Afonso VII de León

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Afonso Reimundez")
Afonso VII
Rei de Galiza, León, Castela e Toledo.
Reinado 17 de setembro de 1111 - 21 de Agosto de 1157
Coroación 1111 en Compostela, 1135 en León.
Cónxuxes Berenguela de Barcelona
Riquilda de Polonia
Descendencia
Ollar Matrimonio e Descendencia (abaixo)
Casa Casa de Borgoña
Pai Raimundo de Borgoña
Nai Urraca I
Nacemento 1 de marzo de 1105
Caldas de Reis
Falecemento 21 de Agosto de 1157
Sierra Morena

Afonso Raimúndez, o Emperador, nado en Caldas de Reis o 1 de marzo de 1105 e falecido en Fresneda (quizais El Viso del Marqués) o 21 de agosto de 1157, foi rei de Galiza, León e Castela, o primeiro da dinastía de Borgoña. Foi fillo de dona Urraca (filla á súa vez de Afonso VI) e do seu primeiro marido, o conde Raimundo de Borgoña.

Afonso VII integrou na monarquía leonesa aquel sector da nobreza galega rebelde que representaba a Casa de Traba. Pero tamén foi o rei que inauguraba a política de apoio á Igrexa, e polo tanto foi o primeiro que aplicou un certo criterio de centralización política.

Rei de Galiza, León e Castela[editar | editar a fonte]

Foi proclamado rei en 1109 polo seu aio, Pedro Froilaz, Conde de Traba; dous anos máis tarde, o 17 de setembro de 1111, o Bispo Diego Xelmírez consagrouno como monarca na catedral compostelá. En realidade, a cerimonia tivo máis de formal que de efectivo; con ela, Pedro Froilaz procuraba que, no caso de que a súa nai, Urraca -casada con Afonso de Aragón- viñese ter un fillo deste, non se visen afectados os dereitos do futuro Afonso VII ao trono e, en todo caso, puidese preservar sempre a herdanza do seu pai, Raimundo de Borgoña. Se ben que algúns historiadores indican que, no acto compostelán, foi proclamado "rei de Galiza", o certo é que as crónicas falan de que o bispo o consagrou apenas como "rei", entendendo, deste xeito, que era o lexítimo herdeiro do seu avó, Afonso VI. O arcebispo Xelmírez, canda Pedro Froilaz e outros nobres galegos dirixíronse a confirmar en León a cerimonia de entronización, mais en Viandangos saíulles ó paso Afonso de Aragón, que presentou batalla, frustrando os plans de Xelmírez.

O 10 de marzo de 1126, á morte da súa nai, foi coroado rei de León e de inmediato emprendeu a recuperación do reino de Castela, que estaba baixo o dominio de Afonso I de Aragón. Coas Paces de Támara de 1127, púxose fin á disputa entre os dous monarcas e Afonso VII foi recoñecido como rei de Castela.

A pesar deste recoñecemento, Afonso tívose que enfrontar ás diversas rebelións suscitadas nos territorios máis próximos a Aragón, debido á longa autonomía que estas rexións atinxiran desde a morte do seu avó, o rei Afonso VI de Castela.

Aspiracións territoriais[editar | editar a fonte]

Após a morte, sen descendencia, do rei navarro-aragonés Afonso I en 1134, Afonso VII pretendeu ao trono, mais sen éxito xa que, finalmente, a sucesión recaeu no irmán de Afonso I, Ramiro II. Apesar disto, Afonso ocupou A Rioxa, conquistou Zaragoza e ditaminou de feito os gobernos de ambos os dous reinos en diante. Desde entón o escudo de Zaragoza figura no escudo de armas do Reino de León. En escaramuzas varias, derrotou o exército navarro-aragonés, sometendo este reino á súa vasalaxe. Apoiado por nobres ao norte dos Pireneos, controlou amplos territorios do sur da Francia, chegando até o río Ródano.

Axudou nas loitas do conde de Barcelona, Ramón Berenguer IV contra os condados cataláns, conseguindo unificar a Marca Hispánica.

En 1135 foi corado imperador nos Reinos Hispánicos na catedral de León polo papa Gregorio VII, expresando así a súa pretensión de hexemonía peninsular e de exclusividade na reconquista. Porén, en 1123 tivo que recoñecer a seu curmán Afonso Henriques (Afonso I de Portugal) como rei de Portugal, así como o matrimonio de Ramón Berenguer IV con Petronila de Aragón, que uniu definitivamente Aragón cos condados cataláns, creando así a Coroa de Aragón. Con este último acordaría os limites da reconquista para cada un dos dous estados.

En 1137, Afonso Henriques adentrouse en terras de Afonso VII e ocupou Tui. A ocupación finalizou trala sinatura do Tratado de Tui.

Reconquista[editar | editar a fonte]

Desde 1139 levou a cabo expedicións e ataques de saqueo incitando as sublevacións das poboacións almorábides. A invasión dos almohades a partir de 1146 obrigouno a fortificar a fronteira e a pactar co almorábide Ibn Ganiya para organizar a resistencia.

En 1144 chegou até Córdoba e en 1147 tomou Almería xunto co rei de Aragón e Navarra e o conde de Barcelona.

En 1157 os almohades recuperaron o control de Almería e Afonso morreu encanto regresaba a León. Os seus dous fillos repartiron o reino que, de novo, ficou dividido en dous, o Reino de León a Fernando II e o Reino de Castela a Sancho III.

Matrimonio e descendencia[editar | editar a fonte]

En 1128 casou en Saldaña (Palencia) con Berenguela de Barcelona, filla do conde de Barcelona Ramón Berenguer III e, por tanto, irmá de Ramón Berenguer IV. Desta unión naceron:

En xullo de 1152 casou con Riquilda de Polonia, filla do rei Ladislao II de Polonia. Tiveron dous fillos:


Dos seus amoríos con Gontrada Pérez (o Guntroda Díaz) naceu:


Dous seus amoríos con Sancha Fernández naceu:

  • Estefanía de Castela (1150 - 1180), casada con Fernán Ruiz de Castro.
Afonso VII de León
Nacemento: 1 de marzo 1105 Falecemento: 21 de Agosto 1157


Títulos Reais
Precedido por
Urraca


Rei de Galiza
1111 – 1157
Sucedido  por
Fernando II
Rei de León
1126 – 1157
Rei de Castela
1127 – 1157
Sucedido  por
Sancho III
Rei de Toledo
1127 – 1157

Ascendencia[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Afonso VII de León

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • D. Afonso VII, Rei de Galiza, e o seu aio o Conde de Traba Antonio López Ferreiro, 1885, Reeditado en Noia, Editorial Toxosoutos, 2006 ISBN 0-8122-3452-9.
  • The Kingdom of León-Castilla under King Alfonso VII 1126-1157 Bernard F. Reilly, Philadelphia : University of Pennsylvania Press, [1998] ISBN 84-96673-01-4