Acidalia Planitia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Acidalia Planitia
Acidalia planitia topo.jpg
Mapa topográfico de Acidalia Planitia.
Tipo de accidente xeolóxico Planitia
Rexión de Marte
Anchura 3362,97 km[1]
Coordenadas 45,53° N 334,5° E[1]
Procedencia do nome procedente dun mapa de Giovanni Schiaparelli, que a súa vez fai referencia a fonte de Acidalia.[1]

Acidalia Planitia é unha extensa planicie a baixa altitude (cunca) de Marte, que se pensa que xurdiu a través dun impacto e estimase que súa máxima anchura e duns 3.360 km,[1]. Está situada ó norte de Chryse Planitia, ó leste de Tempe Terra, ó oeste de Arabia Terra, e dentro do sur da gran rexión de Vastitas Borealis, a cal ocupa todo o polo norte marciano e a cal pertencen tanto Chryse coma Acidalia,[2] e as súas coordenadas centrais están xusto a 49,67° N 110° E.[1]

Formación e características[editar | editar a fonte]

A historia xeolóxica de Acidalia Planitia poderíase resumir en cinco estadios principais: o primeiro estadio sería o da súa formación, acontecida a través dun gran impacto sobre a codia presente na idade Noeica, o segundo estadio sería o remodelamento da superficie con planicies con pequenas serras e cristas durante a idade Hespérica, o terceiro estadio pertencería á fase de sedimentación dos materiais aportados dende as canles de desaugue, o cuarto estadio sería a formación ó norte de Acidalia Planitia da gran rexión polar de Vastitas Borealis, formación que puido ser debida á sedimentación de orixe oceánica ou pola sublimación de auga xeada existente nesa rexión. A actual superficie de Acidalia está cuberta por patróns poligonais a escala quilométrica, posúe outeiros, fosas de cinza, regueiros de lava, volcáns de lama e unha gran cantidade de cráteres de todo tipo, que evidencia unha tumultuosa historia topográfica.[3]

Acidalia Mensa e Acidalia Colles[editar | editar a fonte]

Regueiros presentes nun dos outeiros de Acidalia Colles.

A parte de rexión de Cydonia, as dúas formacións máis importantes de Acidalia son a súa Mensa e os seus Colles que están no centro da rexión, a mensa é un un macizo montañoso illado cun cumio aplanado, que ten uns 226 km de diámetro[4] e que é un dos poucos accidentes elevados dentro das planitiae do hemisferio norte, esta mensa posúe un dos leitos de rochas máis vellos destas planitiae, a mensa tamén esta alterada por pequenas depresións e fracturas.[3]

Ó norte de Acidalia Mensa e practicamente pegada a esta, están situados os Acidalia Colles, que ocupan unha área aproximadamente duns 360 km de diámetro[5] e que son unha extensión de terreo cuberta por unha man chea de outeiros illados de diversos tamaños, algúns destes outeiros teñen barrancos e regueiros que van pendente abaixo. Pensase que estes regueiros son relativamente novos, xa que son poucos e todos están por riba das dunas de area que tamén son recentes. Case todos estes regueiros teñen a súa cunca, depresión ou canle propia, as teorías sobre a súa formación son variadas pero as máis populares sosteñen que se formaron pola erosión a partir de auga líquida procedente dun acuífero ou pola antiga presenza de glaciares.[6]

Fosas, regueiros volcánicos e volcáns de lama[editar | editar a fonte]

Moitas das planicies a baixa altitude do hemisferio norte de Marte semellan ter regueiros de lava relativamente recentes cubertos parcialmente con cantidades variables de po. A ausencia de cráteres indicaría que a superficie é nova. Aparecen pequenos fuchancos e depresións dos cales non se sabe con certeza a súa orixe, ben puideran ser conos de cinza, pequenas caldeiras volcánicas colapsadas ou pseudocráteres formados pola iteración da lava e o xeo.[7] O contraste entre o material escuro que semella fluír entre os outeiros e cristas é moi frecuente nas planicies de orixe volcánica, así coma tamén son moi comúns estas fosas nas planitiae do hemisferio norte coma Isidis Planitia.[8][7]

Parte destas depresións ou fosas son brillantes e teñen un tamaño relativamente grande, e aparecen en numerosos lugares de Acidalia, hai varias interpretacións do que poderían ser, pero a que toma máis forza é que son volcáns de lama, estruturas xeolóxicas formadas pola interacción de gases, líquidos, lama, po e rochas moi finas que son traídas á superficie procedentes do subsolo, dende centos de metros ou incluso dende varios quilómetros de profundidade. Os científicos apuntan cara estas estruturas coma obxecto prioritario de estudo, xa que os sedimentos procedentes do subsolo poderían dar indicios sobre unha pasada vida microscópica no planeta vermello. [9][3]

Outeiros cubertos de po e patróns poligonais[editar | editar a fonte]

No norte de Acidalia Planitia existen grandes extensións de terreo con cristas e outeiros cubertos por un gran manto de po, aínda que o que máis chama a atención son as pequenas terrazas ó longo dos flancos das cristas e outeiros, así coma os os debuxos e formas construídos polas fisuras existentes no terreo, moitas das veces con formas poligonais. Estes patróns poligonais son típicos de terreos con permafrost e poderían indicar a presenza no pasado de xeo baixo a superficie.[10]

Na Terra, ocorre un fenómeno moi semellante nas terra árticas con permafrost, cando o xeo do permafrost se derrete e o terreo drena a auga. Tamén cabe a posibilidade de que sexan grabbens, aínda que os científicos seguen a debater sobre a súa orixe. As dúas teorías con máis peso son a formación polo arrefriamento e contracción do material volcánico que formou a planicie, ou que estes patróns se producisen ó compactarse os sedimentos superficiais, dun xeito semellante a cando seca a lama dunha poza, sendo que a unha escala moitisimo máis grande.[11].[12] Este patróns son comúns a case tódalas planitiae do hemisferio norte.

A rexión de Cydonia e a "Cara de Marte"[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Cydonia (Marte).
Unha pequena porción da rexión de Cydonia onde se pode aprecia-la "cara de Marte", fotografada pola sonda Viking 1 e exposta pola NASA/JPL o 25 de xullo de 1976.

Cydonia é unha rexión que está no sueste de Acidalia, na fronteira coas terras altas de Arabia Terra,[13] está rexión atraeu a atención tanto de científicos[14] coma a atención popular,[15][16] xa que a parte de ter varios accidentes xeolóxicos interesantes, contén a "cara de Marte", situada a medio camiño entre o cráter Arandas e o cráter Bamberg[13] A formación caveira da ESA está a uns poucos quilómetros ó sur da "cara".[13] Algúns planetólogos pensan que existe a posibilidade de que as planicies de Acidalia foran noutra época un leito oceánico[17] e que Cydonia puido se-la súa zona costeira.[18]

A área inclúe as rexións de Marte de: "Cydonia Mensae", unha área elevada con cumio plano, "Cydonia Colles", unha rexión de outeiros e pequenas montañas, e "Cydonia Labyrinthus", unha complexa intersección de vales.[19][20]

A "cara de Marte" (de aproximadamente 1,5 km de longo), tivo moita repercusión na cultura occidental despois de ser fotografada e amosada ó público no ano 1976, debido á súa gran semellanza cunha faciana.[21] Este caso natural de pareidolia inspirou a moita literatura de ciencia ficción xa que se lle atribuía unha orixe artificial.[21][22]

Cando a "cara" foi fotografada por primeira vez e ata que se sacaron novas imaxes, foi aceptada coma un caso de ilusión óptica, un claro exemplo de pareidolia.[21] Despois da análise das imaxes de gran resolución da sonda Mars Global Surveyor, a NASA declarou que "un detallado análise das imaxes deste accidente xeolóxico revelan é coma calquera outro outeiro natural de Marte, onde ve-la semellanza cun rostro depende do ángulo do visión e do ángulo de inclinación da luz que recibe".[23] Pódense atopar ilusións ópticas semellantes na Terra;[24] eses exemplos poderían incluír ó Old Man of the Mountain, a Pedra da Gávea, o Old Man of Hoy ou o Badlands Guardian.[25]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 "Planetary Names: Planitia, planitiae: Acidalia Planitia on Mars". http://planetarynames.wr.usgs.gov/Feature/38. Consultado o 09-03-2012. 
  2. "Approximate Boundaries for Mars Regional Feature Names". http://planetarynames.wr.usgs.gov/images/mola_regional_boundaries.pdf. Consultado o 09-03-2012. 
  3. 3,0 3,1 3,2 L. M. Saper, C. C. Allen2, D. Z. Oehler.. [http://www.lpi.usra.edu/meetings/lpsc2012/pdf/1218.pdf "43rd Lunar and Planetary Science Conference (2012), Rover Exploration of Acidalia Mensa and Acidalia Planitia : Probing Mud Volcanoes to Sample Buried Sediments and Search for Ancient and Extant Life"]. http://www.lpi.usra.edu/meetings/lpsc2012/pdf/1218.pdf. Consultado o 09-03-2012. 
  4. "Planetary Names: Mensa, mensae: Acidalia Mensa on Mars". http://planetarynames.wr.usgs.gov/Feature/37?__fsk=-837601750. Consultado o 09-03-2012. 
  5. "Planetary Names: Collis, colles: Acidalia Colles on Mars". http://planetarynames.wr.usgs.gov/Feature/36?__fsk=639646826. Consultado o 09-03-2012. 
  6. Heldmann, J. and M. Mellon. Observations of martian gullies and constraints on potential formation mechanisms. 2004. Icarus. 168: 285-304.
  7. 7,0 7,1 "Acidalia Planitia". http://www.jpl.nasa.gov/spaceimages/details.php?id=PIA04041. Consultado o 10-03-2012. 
  8. "Acidalia Planitia". http://www.jpl.nasa.gov/spaceimages/details.php?id=PIA04456. Consultado o 09-03-2012. 
  9. "Acidalia Planitia Mud Volcanoes". http://www.nasa.gov/mission_pages/MRO/multimedia/gallery/pia13652.html. Consultado o 09-03-2012. 
  10. "Ridges swimming in a sea of dust". http://www.jpl.nasa.gov/spaceimages/details.php?id=PIA04088. Consultado o 09-03-2012. 
  11. "PIA03796: Utopia Planitia". http://photojournal.jpl.nasa.gov/catalog/PIA03796. Consultado o 03-03-2012. 
  12. "Acidalia Planitia". http://www.jpl.nasa.gov/spaceimages/details.php?id=PIA03906. Consultado o 09-03-2012. 
  13. 13,0 13,1 13,2 G. Neukum - Cydonia - the face on Mars (21 September 2006) - ESA/DLR/FU Berlin
  14. Carlotto, M.J. (1988). "Digital Imagery Analysis of Unusual Martian Surface Features". Applied Optics 27 (10): 1926–1933. Bibcode 1988ApOpt..27.1926C. DOI:10.1364/AO.27.001926. PMID 20531684. http://www.newfrontiersinscience.com/martianenigmas/Papers/AO1888.pdf. 
  15. "Nasa: No face - honest". BBC. 25-05-2001. http://news.bbc.co.uk/1/hi/sci/tech/1351319.stm. Consultado o 09-11-2007. 
  16. Britt, R.R. (22-09-2006). "Face on Mars gets makeover". http://www.cnn.com/2006/TECH/space/09/22/mars.face/index.html. Consultado o 09-11-2007. 
  17. Head, J.W.; Kreslavsky, M.; Hiesinger, H.; Ivanov, M.; Pratt, S.; Seibert, N.; Smith, D.E.; Zuber, M.T.; (1998). "Oceans in the past history of Mars: Tests for their presence using Mars Orbiter Laser Altimeter (MOLA) data". Geophysical Research Letters 25: 4401–4404. Bibcode 1998GeoRL..25.4401H. DOI:10.1029/1998GL900116. http://www.agu.org/pubs/crossref/1998/1998GL900116.shtml. 
  18. Malin, M.C.; Edgett, K.S.; (1999). "Oceans or seas in the Martian northern lowlands: High resolution imaging tests of proposed coastlines". Geophysical Research Letters 26: 3049–3052. Bibcode 1999GeoRL..26.3049M. DOI:10.1029/1999GL002342. http://www.agu.org/pubs/crossref/1999/1999GL002342.shtml. 
  19. United States Geological Survey Astrogeology Program, Gazeteer of Planetary Nomenclature, "Mars Nomenclature".
  20. United States Geological Survey Astrogeology Program, Gazetteer of Planetary Nomenclature, "Descriptor Terms (Feature Types)".
  21. 21,0 21,1 21,2 Britt, R.R. (18-03-2004). "Scientist attacks alien claims on Mars". CNN. http://www.cnn.com/2004/TECH/space/03/17/alien.debunk/index.html. Consultado o 12-10-2007. 
  22. Smukler, H. (1977). "Dramatic Photos of Mars: the Home of the Gods". Ancient Astronauts (xaneiro): 26. 
  23. "The Face on Mars, Viking Project". NASA website. http://www.nasa.gov/multimedia/imagegallery/image_feature_60.html. Consultado o 26-04-2007. 
  24. Dunning, =B. (22-04-2008). "The Face on Mars Revealed". Skeptoid #97. http://skeptoid.com/episodes/4097. Consultado o 26-08-2008. 
  25. "Badlands Guardian Geological Feature". Google Maps. http://maps.google.com/maps?z=16&ll=50.010083,-110.113006&spn=0.009363,0.020084&t=k&iwloc=addr. Consultado o 26-04-2007. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Acidalia Planitia Modificar a ligazón no Wikidata