Actinomyces israelii

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Actinomyces israelii

Micrografía electrónica de varrido de A. israelii.
Clasificación científica
Dominio: Bacteria
Filo: Actinobacteria
Orde: Actinomycetales
Familia: Actinomycetaceae
Xénero: Actinomyces
Especie: A. israelii
Nome binomial
'Actinomyces israelii'
(Kruse 1896)
Lachner-Sandoval 1898

Actinomyces israelii é unha especie de bacterias grampositivas con forma de bacilo do xénero Actinomyces. A especie é coñecida por vivir como comensal no corpo humano, onde pode actuar como un patóxeno oportunista e causa a actinomicose. Coñécense moitas cepas desta especie fisioloxicamente distintas, todas elas anaerobias estritas.[1] A pus que xeran contén pequenos gránulos macroscópicos cun diámetro de arredor dun milímetro (chamados drusas) que constan de microcolonias rodeadas de leucocitos. A especie foi descuberta polo cirurxián alemán James Adolf Israel (1848-1926).[2]

Patoxénese[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Actinomicose.

A actinomicose é con maior frecuencia causada por Actinomyces israelii e ás veces pode confundirse con neoplasmas. A. israelii é un colonizador normal da vaxina, colon, e boca. A infección establécese primeiro a través de brechas da barreira mucosa creadas durante distintas posibles intervencións (odontolóxicas, por exemplo), aspiracións, ou en patoloxías como a diverticulite. A fase aguda ou "clásica" desta doenza caracterízase por un lento crecemento contiguo que ignora os planos dos tecidos e forma un traxecto fistuloso que pode curar espontaneamente e reaparecer, orixinando unha lesión densamente fibrótica. Fórmase unha purulencia central con gránulos que parecen de xofre (mais non o son) formados por bacterias e rodeada de neutrófilos.

A enfermidade oral-cervicofacial é a forma máis común de actinomicose. Outra forma de actinomicose é a enfermidade torácica, orixinada pola aspiración da bacteria pola orofarinxe, que ás veces se diagnostica mal considerándoa un neoplasma, xa que forma unha masa que se estende pola parede do peito. Outra manifestación desta doenza pode ser a enfermidade abdominal, na que se pode orixinar un traxecto fistuloso na parede abdominal e área perianal.[3]

A actinomicose pélvica é unha rara complicación que se pode dar co uso de dispositivos intrauterinos (DIU)s.[4]

Diagnose e tratamento[editar | editar a fonte]

A actinomicose pode considerarse no diagnóstico cando un paciente ten unha progresión crónica da enfermidade a través de tecidos planos que é de tipo masivo algunhas veces, un desenvolvemento dun traxecto fistuloso que pode curar e volver aparecer, e unha infección rebelde despois dun tratamento normal con antibióticos.[3]

O tratamento da actinomicose faise con antibióticos como a penicilina ou a amoxicilina durante de seis a doce meses, ou con ciruruxía se a doenza está estendida.[3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Levinson, W. Review of Medical Microbiology and Immunology. 2010:McGraw Hill.
  2. Knöner W1, Schultheiss D. "James Israel (1848-1926). His contribution to oral and maxillofacial surgery". Mund Kiefer Gesichtschir. 2003 May;7(3):146-50. Epub 2003 Apr 10. PMID 12764680 [1]
  3. 3,0 3,1 3,2 El Sahli, MD, MS. "Anaerobic Pathogens." Infectious Disease Module 2007. Baylor College of Medicine, 2007.
  4. Joshi C, Sharma R, Mohsin Z. Pelvic actinomycosis: a rare entity presenting as tubo-ovarian abscess. Arch Gynecol Obstet. 2010 Feb;281(2):305-6