Acordo da Concordia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O Acordo da Concordia é o regulamento que rexe o campionato da Fórmula 1 e que compromete a todos os sectores que interveñen nel. Entre outras cousas, establece a repartición dos ingresos entre os equipos participantes, a Federación Internacional de Automobilismo (FIA) e Bernie Ecclestone, xefe comercial da Fórmula 1.

O acordo foi consensuado por primeira vez en marzo de 1981 entre a Asociación de Construtores de Fórmula Un e a FIA. O acordo outorgaba á asociación de construtores o dereito a negociar os contratos de televisión. Desde entón foise renovando cada certo tempo.

O último acordo alcanzado entre a Federación Internacional de Automobilismo (FIA), Bernie Ecclestone e as escuadras que participarán no campionato de Fórmula 1 a partir de 2008 prolonga este pacto ata o ano 2012. O anterior acordo tivo vixencia ata o 31 de decembro de 2007.