Adrian Frutiger

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
FrutigerFaces.png

Adrian Frutiger, nado en Unterseen o 24 de marzo de 1928, é un tipógrafo suízo. Creador das tipografías Univers e Frutiger, está considerado un dos máis influentes do século XX, e actualmente segue activo no desenvolvemento da tipografía dixital.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De neno quería ser arquitecto e escultor, pero a súa familia e o seu profesorado animouno a adicarse á impresión. Con 16 anos comezou a traballar como aprendiz na imprenta Otto Schaeffli, ao tempo que asistía á Escola de Artes e Oficios de Zúrich. Neste centro, dirixido por entón por Johannes Iten, estudou caligrafía xunto a Alfred Willimann e debuxo con Walter Käch.

En 1951 recibiu un premio do Ministerio de Interior Suízo por un estudo sobre a escritura occidental. Pouco despois, traballou nove anos na fundición francesa Deberny & Peignot, sendo o seu primeiro traballo o deseño do tipo President. Supervisou a adaptación de moitos dos tipos clásicos de Deberny & Peignot (Garamond, Baskerville, Bodoni, etc) para o sistema de fotocomposición Lumitype (coñecido como Photon nos EUA), e en 1955 deseñou para este sistema o tipo Meridien. Creou o tipo Univers, introducido en 1957 para fotocomposición e composición en metal, e que pasou a ser o modelo para todas as creacións posteriores de tipos sen serifa.

En 1960 deixou a empresa e abriu o seu propio estudio cerca de París, actualmente ocupado polo seu socio Bruno Pfäffli. Foille encargado o deseño das sinalizacións do Metro de París, para o cal creou unha variación da Univers especializada para utilizarse en branco sobre fondos escuros en condicións de pouca luz. Amais, ideou un enxeñoso sistema de numeración para poder diferenciar os 21 pesos e anchuras da Univers, que significou un fito para a denominación e catalogación de tipos, método usado posteriormente en tipos como a Frutiger, Avenir ou Helvetica Neue.

En 1976 encargóuselle o deseño da sinalización do aeroporto Charles de Gaulle, que debía ser acorde coa arquitectura vangardista do deseño de Paul Andreu. Creou un novo tipo sen serif, simple, claro e robusto, que ao ser de fácil e rápido recoñecemento a grandes distancias, tanto vista de fronte como en ángulo, permitía ser lido nun aeroporto. Esta tipografía non é estritamente xeométrica nin humanista, senón que as formas foron deseñadas para que cada carácter individual poida ser recoñecido facilmente. Con todo, se ben nun principio foi pensada para o seu uso a grande escala en aeroportos, a súa gran calidade fixo que moitas marcas a utilizasen, sendo na actualidade unha das tipografías preferidas nas axencias de publicidade e estudios de deseño, funcionando perfectamente tanto en titulares e carteis como en grandes bloques de texto.

En 1994 Frutiger regresou a Suíza, establecendo o seu estudio en Bremgarten (Berna). Redeseñou a imaxe corporativa do correo suízo (Swiss Post) e traballou para as compañías francesa de gas (Gaz de France) e electricidade (Electricité de France).

O 6 de maio de 1997, no evento Typomedia 97, presentou o seu novo deseño da familia Linotype Univers con 59 pesos diferentes.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]