na súa obra Follas Novas (p. 197, 2a edic.):

De Galicia os cimiterios, c'os seus alciprestes altos;

c'os seus olivos escuros, i os seus homildes osarios;

todos de frores cobertos, frescos com'os nosos campos;

pol-as mañáns melancónicos, 'e nas tardes solitarios,...


Tamén no folclore popular é nomeado en diversos ditos:

O alcipreste non se rega, porque crece coa lentura.

Os alciprestes, como os fidalgos, poucos, ‘soilos‘ e altos.

Eu subín a un alcipreste, Nunca tan alta me vin; Se o alcipreste é a morte, Eu para morrer nacín.

Eu rubín a un alcipreste, Cheguei ao medio e caín; O alcipreste ten a morte, Eu para morrer nacín.

Alcipreste, rei das aves, Amparo dos paxariños; Cando te deixe de amar, Já as aves non farán niño.

Se soubera que ti viñas, Como de certo viñeche, Mandara varrer a rúa, Con ramiños de alcipreste.

Usos[editar | editar a fonte]

A madeira do alcipreste común utilízase en ebanistaría fina, carpintaría, construción e escultura. Dada a súa resistencia á humidade, dende antigo utilizouse na industria naval, como xa se comentara, así como naqueles traballos expostos á humidade ou á auga. Tamén se utiliza para a construción de guitarras.

En zonas de fortes ventos adóitanse plantar, na súa variedade piramidal, para abeirar os cultivos. Porén, a mesta sombra que ofrecen e o empobrecemento do terreo que ocasionan, prexudican os mencionados cultivos que se tratan de protexer. Ademais está o uso en xardinaxe e ornamental que xa se comentou. Coma menciña tradicional as follas e conos empréganse para o tratamento das hedras, úlceras varicosas, hemorroides e problemas de próstata. É adstrinxente, expectorante, diurético, vasoconstritor, sudorífico e febrífugo.[1]

Conos masculinos
Conos

Curiosidades[editar | editar a fonte]

En xullo de 2012 un incendio forestal devastou durante cinco días 20.000 hectáreas de bosque na localidade valenciana de Andilla. Porén, no medio da paisaxe calcinada, un grupo de 946 alciprestes duns 22 anos ficou practicamente ileso e só arderon 12 alciprestes. Os alciprestes de Andilla foran plantados polo proxecto europeo CypFire, que estuda varios aspectos destas árbores, entre eles a resistencia ao lume.[2]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Cupressus sempervirens foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 1002–1003. 1753.[3]

Etimoloxía

Cupressus é o nome en latín do alcipreste que de acordo con algúns autores provén de "Cyprus" (Chipre, illa do cobre), onde é nativo e medra bravo.

sempervirens: epíteto latino que significa "sempre verde".[4]

Sinonimia
  • Cupressus conoidea Spadoni
  • Cupressus elongata Salisb.
  • Cupressus expansa Targ.Tozz. ex Steud.
  • Cupressus fastigiata DC.
  • Cupressus foemina Garsault
  • Cupressus globulifera Parl.
  • Cupressus horizontalis Mill.
  • Cupressus horizontalis (Mill.) Voss
  • Cupressus horizontalis var. pendula Endl.
  • Cupressus lugubris Salisb.
  • Cupressus mas Garsault
  • Cupressus orientalis Beissn.
  • Cupressus patula Pers.
  • Cupressus pyramidalis O.Targ.Tozz.
  • Cupressus roylei Carrière
  • Cupressus sphaerocarpa Parl.
  • Cupressus stricta Mill. ex Gordon
  • Cupressus thujifolia Knight ex Gordon
  • Cupressus thujiformis Parker ex Gordon
  • Cupressus thujioides H.Low ex Gordon
  • Cupressus tournefortii Audib. ex Carrière
  • Cupressus umbilicata Parl.
  • Juniperus whitleyana Miq.[5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  1. Breedlove, D. E. 1986. Flora de Chiapas. Listados Floríst. México 4: i–v, 1–246.
  2. CONABIO. 2009. Catálogo taxonómico de especies de México. 1. In Capital Nat. México. CONABIO, Cidade de México.
  3. Hokche, O., P. E. Berry & O. Huber. 2008. 1–860. In O. Hokche, P. E. Berry & O. Huber Nuevo Cat. Fl. Vasc. Venezuela. Fundación Instituto Botánico de Venezuela, Caracas.
  4. Idárraga-Piedrahita, A., R. D. C. Ortiz, R. Callejas Posada & M. Merello. (eds.) 2011. Fl. Antioquia: Cat. 2: 9–939. Universidade de Antioquia, Medellín.
  5. Linares, J. L. 2003 [2005]. Listado comentado de los árboles nativos y cultivados en la república de El Salvador. Ceiba 44(2): 105–268.
  6. Nasir, E. & S. I. Ali (eds). 1980-2005. Fl. Pakistan Univ. of Karachi, Karachi.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alcipreste común
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Alcipreste común