Alón, Santa Comba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Alón
Cruceiro e igrexa de Santa María de Alón.
ConcelloSanta Comba[1]
ProvinciaA Coruña
Coordenadas43°00′30″N 8°50′02″O / 43.0082, -8.834Coordenadas: 43°00′30″N 8°50′02″O / 43.0082, -8.834
Poboación332 hab. (2019)
Entidades de poboación7[1]
editar datos en Wikidata ]

Santa María de Alón[1] é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Santa Comba. Segundo o padrón municipal de 2018 tiña 335 habitantes (180 mulleres e 155 homes) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2014, cando tiña 352 habitantes.

A parroquia de Alón ten sete lugares, que son: Alón de Arriba, Alón de Abaixo, Alvarín, O Cataduiro, O Couto, A Cruzana e Esmorode.

A actividade principal de Santa María de Alón é a gandaría vacúa de leite, sendo unha das parroquias galegas con maior produción leiteira.

Patrimonio artístico e cultural[editar | editar a fonte]

Cruceiro do igrexario[editar | editar a fonte]

Atópase no igrexario, diante da fachada da igrexa parroquial, no lugar de Alón de Abaixo. Construído en granito, é un dos tres que existen no concello cunha temática relacionada coa Paixón de Cristo. Érgese sobre unha plataforma cuadrangular e un pedestal tamén cuadrangular no que se achan representados os seguintes símbolos relacionados co motivo da paixón: a salamántiga, a serpe, tibias en forma de X, ademais de caveiras en cada un dos extremos.

O varal, que comeza sendo cadrado e remata con sección octogonal, mostra así mesmo outros símbolos da paixón: lanzas en X, cordón, tenaces, martelo, escada, a coroa de espiñas, o corazón cos cravos. Nun pequeno fornelo ten a imaxe de San Francisco axudando co seu cordón a saír do purgatorio ás almaalmiñas condenadas.

No capitel, de sección octogonal, distínguense o astrágalo circular liso, volutas, caras e un ábaco de lados curvos e vértices chafranados. No anverso dunha cruz de sección circular e aspecto leñoso con nós, áchase representado a Cristo crucificado con tres cravos, cabeza coroada de espiñas, o rostro cara a diante, o pano de pureza anoado á dereita e o INRI. No reverso aparece a Virxe en actitude orante, apoiada sobre peaña, e coas súas mans en cruz sobre o peito.

Existe unha mesa exenta a carón do cruceiro feita tamén en granito, que substitúe a outra que rompeu.

Arredor do cruceiro vaise en procesión nas festividades da parroquia pero soamente o día do Sacramento se fai parada diante do cruceiro, colocándose o Santísimo na mesa e levándose a cabo un rezo ou canto.

Igrexa de Santa María de Alón[editar | editar a fonte]

Foi construída entre 1773-1782 polo arquitecto Manuel Varela, sendo arcebispo Alexandre Bocanegra. É unha igrexa de estilo barroco, de planta de salón cunha soa nave dividida en tres tramos, e capela maior de igual anchura que a nave. A cabeceira cóbrase con bóveda de crucería mentres que a nave central faino mediante unha bóveda de canón.

A fachada organízase a xeito de retablo, cun pano central enmarcado por dúas pilastras e rematado por un gran frontón curvo sobre o que se alza un campanario de planta cadrada formado por dous corpos. O primeiro de base cuadrangular, formado por catro arcos de medio punto, lixeiramente apuntados e coroado por unha cúpula bulbosa.

Capela do cemiterio novo de Alón[editar | editar a fonte]

Foi construída polos veciños en 1999, na honra da Virxe de Fátima e San Xosé. Emprégase soamente para as funcións relixiosas nos enterros. É unha sinxela capela dunha única nave, con sancristía na cabeceira no seu lado sur. A iluminación realízase a través de amplas fiestras nas paredes laterais.

Debaixo da capela, á que se accede mediante unha escalinata, atópase o velatorio veciñal, primeiro do concello de Santa Comba.

A fachada é pentagonal, con porta en forma de lintel, óculo que ilumina o espazo interior, e espadana con dous vans.

Gastronomía e festas[editar | editar a fonte]

O Entroido[editar | editar a fonte]

É a época anterior á abstinencia da coresma, e polo tanto aproveitábase para comer carne, de aí a tradición da cacheira. Tamén é esta unha época de exceso no consumo de doces: orellas, filloas, chulas, ovos...

A Coresma[editar | editar a fonte]

O mércores de cinza, os venres de abstinencia ou vixilia e durante a Pascua facíanse tortillas de ovos ou peixe, traído por unhas "xireleiras" de Noia.

Divertimentos[editar | editar a fonte]

As ruadas eran festas celebradas nas aldeas, nun lugar acordado. Na parroquia de Alón celebrábanse nas seguintes casas: en Alón de Arriba na casa da Caseira, en Alón de Abaixo na casa da Roqueira, na casa da Vilas e na taberna de Visenta no Couto na casa da Raxada e na de Soneira, no Cataduiro na casa de Ramos, en Esmorode na casa do Cacho e na de Martís.[Cómpre referencia]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Alón[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Alón no concello de Santa Comba (A Coruña)

Alón de Abaixo | Alón de Arriba | Alvarín | O Cataduiro | O Couto | A Cruzana | Esmorode

Parroquias de Santa Comba[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Santa Comba

Alón (Santa María) | Arantón (San Vicente) | Bazar (San Mamede) | Cícere (San Pedro) | Fontecada (San Martiño) | Freixeiro (San Fins) | Grixoa (San Xoán) | Grixoa de Esternande (Santa María) | Mallón (San Cristovo) | Montouto (Santa María) | A Pereira (Santo André) | San Salvador de Padreiro (San Salvador) | Santa Comba (San Pedro) | Santa Sabiña (San Xulián) | Ser (San Pedro) | Vilamaior (Santa María) | Xallas de Castriz (San Pedro)

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]