Ahmad Shah Massoud

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ahmed Shah Massoud»)
Ahmad Shah Massoud
Nacemento2 de setembro de 1953
Lugar de nacementoBazarak
Falecemento9 de setembro de 2001
Lugar de falecementoTakhar
Causasen etiquetar
NacionalidadeAfganistán
RelixiónIslam
Alma máterUniversidade de Cabul e Lycée Esteqlal
Ocupaciónpolítico e líder militar
FillosAhmad Massoud
IrmánsAhmad Zia Massoud e Ahmad Wali Massoud
PremiosOrder of Ismoili Somoni
Na rede
http://www.ahmadshahmasoud.com
IMDB: nm1679088 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Ahmad Shah Massoud (persa احمد شاه مسعود Aḥmad Šāh Masʻūd), nado o 2 de setembro de 1953 e finado o 9 de setembro de 2001,[1] foi un líder político e militar afgán que foi unha figura central na resistencia contra a ocupación soviética entre 1979 e 1989 e nos anos seguintes de guerra civil.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Massoud era un taxico de fe musulmá sunnita fillo dun coronel do exército, orixinario de Jangalak no val do Panjshir ao norte de Afganistán e educado en escolas que seguían o réxime de estudos francés. Estudou enxeñería na Universidade de Cabul na década de 1970, e alí tras a caída da monarquía e a toma do poder polos comunistas en 1973 contactou con movementos islamitas anticomunistas que se movían en torno á órbita de Burhanuddin Rabbani e os Irmáns Musulmáns recibindo adestramento militar en Paquistán.[2] e curtíndose en operacións de guerrilla en Exipto e Líbano en 1974 e 1975.[3] Volveu á súa terra ntal en 1978 cuns poucos seguidores e logo da ocupación soviética de 1979 converteuse nun dos líderes da insurxencia coñecido co alcume do "León do Panjshir". En 1992 foi designado ministro de defensa tras o Acordo de Peshawar, un tratado de paz e de repartición do poder no poscomunista Estado Islámico de Afganistán e loitou contra unha alianza de milicias dirixida por Gulbuddin Hekmatyar e eventualmente polos Talibán, que sitiaron Cabul en xaneiro de 1995.

Seguindo o ascenso dos Talibán en 1996, Massoud que rexeitaba a súa interpretación fundamentalista do islam[4] volveu á oposición armada, serviu coma o líder político e militar da Fronte Islámica Unida (tamén coñecida no Occidente co nome de Alianza do Norte), opoñéndose tamén á interferencia de Paquistán nos asuntos internos afgáns.[5] Foi asasinado, probablemente por instigación de al Qaida nun ataque suicida dous días antes dos ataques do 11 de setembro nos Estados Unidos, que levaron a ese país e á OTAN a intervir en Afganistán, aliados coas forzas de Massoud.

Postumamente Massoud recibiu a consideración de "Heroe Nacional" por orde do presidente afgán Hamid Karzai e a data da súa morte, 9 de setembro, obsérvase como festa nacional coñecida como "Día de Massoud" en Afganistán,[6] por ser Massoud a figura arredor da cal se aglutinou a loita contra os talibán e así foi percibido pola comunidade internacional pero a súa figura tamén respondeu á necesidade que tiña o goberno afgán de contar cun heroe nacional e un símbolo de unión non cuestionado nun momento de incerteza e cambio.[7] Pero tamén recibiu críticas por permitir o tráfico de drogas, por permitir abuso de dereitos humanos ou por asasinar a civís.[8]

En 2002, a xornalista Marie-Rose Armesto, publicou Son mari a tué Massoud, no que realizou unha entrevista á muller dun dos seus asasinos.[9] Ese ano a súa familia creou unha fundación para conservar o seu legado e contribuír o desenvolvemento de Afganistán.[10] En abril de 2021, a cidade de París rendeulle homenaxe dándolle o seu nome a un paseo dos Campos Elíseos.[11]

Casou con Sediqa Massoud e foi pai de cinco fillas e un fillo. Este, Ahmad Massoud, chamou a resistir aos talibáns logo da caída de Cabul o 15 de agosto de 2021 e é considerado como un dos líderes da oposición armada do val do Panjshir.[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Al Qaïda: quelques observations critiques sur le livre « Son mari a tué Massoud »". terrorisme.net. 27-08-2002. Consultado o 19-08-2018. 
  2. Mikaberidze (2011), p. 48
  3. Caldwell (2011), p.83
  4. Grad (2007), p. 310
  5. Pollock, John M. (2002). Ahmad Shah Massoud: A Case Study in the Challenges of Leading Modern Afghanistan (PDF). United States Marine Corps Command and Staff College Marine Corps University. p. 1. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 09 de setembro de 2013. 
  6. "Afghanistan Events" Arquivado 07 de setembro de 2008 en Wayback Machine., Lonely Planet Travel Guide.
  7. Johnson, Casey G. The Fletcher School – Al Nakhlah – Tufts University, ed. "Charisma in Modern Islamic Revolutionary Movements: The Case of Ahmad Shah Massoud" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 26 de decembro de 2013. Consultado o 09 de setembro de 2013. 
  8. Gutman, Roy (2008). How We Missed the Story: Osama Bin Laden, the Taliban, and the Hijacking of Afghanistan. US Institute of Peace Press. pp. 221-222. 
  9. "Al Qaïda: quelques observations critiques sur le livre « Son mari a tué Massoud »". terrorisme.net. 27-08-2018. Consultado o 19-08-2018. 
  10. "Our Mission and Vision". Massoud Foundation (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2021. Consultado o 2021-08-19. 
  11. Bellamy, Daniel (2021-03-27). "Paris honours assassinated Afghan rebel leader". euronews (en inglés). Consultado o 2021-08-26. 
  12. Loyd, Anthony. "The Afghan resistance to the Taliban begins in the Panjshir Valley" (en inglés). ISSN 0140-0460. Consultado o 2021-08-19. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Caldwell, Dan (2011). Vortex of Conflict: U.S. Policy Toward Afghanistan, Pakistan, and Iraq. Stanford: Stanford University Press. ISBN 978-0804776660. 
  • Grad, Marcela (2009). Massoud: An Intimate Portrait of the Legendary Afghan Leader. St. Louis, MO: Webster University Press. ISBN 9780982161500. 
  • Mikaberidze, Alexander (2011). Conflict and Conquest in the Islamic World: A Historical Encyclopedia. Vol. 1. Santa Bárbara (California): ABC-CLIO,LLC. ISBN 1598843362. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Páxina web da Fundación Massoud (en inglés) Arquivado 18 de agosto de 2021 en Wayback Machine.