Afinsa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Afinsa foi un grupo empresarial filatélico español especializada no investimento filatélico e outros bens tanxibles, fundouna Albertino de Figueiredo, portugués residente en Madrid, en 1980. Era a primeira empresa filatélica do mundo e a terceira en bens non financeiros por tras de Sotheby's e Christie's.

O 8 de maio de 2006 Afinsa foi intervida xudicialmente, xunto a outra empresa Forum Filatélico, acusada de estafa, a policía arrestou catro responsables da empresa e pechou as súas sedes por orde xudicial. A compañía foi acusada de operar segundo un esquema piramidal, usando o diñeiro dos novos investidores para pagar os antigos e sobrevalorando o valor dos seus activos filatélicos. Víronse afectados os aproximadamente 150 000 clientes da empresa que formaron varias asociacións para defender os seus intereses. Actualmente o grupo está administrado por tres administradores concursais.

O grupo Afinsa, mediante Escala Group, participado ao 68% por Afinsa a través da súa filial Autectia, estaba presente no NASDAQ. Domfil, importante editora de catálogos filatélicos temáticos, Publiafinsa editora de Crónica Filatélica e Crónica Numismática eran propiedade de Afinsa. En 1996 adquiriu De Rosa International, a máis importante empresa internacional de distribución e venda de novidades filatélicas. No ano 2004 a facturación do grupo foi de 514 958 000 euros e os beneficios de 51 000 000 segundo fontes da empresa. Contaba con 2600 empregados e posuía 100 oficinas. A filial en Portugal denominábase Afinsa Investimento.