Alberte de Saxonia Coburgo Gota

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alberte de Saxonia Coburgo Gota, retrato de 1842.

O príncipe Alberte de Saxonia Coburgo Gota (Coburgo, 26 de agosto de 1819 - Windsor, 14 de decembro de 1861) foi o marido e príncipe consorte da raíña Vitoria I do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda e pai do rei Eduardo VII.

El foi o único marido dunha raíña británica que oficialmente tivo o título de "príncipe consorte". Tras a morte de Vitoria, en 1901, a Casa de Saxonia Coburgo Gota, nomeada a partir do ramo dinástico da familia ducal saxónica á cal Alberte pertencía, sucedeu a Casa de Hannóver no trono británico.

Alberte naceu no Castelo de Rosenau, próximo de Coburgo (outrora no ducado de Saxonia, agora no estado de Baviera, Alemaña), era o segundo fillo do duque Ernesto I de Saxonia Coburgo Gota e da súa primeira esposa, Luisa de Saxe-Gota-Altenburg. A tía paterna de Alberte, Vitoria de Saxe-Coburgo-Saalfeld, estaba casada con Eduardo Augusto, duque de Kent, o cuarto fillo do rei Xurxo III do Reino Unido. Ela era a nai da futura raíña Vitoria. Por iso, Alberte e a súa futura esposa eran curmáns. Os dous naceran o mesmo ano e coa axuda da mesma comadroa.

Alberte estudou en Bruxelas e na Universidade de Bonn Dereito, economía política, filosofía e historia da arte, tocou instrumentos musicais e practicou ximnasia, esgrima e equitación.

Arredor de 1836, a idea do matrimonio entre Alberte e a herdeira ó trono británico, a princesa Vitoria de Kent (como ela era entón titulada), foi froito da mente do seu tío, Leopoldo, titulado rei dos belgas en 1831. Leopoldo organizou un encontro entre o duque de Saxe-Coburgo-Gotha, os seus dous fillos e Vitoria, en abril de 1836.

A visita, con todo, non agradou ao rei Guillerme IV, tío paterno de Vitoria, que non quería unión algunha cos Coburgo, preferindo ao príncipe Alexandre dos Países Baixos, segundo fillo de Guillerme II.

Alberte e Vitoria sentíronse atraidos e o 15 de outubro de 1839 propuxeron casar. A intención de casar con Vitoria foi declarada formalmente en Consello privado, o 23 de novembro, e o matrimonio foi celebrado o 10 de febreiro de 1840 na Capela Real, Palacio de St James. Pouco antes do matrimonio, Alberte foi naturalizado por lei do Parlamento, e concedeulle o título de Súa Alteza Real por decreto do Consello.

Morreu aínda novo no castelo de Windsor en 1861 debido, probablemente, á febre tifoide non diagnosticada a tempo.: a súa morte foi lamentada sinceramente por todos os súbditos.