Aguas de Cabreiroá

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 41°55′36.67″N 7°25′23.38″O / 41.9268528, -7.4231611

Aguas de Cabreiroá
TipoSociedade Anónima
Fundación1906
MatrizHijos de Rivera
LocalizaciónEstrada de Cabreiroá, s/n Verín 32600 Galicia Ourense
FundadorJosé García Barbón
IndustriaAuga
ProdutosAuga envasada
Número de empregados50 (en 2008)[1]
Na rede
http://www.cabreiroa.es
editar datos en Wikidata ]

Aguas de Cabreiroá é unha empresa galega de bebidas con sede en Cabreiroá (Verín). Foi fundada por José García Barbón en 1906. A empresa é propiedade de Hijos de Rivera.

Historia[editar | editar a fonte]

Balneario

A finais do século XIX as xentes do lugar ían a un manancial para curar as doenzas do aparato dixestivo, e o párroco acondicionou a zona, e promoveu a construción dunha fonte. O empresario Xosé García Barbón encargou estudos químicos sobre as augas, e adquiriu a fonte e os terreos dos arredores, levantando unha construción de estilo modernista para acomodar ás xentes que visitaban a zona. En 1906 creouse a empresa Aguas de Cabreiroá, cunha planta de embotellamento. En 1907, encargouse unha nova análise ao doutor Santiago Ramón y Cajal, que certificou as súas propiedades mineromedicinais. Nese mesmo ano iniciáronse as obras do hotel-balneario. As instalacións incluían un parque de 5 hectáreas con 2000 árbores de 72 especies distintas.

Manancial

Á morte de García-Barbón, o balneario pasou a mans do seu neto, Benigno Salgueiro García-Barbón, que á súa vez morreu en 1931, pasando entón á súa viúva, Cecilia de Espínola. Entre novembro de 1936 e marzo de 1937, logo do inicio da guerra civil española, o hotel-balneario pasou a ser hospital de campaña, acollendo militares do bando nacional que combatían na fronte de Asturias. O hospital contaba con material incautado ao médico Carlos Reino Caamaño, que fora elixido alcalde de Verín en xullo de 1936 por Izquierda Republicana[2].

A actividade de envasado de auga proseguiu no tempo. Na década de 1990, entrou no accionariado Hijos de Rivera, que en 2006 tomou o control de toda a empresa.

En 2008, déronse varios casos de intoxicación por auga adulterada en Ourense. A empresa considerou o acontecido como unha sabotaxe a súa marca[3]. O sector respondeu trocando o peche das botellas, deixando os tapóns de presión con precinto de plástico por tapóns de rosca.

Produtos[editar | editar a fonte]

Tarxeta postal de 1912
  • Auga sen gas, auga natural envasada en vidro, PET ou PET-Sport
  • Auga con gas, auga con gas engadido envasada en vidro, PET ou Aluminio
  • Magma de Cabreiroá, auga con gas natural e bicarbonato envasada en botella de Aluminio.
  • Rosalía de Castro, botella homenaxe ao 175 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro.
  • Ciclo da Auga, botella homenaxe ao Ciclo da Auga.
  • Faros de Galicia, botella de homenaxe aos Faros de Galicia.

Imaxe de calidade[editar | editar a fonte]

A empresa mantén unha imaxe moi coidada con deseños orixinais e campañas publicitarias en tódolos medios, incluída a televisión.

Ten certificación de calidade auditado por AENOR, norma ISO 9001 e ISO 14001[4].

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]