Actinobacterias
| Actinobacterias | |||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrografía electrónica de varrido de Actinomyces israelii. |
|||||||
| Clasificación científica | |||||||
|
|||||||
| Subclases e Ordes | |||||||
|
|||||||
As actinobacterias (Actinobacteria) son un amplo grupo de bacterias Gram-positivas que presentan unha alta proporción GC (guanina-citosina) nos seus xenomas, e que son consideradas un filo. [1] Poden vivir en ambientes terrestres e acuáticos. [2] É un dos filos principais de bacterias. [3] No estudo do grupo poden utilizarse análises da secuencia do seu encima glutamina sintetase. [4]
A maioría das Actinobacteria de importancia médica ou económica pertencen á subclase Actinobacteridae, orde Actinomycetales. Algunhas causan enfermidades nos humanos, como a difteria, ou a tuberculose. Outras son fonte de antibióticos, como Streptomyces. Outras aprovéitanse para a produción de substancias químicas ou na produción de certos queixos (Propionibacterium). Moitas son de vida libre.
Índice |
Características [editar]
Entre as Actinobacteria están algunhas das bacterias máis comúns no solo, auga doce, e vida mariña. Xogan un importante papel na descomposición de materiais orgánicos, como a celulosa e quitina, e na reciclaxe da materia orgánica e ciclo do carbono. Repoñen os nutrientes que perde o solo e son importantes na formación do humus. Outras Actinobacteria viven en plantas e animais, e algunhas son patóxenas, como Mycobacterium, Corynebacterium, Nocardia, Rhodococcus e algúns Streptomyces.
As Actinobacteria son coñecidas como produtores de metabolitos secundarios de gran interese farmacolóxico e comercial, como aminoácidos, vitaminas, saborizantes, derivados lácticos ou antibióticos. En 1940 Selman Waksman descubriu que as bacterias do solo que estaba estudando producían actinomicina, un descubrimento polo cal recibiu o premio Nobel. Desde entón, descubríronse centos de antibióticos naturais producidos por estes microorganismos terrestres, especialmente os do xénero Streptomyces.
Algunhas Actinobacteria forman filamentos ramificados, que pola súa forma lembran aos micelios dos fungos (cos cales estas bacterias non están emparentados), e por esa razón foron inicialmente clasificadas co vello nome de Actinomycetes. A maioría das Actinobacteria son aeróbicas, pero algunhas, como Actinomyces israelii, poden crecer en condicións anaeróbicas. A diferenza dos Firmicutes, que son o outro gran grupo de bacterias Gram-positivas, as Actinobacteria teñen un ADN con alto contido GC. Algunhas especies producen esporas externas.
Algúns tipos de Actinobacteria son responsables do peculiar cheiro que emana do chan despois da chuvia, principalmente nos climas cálidos. A substancia química que produce este cheiro denomínase xeosmina (terpenoide).[5]
Filoxenia [editar]
- Véxase tamén: Taxonomía bacteriana.
O cladograma representa a taxonomía aceptada actualmente das Actinobacteria, baseada na LPSN ( List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature) [6] e no NCBI (National Center for Biotechnology Information) [7] e a filoxenia está baseada nas secuencias do ARNr de 16 S do LTP 106 do proxecto The All-Species Living Tree. [8]
|
|||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Notas:
♪ Procariotas dos que non hai cultivos puros (axénicos) illados ou dispoñibles, porque non poden ser cultivados ou duran pouco.
♠ Estirpes atopadas no NCBI (National Center for Biotechnology Information) pero non na LPSN.
Notas [editar]
- ↑ Ventura M, Canchaya C, Tauch A, et al. (September 2007). "Genomics of Actinobacteria: tracing the evolutionary history of an ancient phylum". Microbiol. Mol. Biol. Rev. 71 (3): 495–548. DOI:10.1128/MMBR.00005-07. PMC 2168647. PMID 17804669. http://mmbr.asm.org/cgi/pmidlookup?view=long&pmid=17804669.
- ↑ Servin JA, Herbold CW, Skophammer RG, Lake JA (January 2008). "Evidence excluding the root of the tree of life from the actinobacteria". Mol. Biol. Evol. 25 (1): 1–4. DOI:10.1093/molbev/msm249. PMID 18003601. http://mbe.oxfordjournals.org/cgi/pmidlookup?view=long&pmid=18003601.
- ↑ C.Michael Hogan. 2010. Bacteria. Encyclopedia of Earth. eds. Sidney Draggan and C.J.Cleveland, National Council for Science and the Environment, Washington DC
- ↑ Hayward D, van Helden PD, Wiid IJ (2009). "Glutamine synthetase sequence evolution in the mycobacteria and their use as molecular markers for Actinobacteria speciation". BMC Evol. Biol. 9: 48. DOI:10.1186/1471-2148-9-48. PMC 2667176. PMID 19245690. http://www.biomedcentral.com/1471-2148/9/48.
- ↑ http://science.howstuffworks.com/question479.htm
- ↑ J.P. Euzéby. "Actinobacteria". List of Prokaryotic names with Standing in Nomenclature (LPSN) [1]. http://www.bacterio.cict.fr/classifphyla.html#Actinobacteria. Consultado o 6 xullo 2012.
- ↑ Sayers et al.. "Actinobacteria". National Center for Biotechnology Information (NCBI) taxonomy database [2]. http://www.ncbi.nlm.nih.gov/Taxonomy/Browser/wwwtax.cgi?mode=Undef&id=201174&lvl=5&lin. Consultado o 6 xullo 2012.
- ↑ All-Species Living Tree Project."16S rRNA-based LTP release 106 (full tree)". Silva Comprehensive Ribosomal RNA Database [3]. http://www.arb-silva.de/fileadmin/silva_databases/living_tree/LTP_release_106/LTPs106_SSU_tree.pdf. Consultado o 6 xullo 2012.