Alberto Juantorena

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alberto Juantorena, á dereita, nos Campionatos do Mundo de Atletismo, Osaka 2007.
Cadro de medallas
Atletismo
Xogos Olímpicos
Ouro Montreal 1976 400 m
Ouro Montreal 1976 800 m

Alberto Juantorena Danger, nado en Santiago de Cuba o 3 de decembro de 1950, é un atleta cubano especialista nas probas de 400 e 800 metros, que se proclamou campión olímpico de ambas as distancias nos Xogos de Montreal 1976, algo que ninguén conseguira antes. Recibía o alcume de "O Cabalo".

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Empezou no deporte xogando ao baloncesto, deporte no que destacaba pola súa grande altura (1'88), ata que foi descuberto en 1971 polo adestrador polaco de atletismo Zygmunt Zabierzowski, quen lle convenceu para empezar a correr.

Só un ano máis tarde participou nos Xogos Olímpicos de Munich 1972, onde foi eliminado nas semifinais dos 400 metros. Nos anos seguintes comezou a cultivar éxitos en diferentes competicións. Gañou o ouro nos Xogos Mundiais Universitarios de Moscova en 1973, e a prata nos Xogos Panamericanos de Cidade de México en 1975, sempre na proba de 400 metros.

Non empezou a correr en serio nos 800 metros ata 1976, o ano dos Xogos Olímpicos de Montreal. En Montreal era un dos favoritos para gañar o ouro nos 400 metros, pero ninguén contaba con el para a vitoria nos 800 metros. Nesta proba os grandes favoritos eran o belga Ivo Van Damme e o estadounidense Rick Wolhutter, vixente plusmarquista mundial. Juantorena sorprendeulles a ambos e gañou a medalla de ouro cunha nova marca do mundo de 1:43,50; Van Damme foi prata e Wolhutter bronce.

Tres días máis tarde gañou a final dos 400 metros con 44,26, que sería a mellor marca da súa vida nesta proba, vencendo aos estadounidenses Fred Newhouse e Herman Frazier, prata e bronce respectivamente. Juantorena dedicoulle o seu triunfo á Revolución Cubana e ao Comandante Fidel Castro.

Era o primeiro atleta na historia que facía o dobrete nos 400 e os 800 metros nuns Xogos Olímpicos, algo que ninguén volveu a repetir. Normalmente considerábase que os 400 e os 800 metros eran dúas probas incompatibles ao máis alto nivel, pois a primeira era basicamente de velocidade e a segunda de mediofondo. Juantorena demostrou que era posible ser o mellor do mundo en ambas ao mesmo tempo.

Tras os Xogos Olímpicos continuou sendo o mellor en 1977, ano en que dominou os rankings mundiais de 400 e 800 metros, e gañou ambas as probas na Copa do Mundo de Düsseldorf. O 21 de agosto dese ano logrou en Sofía mellorar a súa propia marca mundial dos 800 metros, con 1:43,44.

Nos Xogos Panamericanos de San Juan de Porto Rico en 1979 só conseguiu ser segundo nas súas dúas probas. Nos Xogos Olímpicos de Moscova 1980 non participou nos 800 metros por considerar que non tiña moitas opcións nesta proba. Aspiraba ao triunfo nos 400 metros, pero non logrou pasar da 4ª praza con 45,09. A súa última gran competición internacional foron os Mundiais de Helsinki de 1983, onde tras pasar a primeira rolda dos 800 metros, sufriu unha lesión nun pé e non puido seguir competindo.

Tras a súa retirada do atletismo desempeñou diferente cargos vinculados a deporte en Cuba. Actualmente é Viceministro de Deportes e presidente da Federación Cubana de Atletismo.

Resultados[editar | editar a fonte]

Ano Competición Lugar Posto Marca
1975 Xogos Panamericanos Cidade de México, México 2º en 400 m

2º en 4x400 m

44,80

3:02,82

1976 Xogos Olímpicos Montreal, Canadá 1º en 400 m

1º en 800 m

44,26

1:43,50

1977 Copa do Mundo Düsseldorf, RFA 1º en 400 m

1º en 800 m 3º en 4x400 m

45,36

1:44,04 3:02,77

1979 Xogos Panamericanos San Xoán, Porto Rico 2º en 400 m

2º en 800 m 3º en 4x400 m

45.24

1:46,4 3:06,3

1980 Xogos Olímpicos Moscova, URSS 4º en 400 m 45,09

Mellores marcas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alberto Juantorena