Alasca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Alasca - Alaska")
Alasca
State of Alaska
Bandeira de Alasca Selo de Alasca
Bandeira Selo
Lema: North to the Future
Mapa dos EUA coa Alasca en destaque
Outros Estados dos EUA
Datos xerais
Capital Juneau
Maior cidade Anchorage
Gobernador Sarah Palin
Lingua oficial: Inglés
Área 1 717 854 km² (1)
 - Terra 1 481 347 km²
 - Auga 236 507 km² (13,77%)
Poboación (2000)
 - Poboación 626 932 (48)
 - Densidade 0,42 /km² (50)
Entrada na Unión
 - Data 3 de xaneiro de 1959
 - Orde 49º
Xeografía
Fuso horario Alasca: UTC-9/-8

Aleutas: UTC-10/-9

Latitude 54°40'N - 71°50'N
Lonxitude 130°O - 173°E
Largo N-S 1 300 km
Ancho E-O 2 380 km
Altitude
 - Altitude media 3 060 m
 - Máis elevado 6 194 m
 - Menos elevado 0 m
Códigos e abreviacións
 - USPS AK
 - ISO 3166-2 US-AK
Sitio web
www.state.ak.us

Alasca[1][2] (en inglésAlaska[əˈlæskə] (AFI)En-us-Alaska.ogg escoitar) é o Estado con máis superficie dos Estados Unidos de América situado na parte noroccidental do continente, limitando por terra só con Canadá (ó leste), e por mar co Océano Pacífico (sur), Océano Glacial Ártico (norte) e a confluencia de ambos os dous no Estreito de Bering (oeste). A súa capital é Anchorage.

Comprado ó Imperio Ruso en 1867 por 7 millóns de dólares, é o territorio estadounidense con menor densidade de poboación de 0,42 hab/km², sendo o cuarto con menor poboación, tras Wyoming, Dakota do Norte e Vermont.[3] e maior que os estados americanos de Texas, California e Montana xuntos (respectivamente o segundo, o terceiro e o cuarto máis extensos).

Estados Unidos tratou durante as primeiras décadas do século XX de mellorar as comunicacións (por exemplo de conectar Alasca co resto dos Estados Unidos por ferrocarril), e promover a colonización do val de Matanuska. Mais a Segunda Guerra Mundial e as batallas navais nas illas Aleutianas co Xapón trocaron a política dos EUA nos asuntos de Alasca. Así, en 1942, construíuse en meses unha estrada de comunicación (a Autoestrada Alcan) para garantir a defensa do Territorio de Alasca, á vez que estableceron novas bases militares e se promoveron asentamentos civís. O final da guerra mundial e o comezo da Guerra Fría aceleraron a necesidade de integrar este territorio á Unión. Así, en 1959, Alasca foi por fin aceptado como 49° estado dos Estados Unidos de América.

O descubrimento de grandes depósitos petrolíferos permitiron un enorme crecemento económico en Alasca durante as últimas décadas, a pesar do illamento xeográfico e ás duras condiciones de vida. A maior fazaña do seu desenvolvemento foi a construción, a partir de 1974, do Trans-Alaska Pipeline, un oleoduto de 1.269 km que une a Baía de Prudhoe co porto de Valdez. Mais tamén o petróleo foi orixe de certos desastres, como o accidente ocorrido en 1989 do petroleiro Exxon Valdez, que encallou nas augas de Alasca e provocou unha marea negra que ten sido calificada como un dos maiores desastres ecolóxicos da historia.

Historia[editar | editar a fonte]

Os primeiros poboadores de Alasca foron grupos humanos que proviñan de Asia que cruzaron o Berinxia ("ponte terrestre de Bering") e chegaron o que actualmente é o oeste da península de Alasca. A maioría dos pobos nativos americanos proveñen de xentes que atravesaron o estreito de Bering antes de emigrar cara o sur do continente. O primeiro contacto de exploradores europeos cos habitantes da rexión tivérono os rusos, que contactaron co pobo inuit e outros pobos nativos.

O nome de "Alasca" vén dunha palabra aleutiana, que significa literalmente "o obxecto contra o que a acción do mar é dirixida".[4]

A maioría da historia documentada de Alasca comeza coa colonización europea, empezando polo navegante danés ao servizo da Armada Rusa, Vitus Bering, que avistou Alasca a bordo do San Pedro no transcurso da segunda expedición a Kamchatcka. Mais, o primeiro europeo que tocou as costas da rexión foi o ruso Aleksei Chirikov, que navegaba na expedición de Bering ao mando do San Paulo, cando chegou o 15 de xullo de 1741 ao lugar no que hoxe se levanta a cidade de Sitka. A Compañía rusa de América logo iniciou a colonización da costa e nos anos 1790 xa existían asentamentos na rexión. A principal actividade na zona era a caza de lontras, aínda que a colonia non foi nunca rendíbel debido ao elevado costo dos navíos necesarios para iso. Ao principio, o contacto cos nativos foi cordial, mais pronto se produciron encontros violentos, que unidos ás enfermidades transmitidas polos europeos, exterminaron a catro quintas partes da poboación nativa. O primeiro asentamento permanente por parte de Rusia estabeleceuse en 1784, cando Grigory Ivanovich Shelikhov fundou unha colonia na illa de Kodiak, na baía de Three Saints Bay.

Vitus Bering.

Os españois reclamaron os dereitos que a bula Inter Caetera lles daba sobre a costa oeste de Norteamérica, que incluía Alasca. O rei Carlos III de España organizou varias expedicións á rexión para intentar colonizala. As expedicións de Bruno de Heceta e Alejandro Malaspina deixaron algúns topónimos na rexión, como o Glaciar Malaspina ou a cidade de Valdez. Tamén os británicos seguiron o exemplo da coroa española, enviaron exploracións á zona, como as de James Cook ou George Vancouver.

En 1799, Nikolay Petrovich Rezanov mercoulle os dereitos de explotación das peles ao tsar Paulo I de Rusia e creou a Compañía ruso-estadounidense. A sobreexplotación do territorio levou a un enfrontamento entre os colonos e os nativos, cuxo acontecemento máis destacado foi a Batalla de Sitka de 1804.

En 1867, o Secretario de Estado estadounidense William H. Seward realizou a compra de Alasca a Rusia por 7,2 millóns de dólares estadounidenses. A falta de efectivo de Rusia e o desexo de que Alasca non caera en mans británicas impulsaron a Rusia a vender o territorio aos Estados Unidos tralo fracaso na Guerra de Crimea. A compra fíxose efectiva o 18 de outubro de 1867, hoxe recordado como o Día de Alasca. Aínda que a compra recibiu duras críticas no momento de producirse, finalmente veuse como un negocio vantaxoso grazas ao descubrimento de ouro no Yukón. Na década de 1890, os territorios de Alasca e Yukón sufriron unha explotación das súas minas debido á febre do oro, coñecida como febre do oro de Klondike, nome do principal depósito. Os principais asentamentos estabelecéronse en Juneau, Nome e Fairbanks.

Cheque usado na compra de Alaska.

Nos primeiros tempos de dominación estadounidense, o exército, a mariña e o servizo de alfándegas fixéronse cargo do control da rexión, pero a chegada de colonos obrigou a cambiar o sistema de administración. En 1884 nomeouse un Gobernador, e en 1906 elixiuse un representante no Congreso dos Estados Unidos, mais sen dereito a voto. Xa en 1912, declarouse a Alasca como Territorio dos Estados Unidos, cun congreso e goberno propio, e coa súa capital en Juneau en detrimento de Sitka, que fora a capital da Alasca rusa. Durante a Segunda Guerra Mundial, Alasca foi escenario da Batalla das Illas Aleutianas entre as tropas aliadas e Xapón, e durante o conflito melloráronse as infraestruturas para facilitar a defensa do territorio, como a construción da Autoestrada Alcan. Ao final da Segunda Guerra Mundial e o comezo da Guerra Fría aceptouse a entrada de Alasca na Unión. O presidente dos Estados Unidos, Dwight David Eisenhower asinou o 7 de xullo de 1958 a Acta estatal de Alasca (Alaska Statehood Act en inglés), que abriu o camiño para que o 3 de xaneiro de 1959, Alasca se convertera no estado 49 da unión.

O 27 de marzo de 1964, Venres Santo, Alasca sufriu os efectos dun terremoto (coñecido como "Terremoto de Venres Santo") de 8,5 grados de magnitude na escala Richter, e que rematou coa vida de 131 persoas, arrasando moitas poboacións da rexión. Mais, en 1968 encontrouse petróleo na rexión, y trala construción do oleoduto transalaskiano (Trans Alaskan Pipeline) en 1977, os ingresos debidos á explotación dos pozos petrolíferos contribuíron a que a poboación se restabelecera e a que se reconstruíran as infraestruturas. En 1989 produciuse unha nova catástrofe ao encallar o petroleiro Exxon Valdez no estreito de Príncipe Guillermo, e verter ao mar entre 42.000 e 130.000 metros cúbicos de cru, afectando uns 1.600 km de costa. A fecha de 2007, máis da metade do territorio do estado é propiedade do Goberno Federal, e a explotación das reservas de petróleo no territorio aínda sen explotar é tema de debate, xa que o Refuxio Nacional de vida salvaxe no Ártico podería verse afectado.

Xeografía[editar | editar a fonte]

As Illas Aleutianas e a península de Alasca.

Alaska é un dos dous únicos estados estadounidenses, canda Hawaii, que non limita con ningún outro estado do país. Tamén ten máis costa que todos os estados estadounidenses xuntos e é o estado máis grande do país cunha superficie total de 1.717.854 km². Outro fito xeográfico que posúe Alasca é o monte McKinley, o cumio máis alta de toda Norteamérica, con 6.194 metros de altitude. Despois, a súa capital, Juneau, é inaccesíbel por terra, e ningunha estrada conecta Juneau co resto do sistema de autoestradas estadounidense.

O estado está bordeado polo territorio de Yukón e a Columbia Británica, Canadá polo leste; o golfo de Alasca e o Océano Pacífico polo sur; o mar de Bering, co seu estreito e o mar de Chukchi polo oeste; e o mar de Beaufort e o Océano Ártico polo norte. Alasca divídese en tres grandes rexións: as montañas do Pacífico, o interior e a zona ártica setentrional. As montañas do Pacífico ocupan toda a costa meridional, mentres que pola rexión interior esténdese o río Yukon xunto aos seus afluentes nunhas vastas mesetas. A zona ártica setentrional, pola súa parte, está ocupada pola cadea de Brooks.

Dous dos puntos máis importantes da xeografía de Alasca son as Illas Aleutianas e o Parque Nacional de Denali. As Illas fixéronse famosas por ser sede da propia Batalla das Illas Aleutianas que tivo lugar durante a Segunda Guerra Mundial. O arquipélago posúe unha superficie duns 37.800 km², sendo a maioría parte de Alasca e o extremo oeste é zona rusa. Neste arquipélago, onde destaca a illa de Unalaska, habitan preto de 16.000 persoas, sendo a maioría delas esquimós aborixes. O Parque nacional de Denali é unha das zonas virxes máis importantes do continente, cunha superficie de 24.585 km². Nel áchanse todo tipo de exemplares de flora e fauna do estado como o carneiro de Alasca, o caribú, o alce, o oso grizzly ou o lobo.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima é extremo en Alasca.

O clima varía segundo a rexión. A costa occidental ten un clima oceánico, mentres que o resto do estado presenta un clima continental e ártico.

En Juneau, a capital, e na metade sueste o clima é oceánico, mentres que é ártico na metade norte. En xeral, esta zona é a máis húmida e cálida de Alasca, con suaves temperaturas en inverno e altos niveis de precipitación ao longo do ano. O clima de Anchorage, a cidade máis poboada de Alasca, e da parte central e sur do estado, é suave debido á proximidade do mar. O clima do oeste de Alasca está influenciado polo mar de Bering e o golfo de Alasca. No suroeste existe un clima subártico oceánico e no norte, subártico continental.

O clima no interior de Alasca é extremo. Algunhas das temperaturas máis cálidas e frías teñen lugar na área de Fairbanks. Os veráns poden albergar até 30 °C, mentres que no inverno as temperaturas baixan até os -52 °C. As temperaturas máximas e mínimas históricas rexistradas en Alasca déronse no interior. As máximas acadaron 38 °C en Fort Yukon, o 27 de xuño de 1915.[5][6] Por outra parte, a temperatura mínima máis baixa de Alasca produciuse o 23 de xaneiro de 1971, con -64 °C en Prospect Creek.[5][6]

O quecemento global que sacode o planeta está sendo notorio en Alasca. Gunter Weller, director do Centro Fairbank para Investigación do Cambio Global e de Investigación do Sistema Ártico, da Universidade de Alasca, asegurou que as temperaturas medias en Alasca eleváronse tres graos centígrados en 30 anos, e aproximadamente o dobre en inverno. As autoridades estatais están alertando do máis que probable efecto que o cambio climático terá sobre a vida dos cidadáns. Un exemplo son as estradas estatais, que transcorren sobre o permafrost, que se está desconxelando velozmente. O oleoduto trans-Alaska, que utiliza soportes verticais, está vendo perigar a súa estabilidade sensiblemente.[7]

Demografía[editar | editar a fonte]

Crecemento poboacional de Alasca
Ano Habitantes
1880 33 426
1890 32 052
1900 63 592
1910 64 356
1920 55 036
1930 59 278
1940 72 524
Ano Habitantes
1950 128 643
1960 226 167
1970 302 583
1980 401 581
1990 551 947
2000 626 932
2005* 663 661
(*) Estimación

O censo de 2000 estimou a poboación de Alasca en 626 932 habitantes, un crecemento de 14% sobre a poboación de 1990, de 551 947 habitantes. Unha estimativa realizada en 2005 estima a poboación do estado en 663 661 habitantes, un crecemento de 20,2% en relación á poboación en 1990; de 5,9%, en relación á poboación en 2000; e de 0,9% en relación á poboación estimada en 2004.

O crecemento da poboación natural de Alasca entre 2000 e 2005 foi de 36 590 habitantes - 53 132 nacementos menos 16 542 óbitos - o crecemento poboacional causado pola inmigración foi de 5 800 habitantes, encanto que a migración estadounidense resultou na perda de 4 619 habitantes.

Só hai unha rexión metropolitana, Anchorage, que é a maior cidade do Alasca. Cerca de dous quintos dos habitantes viven en Anchorage. Cerca de 70% dos habitantes viven en cidades e os outros 30% viven en áreas non-urbanas.

A maior parte da poboación de Alasca vive na rexión sur do estado, ao longo do litoral sur co océano Pacífico, onde o clima é menos extremo que no norte do estado. O resto de Alasca é escasamente poboado, aínda que si existen comunidades con varios millares de habitantes no interior e mesmo no litoral norte do estado.

Principais cidades[editar | editar a fonte]

A cidade mais populosa é Anchorage, que posúe aproximadamente 275 mil habitantes. Anchorage é tamén a terceira maior cidade dos Estados Unidos en área. A maior parte das principais cidades de Alasca localízanse no litoral oceánico do estado.

Máis de 100 mil habitantes

Entre 10 000 e 100 000 habitantes

Menos de 10 mil habitantes

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Ver entrada de «Rochosas, montañas». Diciopedia do século 21. 3. Isaac Díaz Pardo, Víctor F. Freixanes, Antón Mascato (edición). Editorial Galaxia. 2007. p. 1821. ISBN 9788482893600.
  2. Goretti Sanmartín Rei et al. Criterios para o uso da lingua. Servizo de Normalización Lingüística, Universidade da Coruña. p. 124. ISBN 84-9749-199-8. http://www.udc.es/publicaciones/documentos/biblioteca/CriteriosParaUsoDaLingua.pdf.
  3. "United States by States - GCT-T1-R. Population Estimates (geographies ranked by estimate)". United States Census Bureau, Population Division. http://factfinder.census.gov/servlet/GCTTable?_bm=y&-state=gct&-context=gct&-ds_name=PEP_2009_EST&-_box_head_nbr=GCT-T1-R&-CONTEXT=gct&-mt_name=&-tree_id=809&-redoLog=true&-_caller=geoselect&-geo_id=&-format=US-40S&-_lang=en. Consultado o 2010-06-02.
  4. Ransom, J. Ellis. 1940. Derivation of the Word "Alaska". American Anthropologist n.s., 42: pp. 550-551
  5. 5,0 5,1 "NOAA Weather Radio All Hazards Information - Alaska Weather Interesting Facts and Records" (en inglés) (PDF). National Oceanic and Atmospheric Administration. http://www.arh.noaa.gov/docs/AKWXfacts.pdf. Consultado o 16 de setembro de 2009.
  6. 6,0 6,1 "State Extremes" (en inglés). Western Regional Climate Center, Desert Research Institute. http://www.wrcc.dri.edu/htmlfiles/state.extremes.html. Consultado o 16 de setembro de 2009.
  7. Noticia sobre o cambio climático en Alasca (Yahoo News, 4 de xuño de 2008)(en castelán)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Alasca