Aie aie

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aie-aie
Aye-aye (Daubentonia madagascariensis) 2.jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 NT gl.svg
En perigo
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Orde: Primates
Familia: Daubentoniidae
Xénero: Daubentonia
Nome científico
Daubentonia madagascariensis
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O aie-aie (Daubentonia madagascarensis, antes Chiromys madagascarensis) é un primate estrepsirrino [1] endémico de Madagascar, emparentado cos lémures. A súa aparencia fai que se lle considere o principal responsable da orixe da palabra "lémur", que quere dicir en latín "espírito nocturno". O aie-aie é o único representante vivo do seu xénero, familia (Daubentonidae) e infraorden (Chiromyiformes), o que deixa ben ás claras a súa extrema rareza. Só se coñece outra especie próxima ao aie-aie, o aie-aie xigante (Daubentonia robusta), que se extinguiu cara 1920.

Descrición[editar | editar a fonte]

Os aie-aies son animais arborícolas de hábitos nocturnos. Aliméntanse de larvas de insectos que atopan baixo a cortiza das árbores, localizándoas mediante golpes rítmicos sobre a cortiza. Este método é típico dos paxaros carpinteiros, pero único entre os mamíferos. Para conseguilo, usa o seu longo e osudo terceiro dedo, e distingue calquera pequena perturbación no ruído que produce o pete continuo (indicio dun poleiro de madeira abichada baixo a cortiza) grazas aos seus grandes e ben desenvolvidos oídos (o seu principal sentido), semellantes aos dun morcego. Só se coñece outro caso de adaptación tan forte dos dedos nese sentido en toda a historia da evolución, o do pequeno dinosauro arborícola Epidendrosaurus.

A pelaxe é longa en todo o corpo, especialmente na cola, razón pola que o aie-aie foi clasificado inicialmente como un estraño esquío cando se descubriu. A cor da pelaxe é totalmente negra agás na cara, onde se volve case branca. En ocasións téñense atopado individuos pardos. Os adultos acadan o tamaño aproximado dun gato doméstico, con 40 centímetros da cabeza á cola e outros 55 de lonxitude total desta. Ademais das súas amplas orellas, na súa cabeza salientan tamén os seus ollos, grandes e amarelos, típicos do animal nocturno que é. O olfacto tamén é bastante fino.

Hábitat[editar | editar a fonte]

O hábitat do aie-aie constitúeo a selva tropical que cobre o este de Madagascar, onde se localiza na parte máis alta das árbores. A súa dieta de larvas de insectos é completada ás veces coa inxestión dalgunhas follas e froitos. Estes últimos xántaos de xeito ritual e característico, primeiro roendo a súa casca (ten uns dentes similares aos dunha rata) e logo introducindo no seu interior o longo terceiro dedo, co que recolle a polpa carnosa que mete na boca coma se estivese usando unha culler.

A destrución da selva malgaxe debido aos incendios provocados, a estornela de árbores e o acraramento de grandes zonas para destinalas á agricultura empurrou ao aie-aie ao bordo da extinción. De feito, pensouse durante un tempo que desaparecera, ata que se redescubriu en 1961. Desde entón o goberno de Madagascar tomou distintas medidas co fin de protexelo a el e ao seu hábitat; 12 exemplares desta especie atópanse protexidos na illa reserva de Nosy Mangabe.

Actualmente, calcúlase que existen aproximadamente 2.500 individuos.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Os aie-aies femias paren unha soa cría, algo habitual nos lémures, e lévana sobre as súas costas durante os primeiros meses de vida. Durante o día refúxianse en niños similares aos dos paxaros, que logo cambian por outros despois de usalos durante unha tempada. Estes niños están situados na base das pólas, sempre a máis de 12 metros de altura do chan.

Estado de conservación[editar | editar a fonte]

Segundo a IUCN [1] o aie-aie está próxima á vulnerabilidade (NT).

Curiosidades[editar | editar a fonte]

O folclore malgaxe considera ao aie-aie unha criatura máxica. Dise que se apunta a unha persoa con seu terceiro dedo, esta morre pouco despois dunha forma repentina e horrible.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Da suborde Strepsirrhini (do grego strepho, curvo, e rhinos, nariz), suborde dos primates caracterizados por te-lo nariz húmido.
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Aie aie