Afonso Carlos, duque de San Jaime

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Afonso Carlos, duque de San Jaime

Afonso Carlos de Borbón e de Austria-Leste, nado en Londres en 1849 e finado en Viena en 1936, foi pretendente carlista ao trono de España co nome de Afonso Carlos I (1931-1936), tamén coñecido como duque de San Jaime.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo do pretendente carlista Xoán e María Beatriz de Austria-Leste e irmán do tamén pretendente Carlos, educouse na familia da súa nai. Pertenceu ao corpo dos suavos do exército dos Estados Pontificios. Casou en 1871 con María das Neves de Braganza e durante a Terceira Guerra Carlista o seu irmán nomeouno comandante xeneral de Cataluña, cruzou a fronteira francesa en decembro de 1872 e xa en Cataluña entrou en desavinzas con Francesc Savalls, en 1873 solicitou a unión do exército de Cataluña e do Centro e en 1874 organizou unha ofensiva por terras de Aragón e Castela a Nova, que o levaron a conquistar Cuenca. Pero a decisión do seu irmán de volver a separar os exércitos do Centro e Cataluña provocou a súa dimisión e a súa marcha de España. No exilio destacou na organización de asociacións contra os duelos.

Tras a morte do seu sobriño, Xaime, duque de Madrid o 2 de outubro de 1931, Afonso Carlos converteuse no pretendente carlista. O 23 de xaneiro de 1936 designou rexente a Xavier de Borbón-Parma e o 29 de setembro de 1936 morría Afonso Carlos tras ser atropelado por un automóbil.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Afonso Carlos, duque de San Jaime Modificar a ligazón no Wikidata