Ahhiyawa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Ahhiyawa (forma antiga Ahhiya) é un reino que aparece ante todo nos arquivos do reino dos hititas na segunda metade do II milenio antes da nosa era. O debate arredor da súa localización, centrado no feito de que se puidese ver nel unha mención dos Aqueos, está aínda lonxe de pecharse.

Localización dos principais xacementos da Anatolia hitita

Ahhiyawa = Aqueos ?[editar | editar a fonte]

Desde a tradución nun texto hitita da palabra Ahhiyawa, que designaba un reino situado cara a Anatolia occidental ou o mar Exeo, numerosos especialistas das civilizacións anatolias relacionaron esa palabra con Akhaiwia e Akhaia, que designan aos Aqueos, o pobo da Grecia do II milenio antes da nosa era. Este descubrimento, pois, foi visto como a proba da existencia do reino micénico dos textos de Homero. A hipótese Ahhiyawa = Aqueos foi contestada porén desde moi cedo polo feito de que ese reino apareceu situado máis ben en Tracia, en Rodas ou en Chipre, e engadindo que a arqueoloxía non demostra que a civilización micénica estivese en contacto directo coa dos Hititas, nin que os Micénicos constituísen un estado o suficientemente poderoso como para estenderse ata Anatolia. Os que vían nos Ahhiyawa os Aqueos tampouco non están de acordo sobre a localización do seu reino: en Asia Menor, ou ben na Grecia continental? Un argumento suplementario en favor da ecuación Ahhiyawa = Aqueos reside no feito de que se atopa nos textos hititas unha cidade chamada Millawanda, que está politicamente moi próxima aos Ahhiyawa. Moitos queren ver nesta cidade a Mileto (Miletos), na que as escavacións arqueolóxicas revelaron precisamente relacións moi fortes coa civilización micénica.

O debate está aínda hoxe aberto, un pequeno número dos especialistas nos Micénicos aínda contestan que os Ahhiyawa son os Aqueos, mentres que na parte oposta unha maioría de especialistas da Anatolia hitita o cren. Cómpre dicir que se os Ahhiyawa non son os Aqueos, hai que imaxinar a existencia nunha rexión idéntica de dous pobos que levan un nome sensiblemente diferente, un testemuñado só pola arqueoloxía e a tradición homérica, e o outro testemuñado só polos textos da época.

Os Ahhiyawa nos textos hititas[editar | editar a fonte]

A primeira mención deste país remóntase ao reinado do rei hitita Tudhaliyas I (c. -1465--1430). Un personaxe chamado Attarsiya é chamado «o home de Ahhiya» (sen dúbida un rei ou un personaxe importante). Enfróntase co vasalo dos hititas Madduwattas antes de aliarse finalmente con el, sen dúbida contra os hititas. Algúns decenios despois, é Mursilis II (c. -1340--1310) quen ten problemas cun «rei de Ahhiyawa» que se alía con Arzawa e con Millawanda contra el. A coalición é desfeita, pero o país de Ahhiyawa non se menciona entre os territorios sometidos, contrariamente aos seus dous aliados. Polo contrario, é o rei de Arzawa Uhha-Ziti quen se refuxia onda o rei dos Ahhiyawa, antes de que este o extradite aos hititas baixo a presión de Mursilis. Parece, pois, que este reino está lonxe do alcance dos hititas, cousa que constitúe un argumento importante para o situar no mar Exeo, ou ben en Grecia continental. Muwatallis, o fillo de Mursilis II, ten liortas con Piyamaradu, un nobre hitita renegado que sementa a discordia en Anatolia occidental e se alía co rei dos Ahhiyawa. Pero os dous reinos non están daquela en conflito e as súas relacións permanecen cordiais.

O reino de Ahhiyawa parece coñecer o seu apoxeo durante o reinado do irmán de Muwatallis, Hattusilis III (c.-1265--1250). Posuímos unha copia dunha carta dirixida por ese rei ao de Ahhiyawa, na que se refire ao seu homólogo como «irmán», signo de que o considera como o seu igual, no mesmo nivel cós reis de Exipto, de Asiria ou de Babilonia. Pero isto sen dúbida só é debido ás circunstancias, pois Hattushilis pretendía ter consideración co seu homólogo, cuxo irmán, chamado Tawagalawa, axuda a Piyamaradu a sementar a discordia entre os vasalos dos hititas da Anatolia occidental. Isto pode ser unha manobra que vaia ata o rei de Ahhiyawa, desexoso de debilitar ao rei hitita, mentres el estende a súa influencia ata Millawanda, antigo vasalo do Hatti que pasa a estar baixo a súa protección. Tudhaliyas IV (c.-1250--1210) consegue vencer aos Ahhiyawa, e fai que o rei de Millawanda se pase ao seu bando. Nun tratado contemporáneo, o nome do rei dos Ahhiyawa, mencionado nun primeiro momento como igual do rei hitita, é borrado como se se intentase rebaixalo. Isto indicaría unha perda da súa influencia, e, por conseguinte, un debilitamento do seu reino.

Tras esta última intrusión dos Ahhiyawa nos asuntos hititas, non hai nada nas fontes deste país que volva mencionar este pobo e o seu reino, e o mesmo reino hitita vai desaparecer uns anos máis tarde. No exterior, atopamos un topónimo sensiblemente similar, Akaiwaya, nos arquivos en Lineal B atopados en Cnossos, en Creta. Os textos do faraón Mineptah que falan dos Pobos do Mar mencionan aos Eqwesh, a miúdo identificados como os aqueos (Akaiwasha), cousa que mostraría que este pobo estaría aínda activo nesa época. Pero a identificación dos Eqwesh cos Aqueos non é segura.