Activador (xenética)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Activador transcricional»)

En xenética un activador transcricional é unha proteína que incrementa a transcrición dun xene ou grupo de xenes. A maioría dos activadores son proteínas que se unen ao ADN.

A maioría dos activadores funcionan uníndose por especificidade de secuencia a un sitio do ADN localizado nun promotor ou preto del, e establecendo interaccións proteína-proteína coa maquinaria de transcrición xeral (ARN polimerase e factores de transcrición xerais), facilitando dese modo a unión da maquinaria de transcrición xeral ao promotor. O sitio do ADN ao que se une o activador denomínase "sitio activador". A parte do activador que establece as interaccións proteína-proteína coa maquinaria de transcrición xeral denomínase "rexión activadora". A parte da maquinaria de transcrición xeral que establece as interaccións proteína-proteína co activador recibe o nome de "diana de activación" (activation target).

Exemplo[editar | editar a fonte]

A proteína activadora por catabolito (CAP; tamén chamada proteína receptora de AMPc ou CRP) activa a transcrición do operón lac da bacteria Escherichia coli.[1] Cando na célula bacteriana falta a glicosa prodúcese adenosina monofosfato cíclica (AMPc), e cando esta se une á CAP, isto causa un cambio conformacional na CAP, que lle permite unirse ao sitio do ADN situado ao lado do promotor lac. A CAP despois establece unha interacción directa proteína-proteína coa ARN polimerase, que recruta a ARN polimerase no promotor lac.

Operón lac.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Busby S., Ebright RH. (2001). "Transcription activation by catabolite activator protein (CAP)". J. Mol. Biol. 293: 199–213. PMID 10550204. doi:10.1006/jmbi.1999.3161. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]